Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Mércores, 13 de febreiro de 2013 Páx. 4241

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 31 de xaneiro de 2013 sobre aprobación definitiva da modificación puntual número 24 das Normas subsidiarias municipais do concello de Nigrán, referida ás ordenanzas 6 e 7.

O Concello de Nigrán remite o proxecto de modificación puntual nº 24, das Normas subsidiarias municipais, referida ás ordenanzas 6 e 7, e solicita a súa aprobación definitiva, ao abeiro do establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación presentada e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Nigrán dispón actualmente vixentes de normas subsidiarias de planeamento, cuxo texto refundido foi aprobado definitivamente o 16 de outubro de 1991.

I.2. O proxecto de modificación puntual de xaneiro 2012 está redactado polo arquitecto municipal Eduardo Pérez-Izaguirre López e presenta documento de inicio de agosto 2011.

I.3. Constan informes municipais, xurídico do técnico da Administración xeral do 28 de novembro de 2011, para os efectos do artigo 85.1; e do arquitecto municipal do 29 de novembro de 2011.

I.4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 28 de outubro de 2011 que non é necesario someter a modificación á avaliación ambiental estratéxica (DOG do 28 de novembro).

I.5. Constan informes sectoriais favorables de:

– Augas de Galicia, do 10 de xaneiro de 2012.

– Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 24 de febreiro de 2012.

– Axencia Galega de Infraestruturas, do 12 de marzo de 2012.

1.6. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 23 de abril de 2012 o informe previo á aprobación inicial, conforme o previsto no artigo 85.1 da LOUG.

I.7. Constan informes do técnico da Administración xeral do 14 de maio de 2012; e da secretaría municipal do 24 de maio de 2012, previos á aprobación inicial.

1.8. O Concello Pleno, en sesión do 31 de maio de 2012, acordou aprobar inicialmente a modificación puntual, e sometela ao trámite de información pública (BOP do 20 de xuño, DOG do 6 de xullo e xornais Faro de Vigo do 20 de xuño e Atlántico Diario do 21 de xuño) e notifican o acordo aos concellos limítrofes de Gondomar, Vigo e Baiona.

I.9. Constan informes do técnico da Administración xeral do 30 de outubro de 2012; e da secretaría municipal do 26 de novembro de 2012, previos á aprobación provisoria.

1.10. O Concello Pleno, en sesión do 29 de novembro de 2012, acordou aprobar provisoriamente a modificación puntual.

II. Análise e consideracións.

II.1. A proposta ten por obxecto modificar as ordenanzas 6 e 7 do solo urbano das NSM de Nigrán coa finalidade de eximir os ámbitos delimitados como polígonos e unidades de actuación do cumprimento dos parámetros de parcela mínima (400 m2 na ordenanza 6 e 800 m² na ordenanza 7) regulados na disposición 3.4.1. (Ordenanzas de regulación das zonas de solo urbano), establecendo réximes diferenciados de aplicación segundo que estas ordenanzas afecten solos urbanos consolidados ou solos urbanos non consolidados.

Xustifica esta modificación para os efectos de emendar a deficiente regulación das unidades de actuación e garantir que a ordenación pretendida polo planeamento municipal poida ser levada a efecto en condicións de estabilidade e seguranza xurídica.

II.2. Nas NSM constan delimitadas as unidades de actuación UA-1, UA-3, UA-6, UA-9, UA-10, UA-14, UA-20 e UA-21, cuxas ordenanzas 6 e 7 afectan as UA-1, 3, 6, 10 e 14; pero segundo a regulación de ordenacións especiais das NSM, as UA-1, 3 e 6, desenvolveranse por medio dun ED e cumprirán as condicións da ordenanza 6, a excepción da de parcela mínima. En consecuencia, coas NSM actualmente vixentes a parcela mínima nas ordenanzas 6 e 7 é unicamente de obrigado cumprimento para os solos urbanos consolidados e para as UA 10 e 14.

II.3. A modificación puntual fai unha análise comparativa do cumprimento da obrigatoriedade da superficie mínima de parcela nas diferentes unidades de actuación, considerando un erro ou omisión non excluír do dito cumprimento todas as unidades de actuación, en tanto que non se diferencia na regulación actual entre as actuacións sistemáticas ou asistemáticas, o que crea inseguranza xurídica.

II.4. Á vista do anterior, pode considerarse que concorren as razóns de interese público exixidas para fundamentar a modificación do planeamento.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais dos plans xerais de ordenación municipal corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º De acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual nº 24 das Normas subsidiarias municipais do concello de Nigrán, relativa ás ordenanzas 6 (edificación unifamiliar intensiva) e 7 (edificación unifamiliar extensiva).

2º Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

4º Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas