Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Mércores, 26 de decembro de 2012 Páx. 47786

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 19 de decembro de 2012 pola que se encomenda a determinadas oficinas de distrito hipotecario a cargo dos rexistradores da propiedade funcións relativas á aplicación, revisión ou exercicio da potestade sancionadora, no imposto sobre sucesións e doazóns e no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

A Constitución española sinalou no seu artigo 157, como un recurso das comunidades autónomas, os impostos cedidos total ou parcialmente polo Estado. En desenvolvemento deste precepto, a Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, xunto coa Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, establecen o bloque normativo básico que determina os impostos obxecto de cesión, así como o alcance e condicións desta e as competencias normativas que as comunidades autónomas poden exercer.

Entre as figuras impositivas que se ceden, o artigo 25 da Lei 22/2009 sinala, entre outros, o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e o imposto sobre sucesións e doazóns. Sobre estes dous tributos os artigos 48.2 e 49.2 desta mesma norma atribúen ás comunidades autónomas competencias normativas para regular os aspectos de xestión e liquidación.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, atribúe a esta as competencias e funcións que en materia de facenda se establecen no Estatuto de autonomía, que exerce a través da Axencia Tributaria de Galicia as funcións de aplicación, revisión e exercicio da potestade sancionadora sobre os impostos cedidos, de acordo co disposto no Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto. Nesta materia, e concretamente no que se refire aos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e sobre sucesións e doazóns, a posibilidade de encomendar a determinadas oficinas de distrito hipotecario a cargo dos rexistradores da propiedade todas ou algunhas das funcións relativas á aplicación, revisión ou exercicio da potestade sancionadora veuse realizando ata a data nesta comunidade autónoma de acordo co disposto na normativa estatal (disposición adicional 1ª do Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns, e disposición adicional 2ª do Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados).

O tempo transcorrido desde a publicación destas normas, as modificacións sufridas tanto na normativa coma nas formas de xestión destes impostos, unido aos cambios organizativos na Administración autonómica derivados da creación da Axencia Tributaria de Galicia, fan necesario perfilar un novo marco normativo que se desenvolve nesta orde.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto encomendar a determinadas oficinas de distrito hipotecario a cargo dos rexistradores da propiedade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, funcións relativas á aplicación, revisión ou exercicio da potestade sancionadora, no imposto sobre sucesións e doazóns e no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Esta orde aplicarase ás oficinas que se relacionan nos anexos I e II e no exercicio das funcións enumeradas no artigo 3.

2. Para o exercicio das funcións establecidas no punto 3.1 desta orde, o ámbito territorial a que se estende a competencia das oficinas liquidadoras de distrito hipotecario é o que se sinala para cada unha delas no anexo I da presente orde. Os concellos non incluídos no ámbito territorial de ningunha oficina liquidadora de distrito hipotecario serán competencia das delegacións da Axencia Tributaria de Galicia en cuxo ámbito territorial se encontren.

3. Para o exercicio das funcións establecidas no punto 3.2 desta orde, as oficinas de distrito hipotecario non terán ámbito territorial determinado, e poderán recibir as autoliquidacións ou declaracións dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados que correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Competencias e funcións

1. As oficinas liquidadoras de distrito hipotecario a cargo dos rexistradores da propiedade mencionadas no anexo I desta orde realizarán as seguintes funcións relativas á aplicación, revisión e exercicio da potestade sancionadora no imposto sobre sucesións e doazóns e no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados:

a) As funcións de xestión tributaria a que se refire o artigo 117 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, dentro do marco establecido polo artigo 55 da Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias.

b) As funcións relativas á revisión en vía administrativa nos procedementos, trámites, recursos e reclamacións nos que a súa normativa reguladora atribúa a competencia ao órgano que ditou o acto.

c) A proposta de inicio, instrución e proposta de resolución de procedementos sancionadores, así como a súa remisión ao órgano competente para resolver.

2. As oficinas de distrito hipotecario a cargo dos rexistradores da propiedade mencionadas no anexo II desta orde realizarán as seguintes funcións relativas á aplicación no imposto sobre sucesións e doazóns e no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados:

a) Recibir as autoliquidacións ou declaracións dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados que se presenten ante estas xunto coa documentación complementaria que as acompañe, e devolver ao presentador os xustificantes da presentación da devandita autoliquidación ou declaración, así como dos documentos que a acompañen de acordo coa normativa dos impostos encomendados.

b) Informar os contribuíntes das obrigas formais relativas á presentación das autoliquidacións ou declaracións, así como das dúbidas que deriven da confección do modelo de autoliquidación ou declaración conforme as instrucións que figuran nos modelos oficiais de autoliquidación ou declaración. Para a información relativa ás obrigas tributarias materiais ou ás formais que non deriven directamente da presentación das autoliquidacións ou declaracións informarán os contribuíntes das canles de información presencial, telefónica e telemática existentes na Axencia Tributaria de Galicia.

c) Entregar no momento da presentación dos impostos os requirimentos para que se achegue a documentación que non acompaña as autoliquidacións ou declaracións dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e que de acordo coa normativa dos devanditos impostos é obrigatorio presentar, así como expedir dilixencia da notificación efectuada coa sinatura do comparecente ou, se é o caso, o rexeitamento da notificación.

3. Os titulares das oficinas de distrito hipotecario exercerán estas funcións baixo a dependencia orgánica e funcional do delegado da Axencia Tributaria de Galicia en cuxo ámbito territorial se encontren, e estarán suxeitos aos criterios, instrucións, directrices, sistemas de información e control establecidos por esta.

Artigo 4. Avocación de funcións

A Axencia Tributaria de Galicia poderá avocar para si, mediante acordo do seu director e logo de proposta motivada do delegado correspondente, a competencia para a tramitación e resolución de calquera procedemento iniciado polas oficinas liquidadoras de distrito hipotecario, as cales quedarán obrigadas á remisión da documentación que figure nelas.

Artigo 5. Convenio

A fixación de contías que deben percibir os titulares das oficinas de distrito hipotecario como compensación dos gastos derivados da aplicación dos citados impostos, o procedemento para o seu cobramento, así como as relacións internas entre as oficinas mencionadas, a Axencia Tributaria de Galicia e as súas delegacións territoriais, determinaranse mediante un convenio formalizado entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Colexio de Rexistradores de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 30 de decembro de 2010 pola que se encomendan a determinadas oficinas de distrito hipotecario a cargo dos rexistradores da propiedade funcións relativas á aplicación, revisión ou exercicio da potestade sancionadora, no imposto sobre sucesións e doazóns e no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Disposición derradeira única

A presente orde entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2013.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2012

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO I

Neste anexo detállanse os concellos que forman parte do ámbito territorial de cada oficina liquidadora de distrito hipotecario para o exercicio das funcións encomendadas no artigo 3.1 desta orde.

Oficinas liquidadoras de distrito hipotecario da provincia da Coruña.

1. Rexistro da Propiedade de Arzúa.

Ámbito: Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro, Vilasantar.

2. Rexistro da Propiedade de Betanzos.

Ámbito: Betanzos, Abegondo, Aranga, Bergondo, Cesuras, Coirós, Curtis, Irixoa, Oza dos Ríos, Paderne, Sada.

3. Rexistro da Propiedade de Carballo.

Ámbito: Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Ponteceso.

4. Rexistro da Propiedade de Corcubión.

Ámbito: Corcubión, Camariñas, Cee, Dumbría, Fisterra, Muxía, Vimianzo, Zas.

5. Rexistro da Propiedade de Ferrol.

Ámbito: Ferrol, As Pontes de García Rodríguez, Moeche, Narón, Neda, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño.

6. Rexistro da Propiedade de Muros.

Ámbito: Muros, Carnota, Mazaricos, Outes.

7. Rexistro da Propiedade de Negreira.

Ámbito: Negreira, Ames, A Baña, Brión, Santa Comba.

8. Rexistro da Propiedade de Noia.

Ámbito: Noia, Boiro, Lousame, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Porto do Son.

9. Rexistro da Propiedade de Ordes.

Ámbito: Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia, Trazo, Val do Dubra.

10. Rexistro da Propiedade de Ortigueira.

Ámbito: Ortigueira, Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón.

11. Rexistro da Propiedade de Padrón.

Ámbito: Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Teo.

12. Rexistro da Propiedade de Pontedeume.

Ámbito: Pontedeume, Ares, Cabanas, A Capela, Fene, Miño, Monfero, Mugardos, Vilarmaior.

13. Rexistro da Propiedade número 2 de Santiago de Compostela.

Ámbito: Santiago de Compostela, Vedra, Boqueixón.

ANEXO II

Neste anexo detállanse as oficinas de distrito hipotecario para o exercicio das funcións encomendadas no artigo 3.2 desta orde.

A) Oficinas de distrito hipotecario da provincia de Lugo.

1. Rexistro da Propiedade de Monforte de Lemos.

2. Rexistro da Propiedade de Becerreá.

3. Rexistro da Propiedade de Chantada.

4. Rexistro da Propiedade da Fonsagrada.

5. Rexistro da Propiedade de Mondoñedo.

6. Rexistro da Propiedade de Quiroga.

7. Rexistro da Propiedade de Ribadeo.

8. Rexistro da Propiedade de Sarria.

9. Rexistro da Propiedade de Vilalba.

10. Rexistro da Propiedade de Viveiro.

B) Oficinas de distrito hipotecario da provincia de Ourense.

1. Rexistro da Propiedade de Allariz.

2. Rexistro da Propiedade de Bande.

3. Rexistro da Propiedade do Barco de Valdeorras.

4. Rexistro da Propiedade do Carballiño.

5. Rexistro da Propiedade de Celanova.

6. Rexistro da Propiedade da Pobra de Trives.

7. Rexistro da Propiedade de Ribadavia.

8. Rexistro da Propiedade de Verín.

9. Rexistro da Propiedade de Viana do Bolo.

10. Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia.

C) Oficinas de distrito hipotecario da provincia de Pontevedra.

1. Rexistro da Propiedade de Cambados.

2. Rexistro da Propiedade da Estrada.

3. Rexistro da Propiedade de Lalín.

4. Rexistro da Propiedade de Ponteareas.

5. Rexistro da Propiedade de Ponte Caldelas.

6. Rexistro da Propiedade de Redondela.

7. Rexistro da Propiedade de Tui.

8. Rexistro da Propiedade de Vilagarcía de Arousa.

9. Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis.