Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Martes, 8 de xaneiro de 2013 Páx. 769

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2012, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, pola que se resolve a clasificación do monte denominado Laxe ou Coruxeiras, solicitado pola CMVMC da Picoña, concello de Salceda de Caselas.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente Gerardo Zugasti Enrique (xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar).

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante do colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Vogais representantes da CMVMC da Picoña.

Mª del Carmen Lorenzo González.

José Manuel Piñeiro Domínguez.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, ás 17.30 horas do día 19.11.2012, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na 2ª planta do Edificio Adminstrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Laxe ou As Coruxeiras, solicitado pola CMVMC de A Picoña, concello de Salceda de Caselas.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data de entrada do 23.1.2012, José Piñeiro Domínguez, actuando en calidade de presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia da Picoña, concello de Salceda de Caselas, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado Laxe-As Coruxeiras, como veciñal en man común a favor da CMVMC que representa, xuntando diversa documentación consistente en informe pericial realizado por técnico competente e documentación topográfica.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, en sesión do 16 de abril de 2012, incoar o correspondente expediente de clasificación do devandito monte.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 de Decreto 260/1992 solicita informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais con data do 17 abril de 2012, que é recibido polo Xurado de Montes con data do 10 de maio de 2012, no cal se fai constar, entre outros aspectos relevantes, que a parcela presenta unha forte pendiente orientada a nacente, que descende ata a ribeira do río Caselas (...), presenta signos de ter sufrido un incendio recentemente. (...) «Non se observan signos de aproveitamentos recentes nin tratamentos sobre o arboredo. Non se presenta información documentada que avale o uso común e continuado da parcela».

Cuarto. O Rexistro da Propiedade de Tui certifica con data do 21 de maio de 2012 que o monte solicitado non figura inscrito a nome de persoa ningunha.

Quinto. Unha vez feitas de xeito legal as comunicacións a todos os interesados e finalizado o prazo de exposición no taboleiro de edictos do Concello de Salceda de Caselas, non consta a presentación de ningunha alegación en contra da clasificación solicitada pola CMVMC da Picoña respecto dos montes obxecto do presente expediente.

Sexto. Á vista da documentación presentada polo solicitante e do informe do Servizo de Montes, os monte obxecto do presente expediente obedecen á seguinte descrición:

Cabida: 2.200 metros cuadrados aprox. (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: propiedade privada de Carlos Carballido Rodríguez.

Sur: MVMC da parroquia de Salceda.

Leste: paseo fluvial do río Caselas.

Oeste: MVMC da parroquia de San Xurxo.

Fundamentos de dereito.

I) O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para coñecer dos expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro.

II) De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo, o artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, e o artigo 20 da nova Lei de montes de Galicia, 7/2012, do 28 de xuño, cómpre entender por monte veciñal en man común:

«Artigo 1.

Son montes vecinais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réximen de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Así pois, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e a prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de se ter acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestión relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

III) Extrapolando o concepto e exixencias que se condensan na normativa analizada ao caso concreto, e tomando en consideración moi especialmente as observacións que se condensan no informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais relativas ao aproveitamento e uso actual do montes, pódese colixir que non queda acreditado de xeito suficiente o aproveitamento consuetudinario con carácter exclusivo sobre as parcelas respecto das cales se solicita a clasificación, sen que conste ningún escrito presentado pola propia comunidade interesada neste senso.

De feito, a pretensión de clasificación que articula a CMVMC da Picoña susténtase unicamente no informe pericial, adxunto á solicitude inicial de clasificación, elaborado por Julio Piñeiro Barros, no cal, ben que se fai referencia a unha serie de supostos usos e aproveitamentos tradicionais, tales como a recolla de leña, mato, toxo para uso gandeiro, así como outras máis recentes, como actividades de carácter lúdico (paseo e contemplación de paisaxe), non se presenta nin un só documento ou medio de proba válido que sirva de sustento a tales afirmacións, nin tan sequera existe unha declaración xurada dos veciños ao respecto.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este instrutor, en uso das facultades que ten conferida, propón e o Xurado por unanimidade dos seus membros acorda:

Non clasificar o monte Laxe ou As Coruxeiras solicitado pola CMVMC da Picoña, concello de Salceda de Caselas, ao non reunir os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 14 de decembro de 2012

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra