Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Martes, 19 de febreiro de 2013 Páx. 4708

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2013

Gonzalo José Ordóñez Puime
Director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do
Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 3/2012, do 2 de
abril, do deporte de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

1º De conformidade coas negociacións previas realizadas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral Comunidade Autónoma de Galicia-Administración Xeral do Estado, do 27 de xuño de 2012, para o estudo e a proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas sobre a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, ambas as partes considéranas solucionadas de conformidade cos compromisos detallados no presente acordo.

2º En relación coas discrepancias manifestadas sobre os artigos 39.2 e 72, números 1 e 3, ambas as partes coinciden en interpretar ambos os preceptos no sentido de que en ningún caso se está a establecer unha profesión titulada nin unha reserva de actividade, pois a dita titulación, así como a súa conexión coas actividades profesionais, non é determinada pola Comunidade Autónoma senón que atenderá ao establecido pola normativa estatal vixente en cada momento.

3º En canto ás discrepancias manifestadas sobre os artigos 83.4 e 84.1.b), ambas as partes coinciden en interpretar ambos os preceptos no sentido de que non se está a exixir unha determinada titulación aos profesionais a que fan referencia.

4º Respecto das discrepancias manifestadas sobre os artigos 148, 152, 153, 154, 155 e 156, ambas as partes consideran que o título IX ten que ser interpretado de conformidade coa competencia exclusiva do Estado en materia de seguridade pública que lle atribúe o artigo 149.1.29ª da Constitución, polo que a súa aplicación queda supeditada a que a Comunidade Autónoma asuma a competencia estatutaria en materia de protección de persoas e bens e mantemento da orde pública; en consecuencia, as partes acordan que a Xunta promoverá a modificación da disposición adicional terceira da lei co fin de quedar redactada conforme a seguinte redacción:

«1. O disposto no título IX entenderase no marco da competencia exclusiva do Estado en materia de seguridade pública, de acordo co artigo 149.1.29ª da Constitución.

2. A Comunidade Autónoma de Galicia executará as previsións do dito título IX cando dispoña, con carácter efectivo, dun corpo de Policía autonómico e conte con competencias estatutarias en materia de protección de persoas e bens e mantemento da orde pública».

5º Finalmente, en relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 22, último parágrafo, ambas as partes coinciden en interpretar que este alude exclusivamente á responsabilidade administrativa.

6º As partes acordan así mesmo comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional, antes do próximo día 13 de xaneiro de 2013, para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserir este acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 28 de decembro de 2012

Cristóbal Montoro Romero Alfonso Rueda Valenzuela
Ministro de Facenda e Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas Administracións Públicas e Xustiza