Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Martes, 12 de marzo de 2013 Páx. 7310

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 45/2013, do 28 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de urbanización exterior e apertura da rúa Pintor Xenaro Carrero (concello de Noia).

O Concello de Noia, en sesión que tivo lugar o día vinte e seis de outubro de dous mil doce, aprobou o proxecto das obras de urbanización exterior e apertura da rúa Pintor Xenaro Carrero (concello de Noia) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na comisión de secretarios xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan o Concello e o informe do técnico municipal, o barrio de Labarta tivo un importante crecemento urbanístico e demográfico nas últimas décadas, chegando a construírse case toda a edificabilidade prevista, ademais de existir na zona unha importante actividade económica. Na actualidade toda esta zona dispón de só dous accesos que non teñen as dimensións axeitadas e non poden absorver todo o fluxo de vehículos.

Todo isto conclúe en que o barrio de Labarta estea moi mal comunicado co resto da malla urbana, pero ademais fai que a zona de Barro se conecte coa vila a través do tramo urbano da estrada autonómica C-550. Esta é unha das principais arterias da vila noiesa, pero unha vía saturada polo inxente tráfico e cunha alta sinistrabilidade, con gran número de colisións entre vehículos, ou con peóns, sendo o tramo de estrada da vila con máis accidentes no último ano. A apertura da vía principal do barrio permitirá desbloquear o seu illamento e dotar dunha nova arteria de conexión a zona de Barro e o centro urbano, desconxestionando a saturada estrada autonómica C-550 ao seu paso pola zona, mellorando a seguridade de vehículos e peóns.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de febreiro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de urbanización exterior e apertura da rúa Pintor Xenaro Carrero (concello de Noia), debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e oito de febreiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza