Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Venres, 8 de marzo de 2013 Páx. 7058

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 20 de febreiro de 2013 pola que se acorda a cesión en propiedade da embarcación Isabel de Barreto, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Confraría de Pescadores de Lira.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, dispón que esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde desenvolver as competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións de profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, quedando obrigado o cesionario a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.

Por outra parte, a Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que actúan como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

O día 25 de xaneiro de 2013, a Confraría de Pescadores de Lira solicitou a cesión en propiedade dunha embarcación.

A referida confraría destinará a embarcación a fins de utilidade pública ou interese social e, de xeito especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos, á colaboración en salvamento marítimo e á loita contra a contaminación mariña. Polo tanto, faise preciso cederlle en propiedade o ben moble antes indicado.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29, do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade á Confraría de Pescadores de Lira da seguinte embarcación:

Nome da embarcación: Isabel de Barreto.

Ano de construción: 1995.

Modelo: SOLAS III/S/.

Casco: Semirríxido.

Motores: 2 motores YAMAHA-70 BETOL de 50 Cv cada un.

Dimensións: manga 2.53 m, eslora 6.77 m, puntal 1.93 m.

Total (R.B.): 1,88 TRB.

Matrícula: 8ª CO-2-5-07.

Ano de inscrición: 2007.

Artigo 2

O presente acordo de cesión leva implícita a desafectación do dominio público da embarcación que se cede en propiedade, citada no artigo 1.

Artigo 3

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, o ben cedido destinarao á confraría cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos e á colaboración en salvamento marítimo e na loita contra a contaminación mariña.

b) Coa cesión outórgaselle á Confraría de Pescadores de Lira a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán a cargo da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Tanto se o ben cedido non se aplicase aos fins sinalados como se se descoidase ou se utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considérase resolta a cesión e o ben reverterá a Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que tivese sufrido.

e) A confraría cesionaria realizará todos os trámites necesarios para o cambio de titularidade do ben cedido no rexistro marítimo da capitanía marítima correspondente, e correrán pola súa conta todos os gastos que estes trámites orixinen.

Artigo 4

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario en quen delegue, e nela deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 5

Corresponde á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación da embarcación citada no artigo 1 á fin para o que é cedida, podendo adoptar para isto cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2013

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar