Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Mércores, 13 de febreiro de 2013 Páx. 4245

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se establece un calendario para a solicitude de verificación de diversos instrumentos de medida no ámbito da metroloxía legal.

Antecedentes.

Segundo o artigo 14 do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, polo que se regula o control metrolóxico do Estado sobre os aparellos de medida, quen utilice ou posúa un instrumento de medida en servizo en aplicacións de medida por razón de interese público, saúde e seguranza pública, orde pública, protección do ambiente, protección dos consumidores, recadación de impostos e taxas, cálculo de aranceis, canons e sancións administrativas, realización de peritaxes xudiciais, establecemento das garantías básicas para un comercio leal, e calquera outra que poida establecerse regulamentariamente, estará obrigado a solicitar a verificación nas situacións ou períodos que para isto se establezan na súa regulación específica.

Na súa consideración, procede o establecemento dun calendario cos prazos máximos para que os titulares dos anteditos instrumentos que, tendo a obriga de se someteren á verificación periódica con anterioridade á publicación desta resolución non o fixesen, soliciten a preceptiva verificación e poida establecerse unha programación axeitada e ordenada das actuacións evitando saturacións e acumulacións puntuais que comprometerían calendarios futuros.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Orde do 27 de abril de 1999 que regula o control metrolóxico dos instrumentos de pesaxe de funcionamento non automático (en diante básculas) na súas fases de verificación despois de reparación ou modificación e de verificación periódica establece unha periodicidade bianual para as verificacións.

Segundo. A Orde ITC/3720/2006, do 22 de novembro, pola que se regula o control metrolóxico do Estado dos sistemas de medida de líquidos distintos da auga, denominados surtidores ou dispensadores (en diante surtidores) establece unha periodicidade anual para as verificacións.

Terceiro. A Orde ITC/360/2010, do 12 de febreiro, pola que se regula o control metrolóxico do Estado dos sistemas de medida de líquidos distintos da auga, denominados surtidores ou dispensadores destinados á subministración a vehículos automóbiles de substancias non destinadas ao seu uso como combustible (en diante surtidores) establece unha periodicidade anual para as verificacións.

Cuarto. A Orde ITC/3750/2006, do 22 de novembro, pola que se regula o control metrolóxico do Estado sobre os sistemas de medida en camións cisterna para líquidos de baixa viscosidade (≤20 mPa s) (en diante camións cisterna) establece unha periodicidade anual para as verificacións.

Quinto. A Orde ITC/3700/2006, do 22 de novembro, pola que se regula o control metrolóxico do Estado dos manómetros dotados, total ou parcialmente, de compoñentes electrónicos, provistos ou non de dispositivos de predeterminación destinados a medir a presión dos pneumáticos dos vehículos a motor (en diante manómetros) establece unha periodicidade anual para as verificacións.

Sexto. A Orde do 25 de abril de 1995, pola que se regula o control metrolóxico dos manómetros de uso público para pneumáticos de vehículos automóbiles nas súas fases de verificación despois de reparación ou modificación e de verificación periódica (BOE núm. 19, do 19 de maio de 1995) (en diante manómetros) establece unha periodicidade anual para as verificacións.

Sétimo. A Orde ITC/3701/2006, do 22 de novembro, pola que se regula o control metrolóxico do Estado dos rexistradores de temperatura e termómetros para o transporte, almacenamento, distribución e control de produtos a temperatura controlada (en diante rexistradores de temperatura e termómetros) establece unha periodicidade bianual para as verificacións.

Oitavo. O Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellaría de Economía e Industria dispón no seu artigo 1 que corresponde á devandita consellaría o exercicio das competencias en materia de metroloxía, correspondendo segundo o artigo 28 a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellaría en materia de metroloxía á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Noveno. O Decreto 78/2011, do 14 de abril, polo que se establece a ordenación das funcións do control metrolóxico do Estado que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, e se aproba o regulamento de vixilancia e inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico establece que será a Dirección Xeral con competencias en industria quen designe, se for o caso, os organismos notificados, organismos de control metrolóxico e organismos autorizados de verificación metrolóxica.

Vistos os preceptos e as consideracións legais e técnicas mencionadas e cumpridos os requisitos indicados,

RESOLVO:

Establecer o calendario aplicable aos equipamentos ou sistemas que, tendo a obriga de se someteren á verificación periódica con anterioridade á publicación desta resolución, non o fixesen nos prazos legalmente establecidos desde a súa data de posta no mercado ou servizo.

O calendario aplicarase exclusivamente aos seguintes equipamentos ou sistemas:

– Básculas.

– Camións cisterna.

– Surtidores.

– Rexistradores de temperatura e termómetros.

– Manómetros.

Calendario:

1. Os titulares de camións cisterna solicitarán a verificación periódica antes do 1 de abril de 2013. Na data da súa primeira verificación, os sistemas de medida sobre camións cisterna deberán dispoñer da súa correspondente avaliación de conformidade, aprobación de modelo e verificación primitiva, ou ben estar regularizados segundo o disposto na disposición única da Orde ITC/3750/2006.

2. Os titulares de surtidores solicitarán a verificación periódica antes do 1 abril de 2013.

3. Os titulares de básculas solicitarán a verificación periódica segundo o seguinte cadro:

Alcance

Data máxima solicitude verificación

Ata 60 kg

Antes do 1 de decembro de 2013

Entre 61 kg e 1.500 kg

Antes do 1 de setembro de 2013

Entre 1.501 kg e 20.000 kg

Antes do 1 de xuño de 2013

Máis de 20.000 kg

Antes do 1 de abril de 2013

4. Os titulares de rexistradores de temperatura e termómetros solicitarán a verificación periódica antes do 1 de abril de 2013.

5. Os titulares de manómetros solicitarán a verificación periódica antes do 1 de abril de 2013. En caso de estacións de servizo, e de ser posible, a solicitude farase conxuntamente coa dos surtidores.

En función das solicitudes recibidas, as verificacións programaranse para se efectuaren como máximo antes do fin do primeiro trimestre de 2014.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas