Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Mércores, 30 de xaneiro de 2013 Páx. 2617

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (SSS. 1028/2011).

Óscar Méndez Fernández, secretario xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento seguridade social 1028/2011 deste xulgado do social, seguido por instancia da Mutua Gallega Accidentes de Trabajo contra Euromerchant 2001, S.L., Instituto Nacional da Seguridade Social e Sespa, sobre seguridade social, foi ditada a seguinte resolución:

«Na cidade da Coruña, 8 de xaneiro de 2013.

Lara M. Munín Sánchez, xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña, ditou o seguinte

Auto.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data 4.1.2013 foi ditada sentenza por este xulgado na cal se desestimaba a pretensión da Mutua.

Segundo. Con data 7.1.2013 presenta un escrito a Mutua demandante solicitando unha aclaración da sentenza.

Fundamentos de dereito.

Único.

1. As leis consagran a invariabilidade das sentenzas polo propio órgano que as ditou e a única canle legalmente prevista para modificar os seus termos é o da aclaración (artigo 267 LOPX; e artigos 214 e 215 LAC), como dimensión do dereito á tutela xudicial efectiva (SSTC 14/1984; 138/1985; 119/1988; 203/1989; 27/1992; 101/1992 etc.). Mais, constituíndo a vía aclaratoria ou sanatoria unha excepción ao principio de intanxibilidade, este mecanismo débese entender limitado á función específica reparadora para que se estableceu, así como que a figura da aclaración debe ser obxecto dunha rigorosa interpretación restritiva, polo seu carácter de excepción fronte ao principio de inmodificabilidade das resolucións xudiciais (SSTC 180/1997, 27/outubro, FX 2; e 48/1999, 22/marzo, FX 2 etc.).

2. Non obstante, neste asunto cometeuse un evidente e inxustificado erro material, dado que se considerou que a demandante non concretara a contía da reclamación –isto é, deixara ilíquida a súa pretensión– nin tampouco achegara ningún elemento que permitise a devandita cuantificación, cando, en realidade, si o fixo, a pesar de que non se recollía expresamente na acta de xuízo, pero si claramente concretado na gravación do DVD; iso provocou a introdución dun parágrafo segundo no fundamento xurídico segundo, no cal, conforme os artigos 88.1.d LXS (ídem LPL) e 217 LAC, en relación co artigo 99 LXS (ídem LPL), se argumentaba a desestimación por falta de especificación da contía que se reclamaba ao INSS. Isto implica un erro material evidente e inescusable que se debe corrixir complementando a resolución (artigo 215 LAC), de tal forma que se substitúa ese parágrafo, se engada un novo feito probado que recolla a cantidade que aboou a Mutua Gallega como consecuencia da declaración de continxencia profesional do proceso de IT e, por tanto, se corrixa a disposición da sentenza. Todo isto a pesar de que supoña un amparo moi amplo na figura xurídica da aclaración/complemento, pois considérase o máis adecuado tanto porque, advertida a contía do preito, non cabería recurso de suplicación contra a sentenza, como porque concorren razóns de economía procesual (só quedaría o expediente de nulidade, ao non caber recurso, dada a contía e a pesar de que se expresou a súa posibilidade na propia sentenza, e sendo o resultado final este: corrección da fundamentación e disposición da resolución agora corrixida), á parte de que se revela manifestamente, sen precisión de ningunha actividade dedutiva (abonda a audición da gravación e o propio expediente administrativo). Por tanto,

(1) Engadirase un novo ordinal que diga: «Cuarto. A Mutua Galega aboou ao INSS a cantidade de 1.569,87 €, como capital custo da prestación económica de incapacidade temporal presente (expediente administrativo: resolución da EG de data 23.3.2012).».

(2) Substituirase o parágrafo segundo do fundamento xurídico segundo polo seguinte: «A EG tamén opuxo a existencia dunha petición ilíquida por parte da Mutua, excepción que non pode acollerse, porque, a pesar de que no seu escrito de aclaración de 13.11.2012 se fixaba aquela en «as cantidades aboadas por esta entidade en canto ás prestacións económicas de IT e asistencia sanitaria», no acto do xuízo a demandante fixou a contía da reclamación en 1.569,87 €, que é, precisamente, a aboada ao INSS polo período de IT declarado derivado de accidente de traballo e despois modificado. Por tanto, admitida a validez da redución do obxecto canto ás consecuencias derivadas do cambio de continxencia, tamén haberá que aceptala con respecto á especificación realizada na vista, dado que ningunha indefensión causa á EG, que é plenamente consciente de canto reclamara e reintegrara da Mutua ao considerar administrativamente o proceso de IT como profesional. Ademais, determinada a continxencia do proceso de IT iniciado o 25.6.2010 e finalizado o 24.6.2011 como derivada de enfermidade común, os gastos asumidos pola Mutua demandante (na parte en que foi declarada responsable –había corresponsabilidade con outra– pola resolución do INSS de data 23.3.2012, isto é, 1.569,87 €) deben serlle reintegrados polo INSS, polo que debe admitirse a demanda.

Terceiro. Contra a presente sentenza non cabe recurso de suplicación, ao non superar os 3.000 € a contía litixiosa (artigo 191.2.g LJS)».

(3) Substuirase a parte dispositiva pola seguinte seguinte: «Que, estimando a demanda interposta pola Mutua Gallega de Accidentes de Trabajo contra o Instituto Nacional da Seguridade Social, o Servizo de Saúde do Principado de Asturias e a empresa Euromerchant 2001, S.L., condénase o Instituto Nacional da Seguridade Social a aboarlle a cantidade de mil quiñentos sesenta e nove euros e oitenta e sete céntimos (1.569,87 €), con absolución das demais codemandadas.

Notifíquese esta resolución ás partes e fágaselles saber que é firme».

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación.

Parte dispositiva.

Acórdase corrixir o ordinal cuarto, o parágrafo segundo do fundamento xurídico segundo e a parte dispositiva da sentenza de data 4.1.2013, ditada nos autos 1028/2011, nos termos expresados na fundamentación xurídica deste auto.

Notifíquese esta resolución e fágaselles saber que é firme.

E para que sirva de notificación en legal forma a Euromerchant 2001, S.L., expido a presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 9 de xaneiro de 2013

O secretario xudicial