Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 20 de marzo de 2013 Páx. 8467

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (916/2010).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento ordinario 916/2010-F, deste xulgado do social, seguido por instancia de Bienvenido López Diéguez contra a empresa Servicur Seguridad, S.L. e o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), sobre ordinario, foi ditada a seguinte resolución:

«Sentenza: 97/2013.

Procedemento: reclamación de cantidade 916/2010.

A Coruña, 26 de febreiro de 2013

Vistos por Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña e o seu partido, os presentes autos de xuízo nº 916/2010 seguidos por instancia de Bienvenido López Diéguez, que comparece asistido polo letrado Sr. Páramo Sureda, contra a empresa Servicur Seguridad, S.L., en rebeldía procesual, e o Fogasa, que non comparece; versa a litis sobre reclamación de cantidade.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A parte demandante antes citada formulou demanda recibida no Xulgado do Social número 2 na data do 13.10.2010, contra a demandada xa mencionada, na cal, despois de expor os feitos e fundamentos que achou pertinentes, remataba suplicando que se ditase sentenza pola cal se condenase a demandada a aboar a aquela a cantidade de 2.846,55 euros, por sumas debidas en concepto de salario do mes de xuño de 2010, parte proporcional das vacacións de 2010, indemnización por fin de contrato, complemento de nocturnidade, complemento de festivos e horas extra realizadas.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, convocáronse as partes aos actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar coa asistencia da parte demandante, que se ratificou na súa demanda, sen que comparecese a entidade demandada nin os seus representantes e, recibido o preito a proba pola parte comparecida, propúxose documental e confesión xudicial; seguidamente, a demandante fixo uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións e quedou o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste xuízo se observaron as prescricións legais, agás o prazo para ditar sentenza.

Feitos probados:

Primeiro. O demandante, Bienvenido López Diéguez prestou servizos na empresa Servicur Seguridad, S.L. desde o 4.5.2010 ata o 29.6.2010, coa categoría profesional de vixilante, polo cal percibía un salario mensual con rateo de pagas extra de 1.484,74 euros (ramo de proba da demandante).

Segundo. A empresa demandada, que non compareceu ao acto da vista, non acreditou aboamento das cantidades reclamadas en concepto de salario do mes de xuño de 2010, parte proporcional das vacacións de 2010, indemnización por fin de contrato, complemento de nocturnidade, complemento de festivos e horas extra realizadas.

Terceiro. O traballador non ten nin tivo no último ano a condición de delegado de persoal nin membro de comité de empresa, nin representante sindical.

Cuarto. Con data do 5.10.2010 realizouse acto de conciliación previa ante o SMAC, finalizado co resultado de “intentado sen efecto”.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Na demanda reitora do presente procedemento a parte demandante solicita que se condene a demandada a aboar a cantidade de 2.846,55 euros, por sumas debidas en concepto de salario do mes de xuño de 2010, parte proporcional das vacacións de 2010, indemnización por fin de contrato, complemento de nocturnidade, complemento de festivos e horas extra realizadas.

A empresa demandada Servicur Seguridad, S.L. non comparece para os efectos de desvirtuar as alegacións do demandante. O Fogasa tampouco comparece ao acto da vista.

Con carácter previo e como refire a STSX de Galicia, Sala do Social, do 12.2.2010, recurso 5144/2009, non debemos esquecer que a declaración de confeso do demandado, como foi solicitado pola demandante, non obvia a obriga da parte de probar os feitos que contén a súa demanda; así se expresa a devandita resolución:

“... segundo o teor do disposto no artigo 91.2 da Lei de procedemento laboral, a ficta confessio non é unha obriga para o xulgador de instancia, senón unha facultade discrecional deste, que poderá ter ou non por confeso conformado a confesar o non comparecente, sendo así que o artigo 91 da Lei de procedemento laboral establece a posibilidade de que o xuíz poida ter por confesa a parte que non comparecer sen xusta causa á primeira citación, en tanto que o artigo 94.2 do mesmo texto legal permite, non obriga, que poidan considerarse probadas as alegacións pola parte que propuxo a proba que, acordada polo xulgador, non foi presentada pola parte requirida para isto, de maneira que, a priori, a falta de presentación da proba pola parte requirida, non produce, sen máis, indefensión á parte requirente, pois é facultade do xulgador dar por probadas ou non as alegacións feitas en relación coa proba acordada, tendo en conta que en atención á inveterada doutrina, por todas a Sentenza do 2 de marzo de 1992, a incomparecencia de demandado non exime o demandante de probar os feitos en que fundamenta a súa propia petición por aplicación do principio de distribución da carga da proba, que lle impón a de acreditar os feitos constitutivos da súa pretensión ...”.

Na súa consideración, e entrando no fondo da litis formulada, segundo o teor do disposto no artigo 217 LAC, texto legal de aplicación subsidiaria no ámbito da xurisdición social, dada a incomparecencia da empresa demandada e os seus representantes legais, resultou acreditada a relación laboral ou contrato de traballo que vincula a demandante coa demandada durante o período obxecto de reclamación salarial, así como a remuneración das cantidades reclamadas, conclusión que se extrae da documental que consta en autos, principalmente, contratos de traballo do Sr. López, follas de salarios e certificado de empresa, achegados no acto da vista, que non foron por outra parte impugnados pola entidade citada no devandito acto.

Segundo. Por tanto, e en consonancia co exposto nos feitos probados e fundamento xurídico precedente, débese estimar integramente a demanda e condenar a demandada a aboar á demandante a cantidade de 2.846,55 euros, por sumas debidas en concepto de salario do mes de xuño de 2010, parte proporcional das vacacións de 2010, indemnización por fin de contrato, complemento de nocturnidade, complemento de festivos e horas extra realizadas.

Vistos os preceptos legais e demais de concordante aplicación, resolvo que considerando integramente a demanda formulada por Bienvenido López Diéguez, que comparece asistida polo letrado Sr. Páramo Sureda, contra a empresa Servicur Seguridad, S.L., en rebeldía procesual, e o Fogasa, que non comparece, debo condenar e condeno a demandada a aboar á demandante a suma de 2.846,55 euros, no sentido exposto no fundamento de dereito segundo, incrementada cos xuros moratorios pertinentes.

Así mesmo, debo absolver o Fogasa, sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria respecto a tales cantidades nos termos establecidos no artigo 33 ET.

Notifíquese esta sentenza ás partes, e fágaselles saber que, en virtude do disposto no artigo 191.2.g) da Lei 36/2011, do 11 de outubro, reguladora da xurisdición social, non cabe recurso contra ela.

Así o pronuncio, mando e asino por esta a miña sentenza, definitivamente xulgando en primeira instancia, Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña».

Publicación. A anterior resolución, foi lida, e publicada, pola xuíza que a autoriza, en audiencia pública, lugar e data nela indicados. Dou fe.

E para que sirva de notificación en legal forma a Servicur Seguridad, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 27 de febreiro de 2013

María Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial