Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 27 de decembro de 2012 Páx. 47989

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 259/2012, do 13 de decembro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada provincial OU-0355 Quins-Covelo, a prol do Concello de Melón.

Segundo o teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou provinciais ou treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Concello de Melón, no 16 de maio de 2012, solicita á Deputación Provincial de Ourense o treito da estrada provincial OU-0355 Quins-Covelo.

Ao amparo das previsións legais, o Pleno da Corporación Provincial de Ourense acordou, con data do 28 de setembro de 2012, a aceptación do cambio de titularidade da vía OU-0355 Quins-Covelo incluída no núcleo rural de Covelo, no concello de Melón, cunha lonxitude de 130 metros.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, despois do acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de decembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Melón dun treito da estrada provincial OU-0355 Quins-Covelo, dunha lonxitude de 130 metros.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Melón deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase no plazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponden ao Concello de Melón, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de decembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas