Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 21 de decembro de 2012 Páx. 47631

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO sobre a suspensión de licenzas de edificación para uso de forno crematorio para incineración de restos humanos.

O Pleno do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 22 de novembro de 2012, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Incoar procedemento para a modificación do vixente Plan xeral de ordenación urbana do Concello de Pontevedra, aprobado pola Orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas da Xunta de Galicia do 18 de decembro de 1989, no que atinxe á regulación e compatibilidade do uso de crematorio nas zonas residenciais de solo urbano, urbanizable e de solo de núcleo rural do vixente PXOU, e no seu contorno de influencia, para o cal se remitirá certificación deste acordo á Oficina Técnica de Planeamento e Xestión urbanística, co fin de que se proceda á redacción do correspondente proxecto.

Segundo. Acordar, de conformidade coa motivación e fundamentación prevista na proposta da Tenencia da Alcaldía do 15 de novembro de 2012, a suspensión facultativa e cautelar, polo prazo máximo dun ano contado desde a publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, do procedemento de outorgamento de licenzas de edificación para novas edificacións ou instalacións destinadas ao uso de crematorio, incineradoras de cadáveres humanos ou restos de exhumación, en todo o solo urbano, urbanizable de uso residencial e solo de núcleo rural que se grafa nos planos de ordenación do vixente Plan xeral de ordenación urbana, aprobado pola Orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas da Xunta de Galicia do 18 de decembro de 1989, Boletín Oficial da provincia do 2 de febreiro de 1990, e nunha área de solo non urbanizable ou rústico, abranguida polos terreos que se inclúan nunha liña poligonal paralela e situada a 500 metros lineais da delimitación do solo de núcleo rural, e dos límites dos solos urbano e urbanizable-residencial definidos no PXOU, agás en zonas industriais específicas en que se admitan expresamente actividades clasificadas como insalubres, nocivas e perigosas, nos cemiterios existentes nesas categorías de solo e nos centros hospitalarios debidamente autorizados, co fin de estudar a reforma ou modificación da regulación contida na normativa do vixente PXOU, para regular concretamente uso de crematorio en ámbitos residenciais.

Terceiro. Publicar o presente acordo no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia, nun dos xornais de maior difusión da provincia, no taboleiro de editos do Concello e na web: http//:www.pontevedra.eu

Cuarto. Notificar o presente acordo aos peticionarios de licenzas solicitadas con anterioridade á publicación da suspensión, para o uso de crematorio nas zonas referidas, advertíndolles que terán dereito a seren indemnizados, de ser o caso, do custo oficial dos proxectos e á devolución, se é o caso, dos tributos municipais, sempre que o seu outorgamento non sexa posible por resultar incompatible coa nova ordenación que se estableza, e quedará en suspenso o dereito a exixir a indemnización ou devolución ata que a aprobación definitiva da modificación do PXOU demostre a incompatibilidade do proxecto coas novas determinacións urbanísticas, agás que se retire a solicitude, suposto en que se devolverán as taxas satisfeitas, e sen prexuízo de que se poida interesar, de ser o caso, a continuación da tramitación das solicitudes de licenza de edificación para o uso de tanatorio sen crematorio.

Contra o presente acordo, que esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o xulgado competente deste orde de Pontevedra, nos dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación (artigos 46 e 14 da Lei 29/1998). Non obstante, potestativamente, poderá interporse recurso de reposición ante o órgano autor desta resolución, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da presente notificación (artigo 117 da Lei 30/1992). Isto sen prexuízo de interpor calquera outro recurso que se considere e sexa conforme dereito.

O recurso de reposición deberase resolver e notificar no prazo dun mes, e entenderase desestimado polo transcurso do dito prazo sen resolución expresa e notificada (artigos 117 e 43.2 da Lei 30/1992). Neste caso poderase interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de seis meses contados desde o día seguinte a aquel en que deba entenderse presuntamente desestimado (artigo 46.1 e 4 da Lei 29/1998).

Pontevedra, 28 de novembro de 2012

José Luis Mato Rodríguez
Secretario xeral do Pleno