Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 2 de xaneiro de 2013 Páx. 138

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Monforte de Lemos

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

Aprobado inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal, por Acordo do Pleno Extraordinario do 21 de decembro de 2012, de conformidade co disposto no artigo 85.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, sométese a información pública polo prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao de publicación do presente anuncio no Diario Oficial de Galicia con todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluído o informe de sustentabilidade ambiental e, de acordo co artigo 11.3 do texto refundido da Lei do solo, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, o resumo executivo expresivo dos ámbitos en que a ordenación proxectada altera a vixente e os ámbitos en que se suspende a ordenación ou procedementos de execución ou intervención.

Durante o devandito prazo poderá ser examinado por calquera interesado nas dependencias municipais para que se formulen as alegacións que se consideren pertinentes.

De acordo co disposto no artigo 77 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, quedan suspendidas as licenzas no conxunto do territorio municipal coas seguintes excepcións:

1. En solo rústico poderán outorgarse licenzas sempre que, simultaneamente, se cumpran as condicións do plan vixente e as do plan aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira da LOUGA.

2. En solo de núcleo rural poderán outorgarse licenzas que teñan por obxecto a realización de obras de rehabilitación nos edificios existentes.

3. En solo urbano suspéndense as licenzas coas excepcións daqueles ámbitos que, tendo normas zonais similares desde o punto de vista tipolóxico (residencial cerrada, residencial aberta, dotacional, industrial, residencial mixta) cumpran simultaneamente as condicións do planeamento vixente e do plan aprobado inicialmente. Igualmente, no ámbito declarado conxunto histórico-artístico, poderán outorgarse licenzas conforme o establecido no artigo 47 da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia.

Quedan excluídos da suspensión de licenzas os ámbitos de planeamento urbanístico que o plan xeral aprobado inicialmente incorpora á ordenación conforme ás súas disposicións derradeiras.

A suspensión de licenzas terá unha duración máxima de dous anos contando desde a devandita aprobación inicial e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

Monforte de Lemos, 22 de decembro de 2012

Severino Rodríguez Díaz
Alcalde