Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 22 de marzo de 2013 Páx. 8776

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada modificación do tramo 323-327 da LAT 220 kV SC Mesón-Porto, no tramo comprendido entre os apoios 323-327, nos termos municipais da Coruña e Culleredo (expediente IN407A 2012/145).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE), con enderezo para os efectos de notificación en Paseo del Conde de los Gaitanes, nº 177, 28109 Madrid, resultan os seguintes,

Antecedentes de feito:

Primeiro. A empresa REE é a propietaria da liña aérea de alta tensión (LAT) a 220 kV, en simple circuíto (SC), denominada Mesón-Porto, que ten a súa orixe na subestación de Mesón do Vento e o seu final na subestación do porto, ambas na provincia da Coruña, e cunha lonxitude de 26,5 km.

Con motivo da construción da autovía de acceso á Coruña e conexión co aeroporto de Alvedro, tramo As Lonzas-A Zapateira que promove o Ministerio de Fomento, a empresa adxudicataria Acciona solicitou a REE a modificación desta liña para regulamentar a zona de influencia do proxecto da autovía coa liña eléctrica, sendo preciso para isto efectuar unha variación da traza actual da liña eléctrica nos tramos comprendidos entre os apoios 323 a 327 e 328 a 331, localizados nos termos municipais da Coruña e Culleredo.

Segundo. O 7.8.2012 a empresa REE presentou, ante a Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada modificación dos tramos 323-327 e 328-331 da LAT 220 kV SC Mesón-Porto, xunto co proxecto de execución e das correspondentes separatas técnicas para os organismos afectados.

Con esta modificación, entre os apoios 323-327 producirase un cambio de traza da liña eléctrica mentres que entre os apoios 328-331 se manterá a traza, realizándose un cambio de situación de apoios baixo traza.

Terceiro. O 11.9.2012 a empresa REE presentou, ante a xefatura territorial, a solicitude de desistencia da súa petición de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da modificación da LAT 220 kV SC Mesón-Porto no tramo comprendido entre os apoios 328-331.

Entre estes apoios no se producirá un cambio de traza, senón un cambio de situación dos apoios 329 e 330 baixo traza; polo tanto, esta modificación non precisa de autorización administrativa nin de aprobación do proxecto de execución, segundo o disposto no punto 4 da ITC LAT 09 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, en relación co artigo 115 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Deste xeito, o proxecto inicial queda dividido en dúas partes, unha (con cambio de traza) sometida ao trámite de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución e outra (sen cambio de traza) acollida á ITC LAT 09 citada no parágrafo anterior.

Cuarto. O 8.10.2012 a empresa REE presentou, ante a xefatura territorial e como substitución do proxecto inicial, a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada modificación do tramo 323-327 da LAT 220 kV SC Mesón-Porto, xunto co proxecto de execución e das correspondentes separatas técnicas para os organismos afectados. Tamén presentan oficio do Ministerio de Fomento dirixido a REE, con rexistro de saída do 31.8.2012, no que autoriza a esta empresa para a constitución da nova servidume de paso de enerxía eléctrica a que dea lugar a citada modificación.

Esta modificación realizarase na zona de Elviña, nos termos municipais da Coruña e Culleredo, afectará o tramo comprendido entre os apoios 323 e 327, que ten unha lonxitude de 1.411 m, e consistirá basicamente no seguinte: desmontaxe dos apoios 324, 325 e 326 e instalación dos novos apoios metálicos (tipo Drago) 324A, 324B, 325 e 326 (quedando unha lonxitude de 1.453 m entre os apoios 323 e 327), empregándose condutor LA 455 e instalándose dous cables de terra, un tipo Alumoweld 7/8 de 58,56 mm2 de sección, entre os apoios 324A e 326, e outro tipo OPGW de 118 mm2 de sección, entre os apoios 324A e 327.

Quinto. O 15.10.2012 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización da infraestrutura eléctrica denominada modificación do tramo 323-327 da LAT 220 kV SC Mesón-Porto, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 26.10.2012 e no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 26.10.2012. Durante este trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Sexto. Ademais, a xefatura territorial trasladou as separatas do devandito proxecto ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada infraestrutura eléctrica, para os efectos de obter a súa conformidade, oposición ou reparos para a súa autorización. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese un resumo da súa resposta (da cal se deu traslado ao promotor para obter a súa conformidade):

Entidade

Resumo da resposta

1

Demarcación de Estradas do Estado en Galicia-Ministerio de Fomento

Informe do 31.10.2012: mostra a súa conformidade.

2

Dirección Xeral de Patrimonio Cultural-Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Informe do 5.11.2012. emite informe favorable, indicando as consideracións que deberá ter en conta.

3

Servizo de Vías e Obras-Deputación Provincial da Coruña

Non contestou a petición de informe, nin a reiteración desta petición. Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

4

Concello da Coruña

Non contestou a petición de informe, nin a reiteración desta petición. Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

5

Concello de Culleredo

Non contestou a petición de informe, nin a reiteración desta petición. Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

6

Unión Fenosa Distribución, S.A.

Informe do 14.11.2012: mostra a súa conformidade.

7

Gas Galicia SDG, S.A.

Informe do 18.2.2013: mostra a súa conformidade, indicando o condicionado que se debe ter en conta no desenvolvemento dos traballos.

8

Telefónica de España, S.A.

Informe do 25.10.2012: mostra a súa conformidade, pedindo que se lles comunique con antelación suficiente a data de execución das obras, para comprobar sobre o terreo o cumprimento das prescricións vixentes en materia de cruzamentos e paralelismos de liñas de alta tensión con liñas de comunicación.

Sétimo. O 25.10.2013 a xefatura territorial solicitou á Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo o preceptivo informe exixido, para as instalacións de transporte, no artigo 36.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; quen emitiu o 16.11.2012 informe favorable sobre a devandita infraestrutura eléctrica.

Oitavo. A xefatura territorial emitiu os seguintes informes, con respecto á devandita infraestrutura eléctrica:

– O 15.10.2012 informe favorable para o sometemento a información pública da solicitude de autorización administrativa.

– O 20.2.2013 informe en que se conclúe a procedencia de que esta dirección xeral continúe coa tramitación do expediente.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

Terceiro. A Lei 30/1992, do 30 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece no seu artigo 90.1 que todo interesado poderá desistir da súa solicitude e, no seu artigo 91.2, que a Administración aceptará de plano a desistencia e declarará concluído o procedemento.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada modificación do tramo 323-327 da LAT 220 kV SC Mesón-Porto, nos termos municipais da Coruña e Culleredo (A Coruña) e promovida por REE.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica que se cita.

3. Aceptar a desistencia de REE respecto da súa solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da modificación do tramo 328-331 da LAT 220 kV SC Mesón-Porto, e declarar concluído este procedemento.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por REE, titulado modificación do tramo 323-327 da LAT 220 kV SC Mesón-Porto, asinado polo enxeñeiro industrial Rafael García Fernández (colexiado nº 12.654 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), e con visado dixital deste colexio, con nº 201210852 e data 1.10.2012; e no que figura un orzamento de 752.189,34 €.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativa e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral. Así mesmo, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito sexto da presente resolución), a empresa promotora da infraestrutura eléctrica procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes ou, de ser o caso, pendentes de emitir.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas