Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Venres, 15 de marzo de 2013 Páx. 8040

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 25 de febreiro de 2013 polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e impacto ambiental da obra de variante de Aradas en Santiago de Compostela (clave AC/10/020.00).

O 22 de febreiro de 2013, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e impacto ambiental da obra «Variante de Aradas en Santiago de Compostela. Clave AC/10/020.00», coas seguintes prescricións e modificacións, que son consecuencia da análise efectuada das alegacións presentadas:

– Primeira. Corrixiranse as erratas e imprecisións detectadas nas valoracións dos bens afectados en certas parcelas.

– Segunda. Suprimirase a reposición do camiño nº 7 do proxecto e prolongarase a reposición do camiño nº 5.

– Terceira. Suprimirase a reordenación viaria proposta entre a Vía Nobel e a Vía da Cierva, mantendo o esquema do estado actual pero con raios de curvatura e illas melloradas.

– Cuarta. Ampliarase a sección do paso inferior da reposición do camiño nº 5 a 12 metros interiores.

– Quinta. Modificarase o número de carrís e, en consecuencia, o largo do ramal noroeste da CP-0701 desde a rotonda proxectada, reducindo ocupacións e permitindo a incorporación dunha beirarrúa de 1,80 metros nunha das marxes.

– Sexta. Diminuirase a distancia dos camiños de servizo ao tronco para minimizar a afección.

– Sétima. En fases posteriores analizarase con detalle a disposición das pantallas acústicas, a necesidade de expropiación total dalgunhas das parcelas, as necesidades de ocupación temporal, e demais aspectos alegados, pero que non teñen incidencia sobre a concepción do trazado.

Segundo. Nas fases posteriores do proxecto e durante a execución da obra, cumpriranse as prescricións da declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental na súa Resolución de 20 de xullo de 2012.

Terceiro. Consonte establece o artigo 15.3 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, ordénase a modificación ou revisión do planeamento urbanístico do concello de Santiago de Compostela, afectado polo proxecto de trazado e impacto ambiental da obra «Variante de Aradas en Santiago de Compostela. Clave AC/10/020.00», o cal deberá acomodarse ás determinacións do proxecto de trazado no prazo dun ano desde a súa aprobación.

Cuarto. O proxecto de construción que desenvolva o proxecto de trazado deberá axustarse ás indicacións recollidas nesta resolución.

Quinto. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas), porase á disposición dos interesados un documento coa planta do proxecto de trazado aprobado.

Sexto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2013

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas