Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Venres, 25 de xaneiro de 2013 Páx. 2151

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de delimitación dos tramos do Camiño de Santiago do Norte, Camiño Portugués, Ruta da Prata e Camiño de Fisterra ao seu paso polo termo municipal de Santiago de Compostela.

O Parlamento galego, en exercicio da competencia asumida ao abeiro da Constitución española e do Estatuto de autonomía, aproba a Lei 3/1996, do 10 maio, de protección dos Camiños de Santiago, que, no seu artigo primeiro, dispón: «para os efectos da presente lei, enténdese como Camiño de Santiago todas as rutas históricas recoñecidas documentalmente». No punto terceiro dese mesmo artigo sinálase como ruta principal o denominado Camiño Francés, e no cuarto lese o seguinte: «as outras rutas que se enmarcan na denominación xeral de Camiño de Santiago correspóndense coas actualmente coñecidas como Camiño Portugués, Ruta da Prata, Camiño do Norte, Camiño de Fisterra, Camiño Inglés e Ruta do Mar de Arousa e Ulla».

O artigo 5 da devandita lei establece o procedemento para a delimitación deses Camiños, que se levará a cabo mediante expediente incoado para o efecto. En aplicación del, nos anos 2011 e 2012 o Consello da Xunta aproba as delimitacións do Camiño de Santiago Francés e a ruta interior do Camiño do Norte, e incoa o procedemento para a delimitación do Camiño Inglés, que está pendente de resolución.

Considerando a significación territorial, urbana, cultural e institucional do Concello de Santiago de Compostela e a súa condición singular por confluíren nel cinco rutas do Camiño de Santiago, así como a vertente territorial da protección deste ben de valor patrimonial excepcional, o director xeral do Patrimonio Cultural, mediante Resolución do 21 de novembro de 2011, dispón que se realice un estudo específico para analizar desde un punto de vista integral a incidencia dos Camiños de Santiago sobre o territorio deste concello e o seu planeamento urbanístico, para os efectos de determinar a conveniencia de incoar un procedemento de delimitación conxunto para todos os tramos que discorren polo termo municipal de Compostela.

Rematado o devandito estudo, é sometido á consideración do Comité Asesor do Camiño de Santiago, que, na súa reunión do 18 de decembro de 2012, acorda emitir informe favorable á proposta de delimitación dos Camiños de Santiago no termo municipal de Santiago de Compostela, agás o Camiño Francés e o Inglés.

Por todo o cal, tendo en conta o interese de iniciar un expediente conxunto para este concello e atendendo ao parecer do Comité Asesor do Camiño de Santiago, de conformidade co disposto na Lei 3/1996, do 10 maio, de protección dos camiños de Santiago, e demais normas de aplicación, en virtude das competencias que teño atribuídas no Decreto 337/2009, do 11 de xuño, modificado polo Decreto 110/2010, do 1 de xullo,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento de delimitación dos tramos do Camiño de Santiago do Norte, Portugués, Ruta da Prata e Camiño de Fisterra ao seu paso polo termo municipal de Santiago de Compostela, segundo a proposta que se concreta no anexo que se xunta a esta resolución.

Segundo. Acordar a apertura do trámite de información pública por un período de dous meses, contando desde o día seguinte á publicación desta resolución no DOG, durante o cal se poderá examinar o expediente nas dependencias do Servizo de Planeamento e Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3-2º, Santiago de Compostela), e nas oficinas municipais que o Concello de Santiago de Compostela dispoña para estes efectos.

O expediente estará integrado pola seguinte documentación:

– Informe técnico do 21 de novembro 2011 en relación á protección singularizada dos Camiños de Santiago no termo municipal de Santiago de Compostela.

– Separata do estudo conxunto sobre os Camiños de Santiago nos tramos que discorren polo seu termo municipal, comprensiva da seguinte información para cada unha das rutas obxecto deste expediente: xustificación dos trazados e delimitación do territorio histórico proposto, descrición pormenorizada do percorrido e gráficos sobre o estado de conservación, listaxe de elementos patrimoniais incluídos no territorio histórico, anexo fotográfico e planos a escala 1:10.000.

– Certificado do correspondente acordo do Comité Asesor do Camiño de Santiago adoptado na sesión do 18 de decembro de 2012.

Terceiro. Notificar esta resolución ao concello de Santiago de Compostela e anunciala no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2013

José Manuel Rey Pichel
Director xeral do Patrimonio Cultural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file