Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Martes, 19 de febreiro de 2013 Páx. 4710

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2013

Gonzalo José Ordóñez Puime
Director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, na súa reunión do día 27 de decembro de 2012, adoptou o seguinte acordo:

De conformidade coas negociacións previas realizadas polo grupo de traballo constituído por acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, do día 27 de xuño de 2012, para o estudo e a proposta de solución de discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 6.2, 33.4, 43 (números 2, 5, 6 e 7), 83.5 e 114 da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, ambas as partes consideran estas solucionadas, nos seguintes termos:

1º Ambas as partes manifestan que o artigo 6.2 da Lei 2/2012 debe interpretarse sen prexuízo da normativa estatal ditada en exercicio das competencias do Estado e, en consecuencia, no sentido de que a norma é prevalente fronte á normativa sectorial de competencia autonómica no caso de relacións de consumo.

2º Ambas as partes entenden que o artigo 33.4 da Lei 2/2012, ben que atende á protección do consumidor, non pode ser interpretado e aplicado nun sentido contrario ás liberdades de establecemento e de prestación de servizos, tal e como as concretou a Lei 17/2009, do 23 de novembro, mediante a que se traspuxo ao ordenamento español a Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello.

Por tanto, ambas as partes declaran que as obrigas establecidas no artigo 33.4 da Lei 2/2012 son de aplicación unicamente cando se trate dos servizos a que se refiren os artigos 2.2 e 13 da citada Lei 17/2009, de conformidade cos termos previstos nela e sen prexuízo do disposto nas normas básicas estatais que fixan as condicións para o acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

3º No que se refire ao número 2 do artigo 43 da lei, ambas as partes coinciden en interpretalo no sentido de que a mención á «lexislación xeral de arbitraxe» implica, por aplicación do disposto na disposición adicional única da Lei 60/2003, de arbitraxe, unha remisión á lexislación reguladora da arbitraxe de consumo e aos órganos arbitrais previstos nela, que no momento actual está integrada principalmente polo texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios (artigo 57) e polo Real decreto 231/2008, que regula o sistema arbitral de consumo. Por conseguinte, a Xunta comprométese a aplicar sempre, en canto ás relacións de consumo, as citadas normas estatais ou as que as substitúan no seu momento e, moi especialmente, o Real decreto 231/2008, que regula a organización do sistema arbitral de consumo e o procedemento da arbitraxe de consumo.

4º No que se refire ao artigo 114 da lei, relativo ás notificacións nos procedementos sancionadores, ambas as partes concordan en que non se pode interpretar nun sentido discriminatorio respecto das persoas interesadas cuxo domicilio se atope noutro Estado membro da Unión Europea, o que sería contrario ao principio de non discriminación do artigo 9.3 da Lei 17/2009; e tampouco pode interpretarse este precepto de tal modo que exclúa a aplicación da lexislación estatal básica na materia e, en particular, do disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro; por conseguinte, ambas as partes entenden que, no caso de persoas con domicilio noutros países da Unión Europea que, ademais, non dispoñan de establecemento aberto ao público ou de representante autorizado para actuar no seu nome, ou que actúe publicamente como tal representante, a notificación deberase efectuar no domicilio; ademais, nos casos en que non sexa posible a localización do interesado e o seu último domicilio coñecido radique nun país estranxeiro, a notificación efectuarase mediante a súa publicación no taboleiro de anuncios do consulado ou sección consular da embaixada correspondente.

5º Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional por calquera dos órganos mencionados no artigo 33.2 da Lei orgánica do Tribunal Constitucional, para os efectos que no propio precepto se mencionan, así como inserir este acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 28 de decembro de 2012

Cristóbal Montoro Romero Alfonso Rueda Valenzuela
Ministro de Facenda e Administracións Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Públicas Administracións Públicas e Xustiza