Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Xoves, 28 de febreiro de 2013 Páx. 6217

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 11 de febreiro de 2013 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Insua dos Poetas.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Insua dos Poetas con domicilio no lugar de Guimarás, Corneda, no Irixo (Ourense).

Feitos:

1. Luís Eugenio González Tosar, presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Insua dos Poetas foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense, o 14 de xaneiro de 2013, ante o notario Enrique Hernanz Vila, co número de protocolo 95, Luís Eugenio González Tosar e Pilar Tosar González.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto a promoción e fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural, a difusión da obra do fundador, o escritor Luís González Tosar (Buenos Aires, 25.8.1952) e a conservación e catalogación do seu arquivo e biblioteca, depositados na casa sita no lugar de Guimarás, 25, parroquia de Corneda, concello do Irixo, Ourense.

4. O padroado inicial da Fundación está formado Luís Eugenio González Tosar, como presidente; Domingo Manuel Calvelo Iglesias, como vicepresidente; Óscar Javier Castro Martínez, como secretario; e Celso Sánchez González, Antonio Piñeiro Feijóo, Víctor Campio Pereira González e Antonio Pulido Novoa como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicesecretario e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Insua dos Poetas, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 5 de febreiro de 2013

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Insua dos Poetas, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza