Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Martes, 8 de xaneiro de 2013 Páx. 717

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 da Coruña

EDICTO (878/2012).

Juan Rey Pita, secretario xudicial do Xulgado do Social número 3 da Coruña, fago saber que no procedemento de despedimento obxectivo individual 878/2012 deste xulgado do social, seguido por instancia de María Romero Calvelo contra a empresa Talleres Rendal, S.L., Fogasa, sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

«Nº de autos: despedimento obxectivo individual 878/2012.

A Coruña, 10 de decembro de 2012.

Carlos Villarino Moure, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 3 do xulgado e localidade ou provincia A Coruña, tras ver os presentes autos sobre despedimento entre partes, dunha e como demandante María Romero Calvelo, que comparece asistida do seu letrado Federico Novo Pinilla, e doutra como demandado Talleres Rendal, S.L., que non comparece, e o Fogasa, que non comparece.

En nome do rei ditou a seguinte Sentenza 929/2012.

Decido:

1º. Estimo a demanda sobre despedimento formulada por María Romero Calvelo fronte á empresa Talleres Rendal, S.L. e, en consecuencia, declaro a improcedencia do despedimento con condena da empresa indicada a que readmita inmediatamente o traballador nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despedimento, ou ben, á elección da empresa, á extinción da relación laboral con aboamento da indemnización detallada no número segundo desta decisión. Todo iso con aboamento, no caso de opción pola readmisión, dos salarios de tramitación que non percibise ata a data da notificación da presente sentenza.

A dita opción deberá exercerse en 5 días a partir da notificación desta sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o dito termo sen que se tivese optado, entenderase que procede a readmisión.

2º. A indemnización e os salarios de tramitación que aboará a empresa demandada son os seguintes:

– En concepto de indemnización, e de optar a empresa por ela: 9.961,56 euros (nove mil novecentos sesenta e un con cincuenta e seis céntimos de euro).

– En concepto de salarios de trámite para o caso de opción pola readmisión, os deixados de percibir desde a data do despedimento e ata a notificación da presente sentenza, calculados a razón de 28,14 euros/día, e que ata a data da presente sentenza ascenden a 3.714 euros.

Notifíqueselles esta sentenza ás partes advertindo que contra ela poderán interpor recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza, que deberá ser anunciado por comparecencia ou mediante escrito neste xulgado dentro dos cinco días seguintes á notificación desta sentenza, ou por simple manifestación no momento en que se lle practique a notificación. Advírtaselle igualmente ao recorrente que non fose traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social, ou habente causa seu, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros na conta aberta en Banesto (0030 1846) a nome deste xulgado co número 1533 0000 36 0878 12, acreditándoo mediante a presentación do xustificante de ingreso no período comprendido ata a formalización do recurso, así como, en caso de ser condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, consignar na conta de depósitos e consignacións a nome deste xulgado, co número 1533 0000 60 0878 12, a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario pola dita cantidade en que se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista, incorporándoos a este xulgado co anuncio de recurso. En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso no momento de anuncialo.

Así, por esta a miña sentenza, definitivamente xulgando, o pronuncio, mando e asino».

E para que sirva de notificación á empresa Talleres Rendal, S.L., expídese o presente edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 14 de decembro de 2012

O secretario xudicial