Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Venres, 25 de xaneiro de 2013 Páx. 2207

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de decembro de 2012, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proxecto sectorial de ampliación da estación de ITV do Espírito Santo, Sada (A Coruña), así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no DOG o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 20 de decembro de 2012, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1º. Aprobar definitivamente o proxecto “Proxecto sectorial de ampliación da estación de ITV do Espírito Santo, Sada (A Coruña)”.

2º. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 7 de decembro de 2011, polo que se declara a incidencia supramunicipal do devandito proxecto, o planeamento do concello de Sada queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba.»

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificada pola disposición adicional 2ª da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado «Proxecto sectorial de ampliación da estación de ITV do Espírito Santo, Sada (A Coruña)».

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO

Normas para a execución do proxecto sectorial

4. Memoria descritiva.

4.1. Descrición do ámbito territorial afectado.

Dada a ampliación que se pretende realizar, o ámbito territorial afectado é exclusivamente a propia parcela onde actualmente está localizada a estación de ITV do Espírito Santo.

4.2. Descrición da ampliación proxectada.

A) Construcións e instalacións que se realizarán:

– Ampliación da nave existente.

• Planta: 18,90 m polo seu lado sur, mantendo a mesma largura, polo que resulta así un aumento da ocupación en planta de 1.058,40 m², que, sumados aos actuais 1.890,55 m², dan un total de 2.948,95 m².

• Fachada oeste:

1ª banda: de 6 metros de largura, para mellorar as condicións actuais de seguranza no traballo, a seguir da nave existente e coa súa mesma altura.

2ª banda: dedicada á instalación dunha cámara isoterma para os ensaios de vehículos especiais dedicados ao transporte de mercadorías perecedoiras e os seus equipamentos, de 7,10 m de largura libre, fondo de 29 m e coa mesma altura da nave existente.

3ª banda: unha planta baixa destinada a oficina de atención ao público, despachos e servizos do túnel de frío, con 5,30 m de largura libre, 29 m de fondo e 3,10 m de altura libre, e unha planta alta en que se instalarán outras dependencias do túnel, da mesma largura e fondo que a planta baixa e cunha altura libre en dependencias de 2,76 m. Esta planta tamén albergará as instalacións de climatización do túnel de frío.

• Fachada leste:

1ª banda: de 6 m de largura, dedicada a mellorar as condicións actuais de seguranza no traballo, a seguir da nave existente e coa súa mesma altura.

2ª banda: unha planta baixa de 12,90 m de largura e 3,10 m de altura libre, dedicada a arquivo, oficinas, vestiarios, almacén e taller, e unha planta alta, coa mesma largura e 2,76 m de altura libre, destinada a outras dependencias, rematada por un peitoril similar ao do resto da nave.

• Fachada sur:

Coa súa mesma lonxitude, substitúe a actual da nave existente, cunha placa que se rematará cun peitoril similar ao existente, igualando en altura exterior ao resto da nave.

– Túnel ou liña do frío.

O túnel ou liña do frío destínase fundamentalmente para a realización daquelas inspeccións periódicas o excepcionais establecidas pola lexislación de aplicación aos vehículos de transporte de produtos alimentarios a temperatura regulada e a vehículos de transporte de mercadorías perigosas por estrada.

O aproveitamento das instalacións podería completarse con probas relacionadas coa cadea de frío na conservación dos produtos alimentarios: ensaios de rexistradores de temperatura, recipientes refrixeradores de leite a granel ou mobles frigoríficos de venda.

Permitirá, para a realización de probas de unidades de transporte baixo temperatura dirixida, medir o valor do coeficiente de transmisión térmico K (W/m²K) das caixas isotérmicas e realizar probas de eficacia dos dispositivos de produción de frío das unidades de transporte baixo temperatura dirixida (frigoríficos e refrixerantes).

A liña ou túnel do frío confórmana os seguintes elementos:

1. Cela climática:

Recinto illado termicamente mediante paneis tipo sándwich de 20 cm de espesor con núcleo central de espuma de poliuretano de densidade 40 kg/m³. As dimensións mínimas interiores son 19 x 6,70 x 4,60 metros, aínda que pode resultar recomendable aumentar a súa lonxitude ata os 29 metros e a súa largura ata os 5,60 metros, conseguíndose deste xeito a posibilidade de dispor de dúas configuracións de cela.

Por baixo do teito deberase dispor un espazo ou sala de máquinas para a colocación dos elementos climatizadores e recirculadores do aire interior, e por iso que se require a execución dun entresollado técnico de 1,50 metros de altura libre para a localización dos ventiladores para a recirculación interior do aire, baterías de frío, calor, deshumectación e humectación.

Xa que logo, a altura da cela climática será duns 6,85 metros e aloxarase no interior dun recinto de dimensións tales que xere unha cámara de aire de 1 m de espesor en todo o perímetro da cela. Sobre o teito, a cámara de aire terá o espesor máximo que permita a disposición da cuberta.

2. Dispositivos móbiles de calefacción e recirculación de aire.

3. Sistema de adquisición de datos e outros dispositivos para a obtención de imaxes térmicas, medida de espesor de paneis etc.

– Distribución interior da zona do arquivo provincial de vehículos, oficinas e servizos.

Na zona E da ampliación proxectada, de 12,90 cm de largo por 27 de longo, tal como se sinala nos planos, sitúase a zona do arquivo provincial de vehículos.

Así mesmo, nesta zona, para substituír os servizos actuais das instalacións da ITV, sitúanse o almacén, taller, sala de limpeza e vestiarios para homes e mulleres, que serán comúns para o persoal adscrito ao túnel de frío. A planta superior albergará outras dependencias destinadas a servizos propios do túnel de frío, do arquivo provincial e da propia estación de ITV.

– Nova edificación.

Localizarase na explanada sur da parcela, con acceso desde a vía inferior que dá servizo de entrada aos vehículos que acceden ao centro para pasaren a inspección.

Con planta rectangular de 33,00 metros de largo e 38,00 metros de longo poderá ser de altura variable (dentro dos límites legais), destinado a usos industriais, administrativos e terciarios, compatibles cos usos industriais e dotacionais das instalacións de ITV do recinto existentes hoxe en día.

A ocupación en planta deste novo edificio é de 1.254 m².

Preténdese coa nova edificación proxectada, para a súa execución a medio ou longo prazo, efectuar futuras ampliacións das instalacións existentes, sen ter que tramitar, como agora se fai, un instrumento tan complexo como é un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. Por iso non se detallan os usos a que se dedicará a nova construción, que serán, en todo caso, compatibles cos previstos e existentes na actualidade nas instalacións en funcionamento.

Deste xeito, permítese que poidan construírse nun futuro, logo de licenza municipal, novas liñas de inspección, ampliar os servizos administrativos e dependencias, arquivos, vestiarios, almacéns, instalacións de investigación e desenvolvemento en materia de ITV, salas de formación e de realización de eventos e actos representativos e outros usos terciarios compatibles cos que se desenvolven no recinto.

B) Tipoloxía e materiais que se utilizarán.

A tipoloxía e materiais que se utilizarán no corpo ampliado serán similares aos que presenta a nave existente.

Resolverase con estrutura metálica e paramentos en obra tradicional de bloque visto ou revestido nas zonas de inspección, cos mesmos acabamentos interiores que os da nave existente. No exterior utilizaranse revestimentos tamén similares aos existentes, con fin de manter a imaxe representativa do conxunto.

No exterior as fachadas irán revestidas con combinacións de materiais de revestimento continuo e de revestimento de láminas metálicas similar ao existente na nave principal, mantendo igualmente a imaxe representativa do conxunto.

– Modificación viaria perimetral sur da nave existente.

Como consecuencia da ampliación proxectada resulta necesario desprazar na mesma dirección o actual sistema viario perimetral, para o cal se modificará o noiro que salva o desnivel de 5 metros entre as dúas plataformas existentes na parcela, desprazando a súa cabeza entre 2 e 7 metros e modificándose entón o estado natural da parcela, tal como se reflicte no plano de zonificación.

O novo sistema viario terá unha largura de 6,25 metros, coa seguinte sección transversal:

• Beirarrúa contigua á fachada: 1,80 m de largo.

• Vía de rodaxe: 3 m de largo.

• Cabeza de noiro: 1,45 m de largo, con barreira de protección.

4.3. Cumprimento das condicións de edificación do artigo 42 da LOUG.

Certamente, a parcela que ocupa a estación de ITV do Espírito Santo, no concello de Sada, atópase nunha zona consolidada pola urbanización e conta con todos os servizos urbanísticos exixidos polo artigo 11 da LOUG para ser considerado ese solo como urbano; ademais, está integrado na malla urbana industrial do Espírito Santo, tal e como se pode apreciar na documentación gráfica e fotográfica territorial que forma parte deste proxecto sectorial.

Atendendo a estes feitos físicos, os terreos onde está a estación de ITV do Espírito Santo deberían ter a clasificación urbanística de solo urbano consolidado e cualificarse como dotación de prestación de servizo público.

Non obstante, a clasificación outorgada polas NNSS de Sada de 1997 inclúe estes terreos nun ámbito de solo apto para urbanizar de uso industrial, denominado SAUI-5-E. Pois ben, tendo en conta o Decreto 193/2008, de modificación da ordenación urbanística provisional, no cal se di que estes terreos delimitados nos planos de ordenación das NNSS de Sada como SAUI-5-E manteñen a súa clasificación (solo apto para urbanizar), séndolles de aplicación integramente o disposto pola LOUG para o rústico, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda.b) da Lei 2/2010.

En calquera caso, os servizos municipais (informe técnico do 14 de setembro de 2010) informaron de que a estes terreos ocupados pola estación de ITV do Espírito Santo lle é aplicable o réxime do solo rústico de protección paisaxística, o que obriga a ter que elaborar e tramitar o presente proxecto sectorial, ao ser o único instrumento de ordenación do territorio que permite a ampliación imprescindible da dotación existente, razón tamén que obriga a xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 42 da LOUG:

4.3.1. Cumprimento do establecido no artigo 42.1.a) da LOUG.

Xustificación do acceso rodado público adecuado á implantación, e resolución do abastecemento de auga, a evacuación e tratamento de augas residuais, a subministración de enerxía eléctrica, a recolla, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos, por medios individuais ou mediante conexión ás redes existentes, e á previsión de aparcadoiros suficientes; se for o caso, medidas previstas para corrixir as repercusións que produza a implantación na capacidade e funcionalidade das redes de servizos e infraestruturas existentes e custo estimado para a implantación ou reforzo destes servizos.

4.3.1.1. Acceso viario.

O acceso viario á ITV realízase directamente desde a rotonda do Espírito Santo, situada baixo un paso elevado sobre a estrada N-VI recentemente construído nela, xusto enfronte da parcela da estación, a través da estrada que perpendicularmente á N-VI, serve de acceso ao polígono industrial do Espírito Santo, promovido pola Sociedad Estatal de Promoción y Equipamiento de Suelo (Sepes).

4.3.1.2. Abastecemento de auga.

As instalacións contan con abastecemento de auga procedente da rede municipal, con capacidade suficiente para satisfacer o incremento de caudal debido ás novas instalacións que, en total, van a demandar un caudal instantáneo de 2 l/s.

4.3.1.3. Saneamento.

As augas residuais das instalacións existentes están conectadas á rede de sumidoiros municipal.

A ampliación proxectada non vai producir, obviamente, ningunha variación substancial no escorremento de pluviais, xa que, é só un pequeno incremento nas augas residuais debido a incremento dos novos postos de traballo.

4.3.1 4. Subministración de enerxía eléctrica.

Anexo á parcela existe un centro de transformación de Unión Fenosa, cunha potencia de 400 kW, suficiente para fornecer a potencia demandada polas novas instalacións.

4.3.1.5. Residuos sólidos urbanos.

A instalación só produce residuos sólidos de carácter urbano, que se depositan en colectores, que son gardados nunha caseta ata a recolla periódica da empresa encargada da súa xestión.

4.3.1.6. Aparcadoiros.

Segundo a LOUG, o número de prazas de aparcadoiro necesarias sería 2 x [1.890,55 + 448 + 1.058,40 + 1.254 + 325 (plantas altas edificio exento)] 4.975,95 m² edificables: 100 = 100, das cales a quinta parte (20) debe ser de dominio público.

Proxéctanse 111 prazas para vehículos lixeiros e pesados, 20 delas de dominio público, a ambas as marxes do inicio da vía de entrada, reservando 4 prazas das totais para discapacitados.

4.3.2. Medidas correctoras. Cumprimento do establecido no artigo 42.1.b) da LOUG.

Necesarias para minimizar a incidencia da actividade solicitada sobre o territorio, así como todas aquelas medidas, condicións ou limitacións tendentes a conseguir a menor ocupación territorial e a mellor protección da paisaxe, dos recursos produtivos e do medio natural, así como a preservación do patrimonio cultural e da singularidade e tipoloxía arquitectónica da zona.

Estas medidas correctoras resultan das condicións que a seguir se establecen e así se recollen nas correspondentes ordenanzas, do presente proxecto.

4.3.3. Condicións de edificación. Cumprimento do artigo 42.1.c) da LOUG.

4.3.3.1. Superficie máxima ocupada pola edificación.

• Superficie do ámbito: 21.139 m².

• 20 % de ocupación parcela vinculada: 4.227,80 m² > 1.890,55 + 1.058,40 + 1.254 = 4.202,95 m².

4.3.3.2. Volume máximo da edificación, número de plantas e altura, peches.

• N° de plantas e altura. A lei obriga a unha altura máxima das edificacións de dúas plantas e 7 metros medidos no centro de todas as fachadas, desde a rasante natural do terreo ao arranque inferior da vertente de cuberta. Excepcionalmente, poderá exceder os 7 metros de altura cando as características específicas da actividade, debidamente xustificadas, fixeren imprescindible excedelos nalgún dos seus puntos.

• Peches e valados. A LOUG exixe que os peches ou valados teñan como máximo 1,50 metros en parcelas edificadas e deben realizarse con materiais tradicionais do medio rural en que se localicen. Neste proxecto sectorial non se actúa sobre o peche existente na parcela que ocupa a estación de ITV, que cumpre co requirido legalmente.

• Características tipolóxicas, estéticas e construtivas.

◦ Cubertas: formadas por planos continuos, sen quebras nas súas vertentes, con tella cerámica ou outro material xustificado pola calidade arquitectónica do proxecto.

◦ Fachadas: pedra ou outros materiais xustificados pola calidade arquitectónica do proxecto, con cores e acabamentos que sexan acordes cos valores naturais e a paisaxe da contorna.

4.3.4. Condicións de posición e implantación. Cumprimento do artigo 42.1.d) da LOUG.

• Recuamentos a lindeiros: mínimo 8 metros.

• Localización: lugar máis apropiado para conseguir a maior redución do impacto visual e a menor alteración da topografía do terreo.

• Mantemento do 50 % da parcela como superficie mínima de zona inalterada.

Na parcela queda garantido que se manterán inalterados espazos existentes nela, correspondentes a explanadas, zonas verdes e rede viaria, que suman 12.247 m²> 50 %.

Cómpre sinalar que antes da publicación do Decreto 29/2006, a Resolución do 4 de xuño de 2004, do director xeral de Urbanismo, sobre a solicitude de autorización da Comunidade Autónoma en solo rústico para a reforma e ampliación do edificio de oficinas da inspección técnica de vehículos no lugar do Espírito Santo, parroquia de Soñeiro do Concello de Sada (T.E. 173/03), nos seus fundamentos xurídicos establecía:

«4. Non se aprecia que concorran circunstancias que leven a considerar que, por aplicación do artigo 32 da LOUG, este solo teña categoría de solo rústico especialmente protexido; en consecuencia, para efectos de aplicación do réxime urbanístico, quedará encadrado dentro de solo rústico de protección ordinaria.»

Este criterio foi alterado polo Decreto 29/2006, de suspensión do planeamento xeral de Sada, que na súa interpretación máis restritiva levaría á consideración dos terreos da parcela onde se sitúa a estación de ITV desde hai case 20 anos como solo rústico de protección paisaxística.

De todos os xeitos, tanto se considere solo rústico de protección ordinaria como de protección paisaxística, o que resulta evidente é que tanto a nave da estación de ITV como a ampliación proxectada é unha edificación de características específicas da actividade, que, naturalmente, empregou materiais distintos dos sinalados no artigo 42 da LOUG, pero si acordes coas edificacións da contoma, que tradicionalmente nesa zona son maioritariamente naves industriais, como o é a propia nave da ITV existente, á que vai ser acaroada á nova edificación.

Xa que logo, hai que considerar que pola súa especificidade a ampliación prevista cumpre este requisito, xa que vai ser totalmente acorde coa arquitectura da nave existente.

8. Regulación detallada do uso pormenorizado.

8.1. Clasificación e cualificación do solo.

Atendendo á realidade física, os terreos que ocupa a estación de ITV do Espírito Santo deberían considerarse, segundo dispoñen os artigos 11 e 12.a) a LOUG, como solo urbano consolidado e cualificarse como dotación de prestación de servizo público.

Porén, a clasificación outorgada polas NNSS de Sada inclúe estes terreos nun ámbito de solo apto para urbanizar de uso industrial, denominado SAUI-5-E, clasificación e cualificación urbanística que se mantén en virtude da modificación operada polo Decreto 193/2008 na ordenación urbanística provisional de Sada, aprobada co Decreto 29/2006, de suspensión da vixencia das NNSS de 1997. Así, a estes terreos élles de aplicación o disposto pola LOUG para o solo rústico, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda.b) da Lei 2/2010.

Tendo presente que non existen valores singulares dignos dunha protección singular (o terreo foi clasificado como apto para urbanizar), a categoría de solo rústico que lle correspondería sería a de protección ordinaria, consonte o artigo 32.1 da LOUG. En definitiva, os terreos en que se localiza a estación de ITV do Espírito Santo merecen ser clasificados como solo rústico de protección ordinaria, polo que, atendendo ao obxecto do proxecto, nos números seguintes entrarase a xustificar o cumprimento das condicións de edificación establecidas legalmente.

8.2. Uso global.

Industrial, terciario, administrativo e dotacional de servizo público.

8.3. Ordenanzas.

Condicións de edificación:

• N° de plantas e altura. Dúas plantas e 7 metros medidos no centro de todas as fachadas, desde a rasante do terreo ao arranque inferior da vertente da cuberta.

• Peches e valados. Ata 1 metro de altura poderán ser opacos, realizados con material pétreo; o resto, ata un máximo de 2,50 metros serán preferentemente vexetais.

• Características tipolóxicas, estéticas e construtivas.

Concordantes coa edificación existente na parcela e coas da contorna, de uso predominantemente comercial-industrial-terciario.

Condicións de posición e implantación:

• Recuamentos a lindeiros: mínimo 8 m.

• Localización: lugar máis apropiado para conseguir o mínimo impacto visual e de alteración da topografía, cuxa definición e acabamento se xustificará no proxecto construtivo.

• Aparcadoiros: mínimo 2 x (4.227,80 + 448) 100 = 94 prazas, das cales 83, só para a ampliación actual proxectada. En ambos os casos, unha quinta parte será de dominio público. Delas 17 serán de uso privado e 2 reservadas para discapacitados.

• Ocupación máxima pola edificación: 4.227,80 m².

8.4. Condicións de uso e licenzas.

Segundo establecen os artigos 195.4 da LOUG e 14.3 do Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de disciplina urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei 1/1997, do solo de Galicia, no proxecto técnico de execución das obras previstas deberá incluírse unha memoria urbanística como documento específico e independente, no cal se indicará a finalidade e uso da actuación proxectada, razoándose a súa adecuación á ordenación vixente, consecuencia da aprobación do presente proxecto sectorial.

A separata da memoria urbanística acompañarase dun plano de situación a escala 1/5.000 e demais información gráfica que sexa precisa para indicar a cualificación do solo obxecto da actuación e da normativa e ordenanza aplicables.

9. Eficacia.

As determinacións contidas no presente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

O municipio en que se asenten as actuacións obxecto do proxecto sectorial deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido do mesmo no proceso actual de adaptación do planeamento á LOUG e as súas modificacións lexislativas posteriores.

10. Necesidade de autorización autonómica previa.

De acordo co sinalado no artigo 34.4 da LOUG, non necesitarán autorización autonómica previa as infraestruturas e instalacións previstas no presente proxecto sectorial, unha vez que se aprobe definitivamente, ao amparo da LOTG.

Este proxecto se limitará aos usos e obras descritos de xeito detallado no mesmo, coa posibilidade de novas ampliacións cunha ocupación máxima pola edificación de 4.227,80 m².