Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Martes, 18 de decembro de 2012 Páx. 47029

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución dunha instalación eléctrica no concello de Pontevedra (expediente IN407A 2012/142-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se describe:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: modificado LMTS, CT, RBT O Carramal II.

Situación: Pontevedra.

Características técnicas: LMT subterránea a 20 kV con condutor tipo RHZ1 de 646 metros de lonxitude, con orixe na LMT existente MUR 801 (Vilaboa-Pontevedra 1) e final no CT proxectado O Carramal II. Centro de transformación de 160 kVA, RT 20 kV/400-230 V, situado no Carramal, Salcedo, Pontevedra. Rede de baixa tensión de 17 metros con orixe no CT proxectado.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no Diario Oficial de Galicia do 10 de xullo de 2012, no Boletín Oficial da provincia do 9 de xullo, no xornal La Voz de Galicia do 29 de xuño e no taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra. Tamén se lles notificou individualmente aos titulares dos predios afectados pola instalación segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite recibíronse as seguintes alegacións:

Rosa Vázquez Lage presenta alegación ao proxecto como afectada do predio nº 1 e Ángel Lage Juncal como afectado do predio nº 2, manifestando ambos os dous o seu desacordo coa relación de bens e dereitos afectados (RBDA), así como coa localización do centro de transformación (CT), manifestando que se podería deseñar un CT subterráneo.

A empresa contesta que o predio nº 1 está a nome dos herdeiros de Hermosinda Lage Perón, polo que a alegante deberá presentar documentación xustificativa do cambio de titularidade. Polo demais, contesta a ambas as alegacións no mesmo sentido: que as afeccións son as indicadas na RBDA, que o proxecto é o máis viable técnica e economicamente e que o día do levantamento de actas previas se poderá facer constar cantas manifestacións e datos se consideren útiles.

Á vista do exposto, cómpre dicir que non existen limitacións para continuar cos trámites previstos no título VII do Real decreto 1955/2000 para a autorización administrativa da instalación.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, así como aprobar o proxecto de execución das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de catorce (14) meses a partir da recepción da presente resolución. Para os efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que xulgue pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 20 de novembro de 2012

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra