Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Mércores, 26 de decembro de 2012 Páx. 47784

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 19 de decembro de 2012 pola que se establece o ámbito territorial das delegacións da Axencia Tributaria de Galicia.

Mediante o Decreto 202/2012, do 18 de outubro, creouse a Axencia Tributaria de Galicia e aprobouse o seu estatuto. A Axencia Tributaria de Galicia é unha axencia pública autonómica das previstas e reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 19 do Estatuto, a Axencia Tributaria de Galicia estrutúrase en áreas e departamentos por razón da materia e en función dos distintos ámbitos de actuación, así como en unidades centrais e delegacións, para o efecto da desconcentración das funcións que así o requiran e de acordo co delimitado por orde da consellería competente en materia de facenda e coas instrucións e directrices emitidas pola Dirección.

Pola súa banda, o artigo 20 do Estatuto sinala que o ámbito territorial das delegacións da Axencia Tributaria de Galicia será o delimitado por orde da consellería competente en materia de facenda.

Finalmente, o artigo 30 do Estatuto establece que todos os órganos e unidades administrativas da Axencia Tributaria de Galicia que limiten o seu ámbito territorial a unha delegación dependerán da persoa titular desta.

Por isto, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

O ámbito territorial das delegacións da Coruña, Lugo e Ourense da Axencia Tributaria de Galicia será delimitado pola respectiva provincia. Corresponden á Delegación de Pontevedra todos os concellos da provincia coa excepción de Vigo, Baiona, Gondomar, Nigrán, Ponteareas, Arbo, Covelo, Crecente, A Cañiza, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, Salvaterra de Miño, Redondela, Fornelos de Montes, Mos, Pazos de Borbén, Soutomaior, Tui, O Rosal, A Guarda, Oia, O Porriño, Salceda de Caselas e Tomiño, os cales conforman o ámbito territorial da Delegación de Vigo.

Disposición derradeira única

A presente orde entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2013.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2012

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda