Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Martes, 5 de febreiro de 2013 Páx. 3298

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se concede autorización a Investigación y Control Lugo, S.L. para actuar como organismo de control.

Examinada a solicitude de autorización presentada por Iván Fonteboa Rodríguez, en nome de Investigación y Control Lugo, S.L., con CIF B27027143, con domicilio social na estrada da Coruña, 22, 27003 Lugo (Lugo), para actuar como organismo de control, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ten en consideración os seguintes

Feitos:

Primeiro. Investigación y Control Lugo, S.L. foi acreditada por ENAC, Entidade Nacional de Acreditación, para as actividades de ensaios no sector ambiental, segundo os criterios recollidos na Norma UNE-EN ISO/IEC 17025, tal e como consta no certificado de acreditación número 882/LE1785, do 1 de abril de 2011, e no anexo técnico revisión 2, con vixencia ata notificación en contra.

Segundo. Con data do 28 de decembro de 2012, Iván Fonteboa Rodríguez, en nome de Investigación y Control Lugo, S.L. presentou escrito en que solicitaba, ao abeiro do Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de infraestruturas de calidade e seguridade industrial, que se lle concedese a autorización para actuar como organismo de control nos ámbitos regulamentarios solicitados. Para tal efecto, xuntaba a documentación exixida no artigo 43.3 do citado real decreto.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Esta secretaría xeral é competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia (BOE núm. 101, do 28 de abril), nos reais decretos 1634/1980, do 31 de xullo (BOE núm. 191, do 9 de agosto) e 2536/1982, do 24 de xullo (BOE núm. 246, do 14 de outubro; DOG núm. 30, do 4 de decembro), nos decretos 6/1982, do 29 de xaneiro (DOG núm. 2, do 12 de febreiro) e 132/1982, do 4 de novembro (DOG núm. 30, do 4 de decembro), e no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en relación coa Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria (BOE do 23 de xullo), e o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro (BOE do 6 de febreiro de 1996), polo que se aproba o Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial, e demais lexislación concordante.

Segundo. Na tramitación deste expediente cumpríronse todos os requisitos regulamentarios.

Terceiro. A documentación presentada por Investigación y Control Lugo, S.L. acredita que a empresa cumpre coas exixencias xerais establecidas no artigo 43.3 do Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, para a súa actuación nos ámbitos regulamentarios solicitados.

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Investigación y Control Lugo, S.L., para actuar como organismo de control para as actividades de:

– Ensaios en laboratorio permanente (análises fisicoquímicas): augas continentais superficiais non tratadas e augas residuais.

Segundo. Esta autorización ten un período de vixencia ata notificación en contra e pode ser suspendida ou revogada, ademais de nos casos recollidos na lexislación vixente, cando o sexa a citada acreditación da ENAC.

Terceiro. Investigación y Control Lugo, S.L. queda autorizada para actuar en todo o territorio do Estado, nos ámbitos regulamentarios e período de vixencia establecidos nos puntos primeiro e segundo, respectivamente, e debe, en calquera caso, notificar á Administración competente da comunidade autónoma distinta da que o autorizou o inicio da súa actividade.

Cuarto. Esta autorización queda supeditada ás seguintes condicións:

1. Comunicar á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, o día seguinte ao de producirse calquera modificación das condicións ou requisitos que deron lugar a esta autorización, xuntando, se é o caso, informe ou certificado da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC).

2. Cumprir o establecido, con carácter xeral, na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, e no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, no que sexa de aplicación.

3. Nas súas actuacións na Comunidade Autónoma de Galicia, cumprir os requisitos suplementarios que no seu día poida establecer a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado desde a data da súa notificación, de conformidade co artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2013

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental