Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 18 de marzo de 2013 Páx. 8159

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (625/2011).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento seguridade social 625/2011-F deste xulgado do social, seguido por instancia de Teresa de Jesús Restrepo Osorio contra o Instituto Nacional da Seguridade Social, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Xunta de Galicia, a herdanza xacente de Clotilde Feijoo Rodríguez, sobre seguridade social, se ditou a seguinte resolución:

«Sentenza 90/2013.

Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Procedemento incapacidade temporal 625/2011.

Sentenza.

A Coruña, 20 de febreiro de 2013

Vistos por Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña e o seu partido, os presentes autos de xuízo nº 625/2011 seguidos por instancia de Teresa de Jesús Restrepo Osorio, que comparece asistida do letrado Sr. Pousa Meréns, contra Instituto Nacional da Seguridade Social e Tesouraría Xeral da Seguridade Social, que comparecen representados pola letrada Sra. Guerra Díaz, contra a Xunta de Galicia, que comparece representada pola letrada Sra. Benedeti Corzo, e contra a herdanza xacente de Clotilde Feijoo Rodríguez, que non comparece ao acto de xuízo, sobre declaración de incapacidade temporal.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Que a parte demandante antes citada formulou demanda recibida no Xulgado Decano con data do 17.6.2011, contra a demandada xa mencionada en que, despois de expor os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza pola que se condene as demandadas ao aboamento das prestacións de incapacidade temporal durante o período comprendido do 5.6.2008 ao 30.11.2008, ao reunir todos e cada un dos requisitos exixidos para causar dereito a elas e isto coas consecuencias legais inherentes.

Segundo. Que admitida a trámite a demanda, se convocaron as partes aos actos de xuízo, que tiveron lugar coa asistencia da parte demandante, que ratificou a súa demanda. As codemandadas INSS e Xunta de Galicia opuxéronse a ela polos motivos que constan acreditados en autos. Recibido o xuízo a proba, as partes propuxeron documental que, logo de declaración de pertinencia, se practicou co resultado que, de ser o caso, se fará mención. Seguidamente as partes fixeron uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións e quedou o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste xuízo se observaron as prescricións legais.

Feitos probados:

Primeiro. A demandante, Teresa de Jesús Restrepo Osorio, con DNI 54158658 E, está afiliada á Seguridade Social no réxime especial de empregados de fogar, co nº 15/10343247/91, e a súa profesión habitual é a de empregada de fogar (expediente administrativo).

Segundo. A demandante causou baixa por incapacidade temporal por enfermidade común con data do 5.6.2008 e permaneceu nesa situación ata o 30.11.2008.

Terceiro. Solicitada pola demandante a tramitación de prestación por incapacidade temporal, o INSS denégalla mediante resolución do 15.4.2011 por non estar a Sra. Restrepo en situación de alta ou asimilada á alta na data do feito causante da prestación e non reunir un período mínimo de cotización de 180 días nos cinco anos anteriores á data da baixa por enfermidade.

Cuarto. Recoñeceuse a existencia de relación laboral entre as partes durante o período comprendido entre o 2.5.2007 e o 8.6.2008, mediante sentenza ditada polo Xulgado do Social número 1 da Coruña con data do 9.9.2010.

Quinto. A demandante cursa a correspondente denuncia ante a Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social a que se contesta mediante resolución do 6.4.2011, en se procede a dar de alta e cotización á traballadora durante o período comprendido entre o 2.5.2007 e o 8.6.2008.

Sexto. A demandante esgotou a vía administrativa mediante a presentación de reclamación previa con data do 28.4.2011, que foi desestimada mediante resolución do INSS do 1.6.2011 por «non ser responsable este Instituto do pagamento da prestación de incapacidade temporal ao ter esta por causa unha continxencia común e ter incumprido o cabeza de familia a obriga de dala de alta na Seguridade Social. Nestes casos non opera nin o anticipo da prestación nin a responsabilidade subsidiaria do INSS».

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Os feitos que expresa o punto anterior considéranse acreditados en virtude da proba practicada, concretamente da documental achegada ao acto do xuízo oral polas partes, sen que ningunha delas fose impugnada, polo que constitúe proba plena.

Segundo. A cuestión formulada entre as partes limítase a se o INSS debe aboar ou non a prestación de IT a favor da demandante. O INSS nega que proceda tal aboamento en aplicación do disposto no artigo 126 da LXSS en relación cos números 1 e 3 do artigo 95 da LXSS de 1966 (hoxe artigo 126 LXSS). O artigo 126 da LXSS establece: «1. Cando se causase dereito a unha prestación por se cumpriren as condicións a que se refire o artigo 124 da presente lei, a responsabilidade correspondente imputarase, de acordo coas súas respectivas competencias, ás entidades xestoras, mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social ou empresarios que colaboren na xestión ou, de ser o caso, aos servizos comúns.

2. O incumprimento das obrigas en materia de afiliación, altas e baixas e de cotización determinará a exixencia de responsabilidade, en canto ao pagamento das prestacións, logo da fixación dos supostos de imputación e do seu alcance e a regulación do procedemento para facela efectiva.

3. Malia o establecido no punto anterior, as entidades xestoras, mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais ou, de ser o caso, os servizos comúns procederán, de acordo coas súas respectivas competencias, ao pagamento das prestacións aos beneficiarios naqueles casos, incluídos nesa epígrafe, en que así se determine regulamentariamente, coa conseguinte subrogación nos dereitos e accións de tales beneficiarios. O indicado pagamento procederá mesmo cando se trate de empresas desaparecidas ou daquelas que pola súa especial natureza non poidan ser obxecto de procedemento de constrinximento. Igualmente, as mencionadas entidades, mutuas e servizos asumirán o pagamento das prestacións, na medida en que se atenúe o alcance da responsabilidade dos empresarios respecto ao dito pagamento (…)».

Interpreta tal precepto numerosa xurisprudencia, entre outras STS do 14 xuño de 2000, Sala do Social, que no seu fundamento de dereito segundo refire: «(…) É doutrina unificada que o principio de automaticidade das prestacións, que aparece actualmente formulado de modo xenérico no artigo 126.3 da vixente Lei da Seguridade Social (artigo 96.3 LXSS de 1974) con remisión ao concreto desenvolvemento regulamentario, non sempre obriga as entidades xestoras e colaboradoras a anticiparen o pagamento das prestacións aos beneficiarios. A automaticidade opera sen excepción respecto dos traballadores que se encontran en alta no réxime da Seguridade Social aínda que as empresas incorresen en descubertos ou infracotizacións. Pola contra, cando se trata de traballadores que non foron dados de alta polo seu empregador, a obriga de anticipo non alcanza as continxencias comúns e queda restrinxida ás prestacións derivadas das profesionais, é dicir, accidentes de traballo e enfermidades profesionais; e iso porque para tales efectos, o artigo 125.3 da LXSS os considera «de pleno dereito, en situación de alta» (…)».

Por todo o dito procede estimar parcialmente a pretensión da parte demandante e recoñecer que ten dereito a percibir a prestación de IT correspondente ao período que vai do 5.6.2008 ata o 30.11.2008, cuxo aboamento corresponde á herdanza xacente de Clotilde Feijoo Rodríguez, dado que esa prestación de IT deriva de enfermidade común, absolvendo o INSS e a Xunta de Galicia de todos os pedimentos da demanda dirixidos contra elas.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral aplicación ao caso,

Resolvo:

Que estimando parcialmente a demanda presentada por Teresa de Jesús Restrepo Osorio, que comparece asistida do letrado Sr. Pousa Meréns, contra Instituto Nacional da Seguridade Social e Tesouraría Xeral da Seguridade Social, que comparecen representados pola letrada Sra. Guerra Díaz, contra a Xunta de Galicia, que comparece representada pola letrada Sra. Benedeti Corzo, e contra a herdanza xacente de Clotilde Feijoo Rodríguez, que non comparece ao acto de xuízo, declaro o dereito da demandante a percibir a prestación de incapacidade temporal, con cargo á herdanza xacente de Clotilde Feijoo Rodríguez, desde o 5.6.2008 ata o 30.11.2008, cos xuros correspondentes, condenando as demandadas a se ater á citada declaración e a herdanza xacente de Clotilde Feijoo Rodríguez, absolvendo o INSS, TXSS e Xunta de Galicia de todos os pedimentos da demanda dirixidos contra eles.

Notifíquese esta resolución ás partes, ás que se lles fará saber que non é firme e contra ela cabe interpor recurso de suplicación para ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se deberá anunciar ante este xulgado no prazo de cinco días contado desde a notificación desta sentenza, do que coñecerá, de ser o caso, a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tal como establece o artigo 188 e seguintes do texto refundido da lei, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril, pasados os cales quedará firme e se procederá ao seu arquivo.

Así, por esta miña sentenza, definitivamente xulgando en primeira instancia, pronúnciao, mándao e asínao Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Publicación. A anterior resolución leuna e publicouna a xuíza que a autoriza, en audiencia pública, no lugar e na data nela indicados. Dou fe».

E para que sirva de notificación en legal forma á herdanza xacente de Clotilde Feijoo Rodríguez, en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 25 de febreiro de 2013

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial