Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Martes, 12 de marzo de 2013 Páx. 7332

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 1 de marzo de 2013 pola que se avoca e delega a competencia sancionadora da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar de Ourense, por estar vacante o cargo.

Antecedentes.

O día 16 de febreiro 2013 o xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Ourense cesou voluntariamente no posto que ocupaba, en calidade de xefe territorial, a consecuencia da resolución do concurso de traslados F0111/2011 efectuada mediante Orde do 27 de abril de 2012 (DOG núm. 83, do 2 de maio), no cal participou.

Consideracións legais e técnicas.

1. O artigo 14.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común establece:

«Os órganos superiores poderán avocar para si o coñecemento dun asunto cuxa resolución corresponda ordinariamente ou por delegación aos órganos administrativos dependentes cando circunstancias de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial o fagan conveniente».

No mesmo sentido o artigo 7.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia prevé:

«Os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderán avocar para si o coñecemento dun asunto cuxa resolución lle corresponda ordinariamente ou por delegación a un órgano administrativo dependente, cando haxa circunstancias de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial que o fagan conveniente».

2. No presente caso resulta preciso avocar na conselleira do Medio Rural e do Mar a competencia que en materia sancionadora ten o xefe territorial de Ourense nesta consellería.

Polo que respecta á relación de dependencia entre a conselleira e o xefe territorial, o artigo 5 do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (dependencia dos departamentos territoriais) dispón:

«Sen prexuízo da súa integración na delegación territorial para os efectos de coordinación, os departamentos territoriais dependerán orgánica e funcionalmente das consellerías que correspondan por razón da materia».

Desde o día 3 de febreiro de 2011, ao abeiro da publicación do Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, as referencias aos departamentos territoriais contidas nos decretos polos cales se desenvolven as estruturas orgánicas das diferentes consellerías, así como en normas de igual ou inferior categoría, entenderanse realizadas no sucesivo ás xefaturas territoriais, segundo o previsto na súa disposición adicional segunda.

En consecuencia, resulta clara a relación de dependencia do xefe territorial respecto da conselleira do Medio Rural e do Mar, polo que esta última está facultada para avocar para si o exercicio de competencias que corresponden a aquel.

3. Concretamente, as competencias que avoca a conselleira son tanto as de inicio como as de resolución dos procedementos sancionadores e as demais competencias que, en materia sancionadora, atribúa ao xefe territorial desta consellería en Ourense a lexislación sectorial de aplicación.

En particular, cómpre destacar o Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias de medio rural; o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, e a demais lexislación sectorial reguladora das materias de competencia desta consellería.

4. En canto á motivación desta avocación, tanto o artigo 14.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, como o artigo 7.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, prevén que a avocación deberá realizarse mediante un acordo motivado, que deberá ser notificado aos interesados.

De acordo co exposto anteriormente, cómpre salientar que é precisamente a vacante existente no posto de xefe territorial de Ourense da Consellería do Medio Rural e do Mar o que motiva o ditado deste acordo de avocación. En particular, por non ser posible a delegación de sinatura en materia sancionadora (artigo 16.4 da Lei 30/1992 e 11.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro), nin resultar conveniente a paralización da actividade administrativa neste eido, procede avocar esta competencia, en tanto non se provexa o posto indicado cun novo titular da xefatura territorial.

5. Unha vez avocada a competencia pola conselleira do Medio Rural e do Mar, cómpre delegar a dita competencia no secretario xeral do Medio Rural e Montes. Para tal efecto, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, permite que os órganos das Administracións públicas deleguen o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración. Tal delegación será temporal, polo que producirá efectos durante o mesmo tempo que a avocación, isto é, ata o nomeamento dun novo xefe territorial da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Ourense.

Idéntico contido substancial á do citado artigo 13 contén o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (DOG núm.251, do 31 de decembro de 2010).

Segundo o disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, a delegación de competencias debe publicarse no Diario Oficial de Galicia e figurar dun xeito permanente e accesible na páxina web institucional da Consellería do Medio Rural e do Mar.

En consecuencia,

ACORDO:

Primeiro. Avocar para min, en calidade de titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, a competencia para o inicio, resolución e demais actos que correspondan de forma ordinaria en materia sancionadora, segundo a normativa de aplicación, do titular da xefatura territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Ourense, en tanto non se provexa esta praza cun novo titular, momento no que deixará de producir efecto esta avocación.

Contra este acordo non caberá recurso ningún, sen prexuízo da súa posible impugnación no recurso que, se é o caso, se interpoña contra as resolucións do procedementos.

Segundo. Delegar, co mesmo ámbito temporal, a dita competencia, no secretario xeral do Medio Rural e Montes.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar