Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Martes, 12 de marzo de 2013 Páx. 7312

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca para o ano 2013 o programa de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos e que residan no exterior.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no título preliminar, no seu artigo 7, o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia en relación coa disposición transitoria terceira do Decreto 243/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior e a programación de actividades dirixidas á promoción e difusión da cultura galega e ao recoñecemento da realidade actual de Galicia no exterior.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e tempo libre dirixidas á xuventude do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos nos programas e servizos a favor da xuventude.

Para acadar esta finalidade, cóntase coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a través da súa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

A disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En virtude do exposto e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na normativa que a desenvolve,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá o programa de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

2. Igualmente, ten por obxecto convocar o programa de axudas correspondentes ao ano 2013.

Artigo 2. Modalidades, número de prazas convocadas e características

O programa Conecta con Galicia desenvolverase nas seguintes modalidades:

1. Actividades de aire libre: convócanse 160 prazas para mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, en dous grupos de idades, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos, que se distribuirán, conforme o establecido no anexo II da presente convocatoria, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 e do 15 ao 26 de xullo, en residencias e albergues xuvenís situados en Galicia dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, xunto con mozos e mozas residentes en Galicia para a realización das seguintes actividades:

a) «Cultura e camiño», os participantes aloxaranse seis días, preferentemente, nas residencias xuvenís Eijo Garay en Lugo e Florentino López Cuevillas en Ourense, onde participarán en actividades para coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas e percorrerán o Camiño de Santiago en diferentes etapas ata chegar a Compostela.

b) «O mar de Galicia», os seis días restantes aloxaranse en zona de costa, preferentemente, nos albergues xuvenís Gandarío en Bergondo (A Coruña) ou As Sinas en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

2. Campos de traballo: convócanse 20 prazas en campos de traballo, situados en distintas localidades da Comunidade Autónoma galega, para participantes con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade. As instalacións e datas concretas adaptaranse ao disposto na convocatoria do programa de campos de traballo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental do noso contorno e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico. Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de animación, de lecer e tempo libre.

3. A Consellería de Traballo e Benestar colaborará na execución deste programa poñendo á disposición dos beneficiarios do programa os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas, así como os medios de desprazamento dos beneficiarios dos campamentos desde o aeroporto de chegada a Galicia ata o albergue xuvenil que lles sexa asignado, no caso das actividades de campamento.

4. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo do traslado dos participantes mediante o financiamento do 100 % e do 50 %, segundo figuran no anexo II e III das bases reguladoras, do custo dos billetes de ida e volta aéreo, así como os medios de desprazamento dos beneficiarios participantes en campos de traballo e os que realicen un retorno inmediato desde a instalación en que rematen a actividade ata o aeroporto de saída; para tales efectos a Secretaría Xeral da Emigración organizará directamente a prestación destes servizos.

5. Os grupos procedentes daqueles países con 15 participantes ou máis por quenda viaxarán con acompañantes propostos pola Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (Arxentina) para Arxentina, pola Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo (Uruguai) para Uruguai e nos demais países propostos polas respectivas entidades colaboradoras previstas no artigo 3.2 da convocatoria, coa conformidade dos pais ou titores dos menores.

6. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados asistirán ás sesións informativas que se realicen nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades que se de-senvolverán no programa en particular. Tamén serán informados das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que serán aloxados.

Artigo 3. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4. Prazo de resolución

O prazo máximo para resolver será de tres meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás o disposto no punto dous do artigo catro das bases reguladoras.

Artigo 5. Financiamento

Trátase de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan aos participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Artigo 6. Desenvolvemento e aplicación

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 7. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2013

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I
Bases reguladoras

Artigo 1. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter residencia habitual fóra de Galicia.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de emigrante galego ata o segundo grao de consanguinidade.

c) Ter nacionalidade española.

d) Atoparse vinculado con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes para aqueles solicitantes que teñan 18 ou máis anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

e) Ter unha idade entre 14 e 20 anos en 30 de xuño do ano da convocatoria, para os participantes en actividades de aire libre.

f) Ter unha idade entre 18 e 30 anos en 30 de xuño do ano da convocatoria, para os participantes en campos de traballo.

g) No caso dos solicitantes de actividades de aire libre, non ter participado en edicións anteriores na modalidade de campamentos programada pola Secretaría Xeral da Emigración.

h) No caso de solicitantes en campos de traballo, non ter participado en edicións anteriores na modalidade de campos de traballo.

i) Para as prazas financiadas ao 100 % da axuda do custo da viaxe, os solicitantes non deben contar con ingresos superiores a dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente, de referencia para o ano da convocatoria, do país de residencia do solicitante. Para os solicitantes residentes en Cuba, os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano da convocatoria.

Malia o disposto no parágrafo anterior, se o solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto nel, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número dos que convivan menos un.

j) Para os solicitantes que opten a prazas financiadas ao 50 % da axuda de custo da viaxe, poderán superar os limites de ingresos establecidos na alínea anterior.

Artigo 2. Solicitudes, documentación e lugar de presentación

1. Os solicitantes deberán presentar, no prazo indicado na convocatoria anual correspondente, solicitude conforme o modelo oficial que figura como anexo A desta resolución, optando unicamente por unha das modalidades (actividades de aire libre ou campos de traballo), acompañado da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade:

Os solicitantes que estean en posesión de DNI poderán prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe por medio de acceso electrónico a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o caso de que non presten este consentimento deberán presentar fotocopia do DNI, e para aqueles solicitantes que non estean en posesión de DNI, deberán presentar fotocopia do pasaporte.

b) Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou ascendencia galega ata o segundo grao de consanguinidade que inclúa documentación acreditativa do parentesco cando proceda.

c) Unha fotografía tamaño carné.

d) Certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no rexistro de matrícula como residentes, se estes datos non quedan debidamente acreditados polo pasaporte.

e) Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos brutos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o interesado e/ou membros da unidade económica familiar (ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade). No caso de imposibilidade de presentar esta documentación, poderá constituír documentación suficiente unha declaración responsable (modelo no anexo C). Para estes efectos, entenderase por unidade económica familiar cando o beneficiario conviva con outra persoa unida a el por matrimonio, por unión de feito, ou por lazos de parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao.

f) Certificado médico conforme o modelo oficial que figura como anexo D, de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de ser apto para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.

g) Declaración do beneficiario do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade. A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que en ningún caso a suma das axudas obtidas supere o 100 % do custo da actividade.

h) Modelo anexo C, en que conste o número total de membros que compoñen a U.E.F. Aqueles membros que convivan co solicitante e non teñan ingresos económicos deberán xustificalo (certificación negativa do ANSES para os maiores de 18 anos) ou, se non é posible, deberán entregar unha declaración xurada de que non perciben ingresos de ningún tipo.

Os solicitantes que foron admitidos a sorteo no último ano da convocatoria de campamentos, aire libre ou campos de traballo non terán que presentar a documentación das alíneas a) e d).

2. Os solicitantes deberán achegar debidamente cuberto o anexo B desta resolución, no cal debe figurar:

a) Preferencia para o regreso en función da quincena en que vai participar.

b) Autorización para viaxar sós, asinada polos pais ou titores legais, para os menores de idade.

c) Unha autorización asinada polos pais ou titores legais para os participantes menores de idade que desexen quedar coa súa familia en Galicia ao rematar a actividade, indicando os datos dos familiares responsables que se farán cargo destes menores de idade.

3. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e a Orde do 15 de setembro de 2011, as persoas interesadas poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante, e careceu do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e do artigo 22.3 do citado Decreto 198/2010. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

Os/as interesados/as que non posúan certificado dixital e así o desexen, poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

* En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Rio de Janeiro.

– Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Bahía.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrução de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro en Santos.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

* En Venezuela:

– Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que o/a interesado/a lle outorga á entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

4. Igualmente, as solicitudes poderán presentarse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas paxinas web:

https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es

5. As entidades galegas remitirán todas as solicitudes recibidas, xunto co resto da documentación, á Secretaría Xeral da Emigración nos catro días seguintes á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Este prazo só será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 3. Tramitación, procedemento e réxime de concesión

1. A ordenación e instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Programas Sociais.

2. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos de conformidade coas bases anteriores, elaboraranse listas provisionais de admitidos e excluídos por países, sinalando as causas de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de 40 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das entidades colaboradoras citadas no artigo 2.3 destas bases reguladoras.

3. Os interesados disporán dun prazo de dez días hábiles desde o día seguinte á publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (http://emigracion.xunta.es) para formular as alegacións que consideren oportunas e para emendar a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase desistido da súa petición e procederase ao arquivamento nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Transcorrido este prazo, elaboraranse as listas definitivas de admitidos e excluídos que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es). Tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das entidades colaboradoras citadas no artigo 2.3 das bases reguladoras.

5. Elaborada a relación de admitidos e excluídos, e no caso de que o número de admitidos sexa superior ao de prazas convocadas, a selección final de beneficiarios realizarase por sorteo público, axustándose ao número de prazas convocadas.

Respecto das prazas que queden vacantes á vista da relación do punto anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá distribuílas proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación ao tipo de prazas ofertadas, e no correspondente tramo de idade, ata un máximo dun 25 % do total das prazas.

Publicada a relación definitiva de beneficiarios na páxina web (http://emigracion.xunta.es), os interesados que quixeren modificar as datas de retorno disporán de 10 días naturais para modificalas, e non será admisible ningún outro cambio a partir desa data, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

6. Os participantes en campos de traballo en anteriores convocatorias non poderán solicitar actividades de aire libre, e quedarán automaticamente excluídos se as solicitaren.

7. No caso dos campos de traballo terán preferencia na selección aqueles solicitantes que non participasen anteriormente en actividades de campamentos ou aire libre convocados pola Secretaría Xeral da Emigración. Se o número de solicitudes admitidas que cumpren esta condición (non ter participado) for inferior ao número de prazas convocadas, serán seleccionados sen necesidade de sorteo público, e procederase a sortear as prazas restantes entre aqueles solicitantes admitidos que xa participasen nas actividades de campamentos ou aire libre.

No caso de que o número de solicitudes admitidas que non participasen con anterioridade en actividades de campamentos ou aire libre sexa superior ao número de prazas convocadas, será necesario o sorteo para proceder á súa selección.

8. En ambos os dous casos, os non seleccionados no sorteo pasarán a unha lista de reservas e pola orde resultante do sorteo, e poderán substituír aqueles seleccionados que renuncien á praza, nas condicións que determine a Secretaría Xeral da Emigración, para non prexudicar o normal desenvolvemento do programa.

9. Aqueles solicitantes que foron seleccionados no ano anterior ao da convocatoria para o programa de actividades de campamentos ou aire libre e campos de traballo e que non chegaron a viaxar sen xustificar previamente a súa ausencia, considerarase como se participasen na última convocatoria.

10. Non obstante o anterior, este programa de axudas queda condicionado á programación que para este tipo de actividades elabore a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 4. Comisión avaliadora

1. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral de Programas Sociais. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres funcionarios/as da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para as solicitudes presentadas na Arxentina e no Uruguai crearanse comisións de avaliación, presididas polos delegados da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo respectivamente. Para as solicitudes presentadas no Brasil, Cuba e Venezuela poderán crearse comisións de avaliación, presididas por un funcionario técnico da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por técnicos das delegacións, no caso da Arxentina e Uruguai, e, no caso de todos os países citados, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedoras da realidade social en que residen, viven e se desenvolven os solicitantes. Estas comisións avaliarán as solicitudes tendo en conta o previsto no artigo 1 e 2 das bases reguladoras.

3. Os expedientes que non fosen examinados polas comisións mencionadas no punto 2 deste artigo, serano pola comisión de avaliación indicada no punto 1 deste artigo tendo en conta o previsto no artigo 1 das bases reguladoras.

4. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considerar, poderá encargar informes socioambientais, que serán realizados por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos fornecidos nas solicitudes. Os resultados obtidos serán tidos en conta na avaliación das solicitudes e, se for o caso, darán lugar á desestimación da solicitude.

5. Os expedientes serán examinados polas comisións segundo os criterios de selección establecidos nas bases do programa. Posteriormente, a comisión de avaliación citada no punto 1 deste artigo elaborará unha proposta de concesión que o órgano instrutor elevará ao/a secretario/a xeral da Emigración, para a súa resolución.

6. Unha vez realizada a selección de beneficiarios por sorteo, o secretario xeral da Emigración ditará as resolucións oportunas e publicarase na páxina web (http://emigracion.xunta.es) a relación de beneficiarios.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

1. Con carácter xeral, os adxudicatarios das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve, coas peculiaridades establecidas na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, e no artigo 3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve.

2. Os adxudicatarios das prazas quedan obrigados a respectar as normas de réxime interno das residencias e albergues.

3. No caso de baixa ou renuncia ao programa, os beneficiarios deberán comunicar por escrito á Secretaria Xeral da Emigración, cunha anticipación de 15 días antes á da viaxe, a causa da renuncia. No caso de que non comunicasen a súa baixa ou renuncia con anticipación a viaxe, poderán ser penalizados con non seren beneficiarios de edicións futuras do programa.

4. Os solicitantes deberán cubrir o espazo destinado á declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma actividade, de acordo co modelo que figura na solicitude.

5. Os solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e no Rexistro Público de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro do cal será responsable a Consellería de Facenda, ante quen se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

6. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web (http://emigracion.xunta.es) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude comporta a autorización para o tratamento necesario de datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 6. Concorrencia de axudas, seguimento, modificación da resolución

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra axuda que lle puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo o beneficiario.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao amparo desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nas bases e na correspondente convocatoria anual e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal os beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

3. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas, podendo a Secretaría Xeral da Emigración adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

4. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

5. O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 7. Recursos

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

ANEXO II

A asignación do número de prazas en actividades de aire libre queda fixada para o ano 2013 do seguinte xeito:

País

14-17 anos

18-20 anos

Total 100 %-50 %

1-12 xullo
100 %-50 %

15-26 xullo

100 %-50 %

1-12 xullo

100 %-50 %

15-26 xullo

100 %-50 %

Arxentina

13/6

10/4

17/8

7/4

69

Brasil

-

3/2

-

6/3

14

Cuba

-

-

-

3 (100 %)

3

Uruguai

13/6

3/2

10/4

4/2

44

Venezuela

-

10/4

-

7/3

24

Resto de América

1/1

1/1

1 (100 %)

1 (50 %)

6

ANEXO III

A distribución das prazas de campos de traballo por países será a seguinte:

País

Prazas ao 100 %

Prazas ao 50 %

Prazas totais

Arxentina

3

2

5

Brasil

2

1

3

Cuba

2

0

2

Uruguai

3

1

4

Venezuela

2

1

3

Resto de América

2

1

3

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file