Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 14 de decembro de 2012 Páx. 46728

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2012 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso na escala administrativa, polo sistema de promoción interna.

Ao existiren prazas de adscrición indistinta aos grupos C1 e C2 das escalas administrativa e auxiliar de funcionarios da Universidade da Coruña, ocupadas por funcionarios/as do grupo C2, co fin de posibilitar a promoción deste persoal aínda mantendo os seus propios postos de traballo, de acordo co Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e de conformidade co disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto da Xunta de Galicia 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio),

Esta xerencia, no uso das atribucións conferidas no artigo 40 dos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), e da delegación de competencias operada por Resolución do 16 de xaneiro de 2012, resolve convocar probas selectivas para o ingreso na escala administrativa da Universidade da Coruña, polo sistema de promoción interna, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 23 prazas da escala administrativa da Universidade da Coruña pola quenda de promoción interna, polo sistema de concurso-oposición. Do total de prazas que se convocan reservarase un 7 % para seren cubertas por persoas con discapacidade con grao igual ou superior ao 33 %, de acordo co que establece a disposición adicional sétima do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia. Esta cota de reserva ascende a 1 praza. No suposto de que esta praza non sexa cuberta, excluirase da cota de reserva e pasará a acumularse ás restantes prazas. Así mesmo, no suposto de que algún aspirante con discapacidade, que se presentase por la cota de reserva de persoas con discapacidade, superase os exercicios correspondentes, pero no obtiver praza e a súa puntuación for superior á obtida por outros aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

1.2. A presente convocatoria non xerará prazas vacantes no corpo ou na escala auxiliar da que procedan as persoas aspirantes.

1.3. As persoas aspirantes que na convocatoria das probas selectivas para o ingreso na escala administrativa desta universidade, polo sistema de promoción interna, realizada por Resolución do 25 de febreiro de 2011 (DOG do 4 de abril), superasen a fase de oposición, mais, ao non reuniren os méritos suficientes na fase de concurso, non as aprobasen, quedarán exentas da realización das probas nesta convocatoria e respectarase a puntuación que obtiveron no seu día. No suposto de que un aspirante se presentar á última convocatoria, nesta convocatoria terase como nota de fase de oposición a que for máis alta das dúas convocatorias.

1.4. Á realización destas probas selectivas seralles de aplicación a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, modificado pola Lei 2/2009, do 23 de xuño; o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado; o Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna; os estatutos da Universidade da Coruña e o disposto na presente convocatoria.

1.5. O proceso selectivo constará de dúas fases, concurso e oposición, coas probas e puntuacións que se especifican no anexo I.

1.6. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas candidatas.

2.1. Para seren admitidas á realización destas probas selectivas, as persoas aspirantes deberán reunir e manter os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario/a de carreira da escala auxiliar, grupo C2, en servizo activo, con destino definitivo ou en adscrición provisional na Universidade da Coruña e posuír unha antigüidade de, polo menos, dous anos no dito corpo ou escala. Así mesmo, poderá participar nesta convocatoria, cos mesmos requisitos de titulación e antigüidade exixidos aos/ás funcionarios/as do corpo ou escala do grupo C2, o persoal laboral fixo a extinguir desta universidade pertencente á categoría de laboral administrativo.

b) Estar en posesión do título de bacharelato superior ou formación profesional de 2° grao ou equivalente, ou estar en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes. Así mesmo, para os efectos desta convocatoria, considérase equivalente á posesión da titulación:

– Ter aprobadas as probas de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos ou estar en condicións de obter o certificado correspondente na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

– Ter unha antigüidade de dez anos na escala auxiliar, grupo C2, ou ter unha antigüidade de cinco anos nun corpo ou escala do grupo C2 e ter superado ou superar o curso específico de formación que se convocará para tal efecto.

2.2. Todos os requisitos deberán reunirse no momento de finalizar o prazo de presentación das solicitudes e posuílos durante o proceso selectivo, agás o curso específico de formación, de ser o caso, que se deberá acreditar unha vez finalizado o proceso selectivo.

3. Solicitudes.

3.1. As persoas que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo o modelo que figura como anexo III desta convocatoria. Así mesmo, deberán achegarse as copias cotexadas dos diplomas/certificado que acreditan os cursos recibidos e/ou impartidos.

3.2. As solicitudes dirixiranse ao xerente da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.

A presentación das solicitudes farase no Rexistro Xeral da Universidade da Coruña (edificio da Reitoría, rúa da Mestranza nº 9, CP 15001), nos rexistros auxiliares (Casa do Lagar, Elviña-Campus da Coruña, e edificio de usos administrativos, Esteiro-Campus de Ferrol), ou por medio das restantes formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

3.3. Para quedaren exentos/as da realización do primeiro exercicio, os/as aspirantes xuntarán para tal efecto a fotocopia validada do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais, acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

3.4. A xerencia expedirá, de oficio, certificación que acreditará: a antigüidade recoñecida referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, o grao persoal consolidado e o nivel de complemento de destino do posto que se desempeñe con carácter definitivo na referida data. A citada certificación engadirase á solicitude que presente a persoa aspirante.

3.5. As persoas aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da solicitude e solicitar, se for o caso, as posibles adaptacións de tempos e de medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, cuestión que indicará no recadro número 15.

3.6. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fagan constar nas súas solicitudes e poden unicamente demandar a súa modificación mediante un escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2 para a presentación de solicitudes. Tras transcorrer ese prazo, non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida e xustificada e, discrecionalmente, apreciada polo tribunal.

4. Listaxes de persoas admitidas e excluídas.

4.1. Tras rematar o prazo de presentación de solicitudes, no prazo dun mes, o xerente da universidade ditará unha resolución en que declarará aprobadas as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que serán publicadas no taboleiro de anuncios da Reitoría da universidade e na Vicerreitoría do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, dos apelidos e, se for o caso, das causas de exclusión.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para emendar o defecto que motivase a exclusión. Tras transcorrer o dito prazo, o xerente ditará resolución en que declarará aprobada a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas, que será publicada nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Ferrol, contra a cal as persoas interesadas poderán interpor un recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses ou un recurso potestativo de reposición perante o reitor no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución.

4.2. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8 desta convocatoria.

5. Tribunal cualificador.

5.1. A composición do tribunal cualificador destas probas será publicada no taboleiro de anuncios da Reitoría cunha antelación de, polo menos, un mes respecto da data de inicio do exercicio e terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño), modificado polo Decreto 144/2008, do 26 de xuño (DOG do 18 de xullo).

5.2. O tribunal na súa constitución, na súa composición e no seu funcionamento observará o que dispón o artigo 13 do Real decreto 364/1995 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

5.3. O tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas no número que xulgue necesario.

5.4. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da Universidade da Coruña.

6. Calendario das probas.

6.1. O lugar e a data do primeiro exercicio serán feitos públicos na resolución que aprobe as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas.

6.2. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se efectuase o primeiro, así como na sede do tribunal, e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilitar a súa máxima divulgación, con vinte e catro horas, polo menos, de antelación á sinalada para o seu inicio.

6.3. A orde de actuación dos/das opositores/as iniciarase alfabeticamente por aqueles/as cuxo primeiro apelido empece pola letra Z, de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 7 de febreiro de 2012, pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

7. Listaxes de persoas aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública na Reitoría da Coruña, na Vicerreitoría do Campus de Ferrol e no lugar ou lugares de realización deste, así como naqueles outros que considere oportuno, a relación das persoas aspirantes que o superasen, con indicación da puntuación que obtiveron en cada unha das probas.

7.2. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I da presente convocatoria.

7.4. O tribunal fará pública a relación das persoas aspirantes que superaron as probas selectivas, constituída por aquelas que, en número non superior ao das prazas convocadas, obtivesen a maior puntuación nelas.

7.5. Finalizado o proceso selectivo, o tribunal remitiralle ao xerente a relación de persoas aspirantes aprobadas por orde de puntuación, en que constarán as cualificacións que se obtiveron nos exercicios da fase de oposición e na fase de concurso.

8. Presentación de documentos.

No prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte a aquel en que se fixese pública a relación definitiva de persoas aprobadas nas probas selectivas, estas deberán presentar no Servizo de Persoal de Administración e Servizos (rúa da Mestranza nº 9) os seguintes documentos:

a) Certificado da Xerencia que acredite o cumprimento das condicións exixidas na letra a) do punto 2.1 desta convocatoria.

b) Fotocopia compulsada do título exixido para acceder ás probas.

9. Nomeamento de funcionarios/as e toma de posesión.

9.1. Cumpridos debidamente, polas persoas aspirantes que superaron as probas selectivas, os trámites de presentación de documentos, serán nomeados funcionarios/as da escala administrativa, mediante resolución do xerente que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, exclúese nel a adxudicación de destino de acordo coa orde de puntuación que se obtivo no proceso selectivo e adscribiranse as persoas aspirantes ao mesmo posto que veñan desempeñando como titulares.

9.3. A toma de posesión das persoas aspirantes aprobadas efectuarase no prazo dun mes, contado desde a data de publicación do seu nomeamento no DOG.

10. Norma derradeira.

A presente convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos derivaren dela poderán ser impugnados perante a xurisdición contencioso-administrativa nos casos e na forma que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

Así mesmo, as persoas interesadas poderán interpor un recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas perante o reitor da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 3 de decembro de 2012

Juan Manuel Díaz Villoslada
Xerente da Universidade da Coruña

ANEXO I

Procedemento de selección.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

1. Fase de oposición.

A fase de oposición constará dos seguintes exercicios:

1.1. Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio: proba escrita de lingua galega, para aqueles/as aspirantes que non acrediten posuír, na data de finalización de prazo de presentación de instancias, o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan as certificacións oficiais acreditativas dos niveis de coñecemento da lingua galega, e que consistirá na realización dunha proba en que se comprobará que posúen o nivel de Celga 4 de comprensión oral e escrita da lingua galega, en especial da linguaxe administrativa, dado que é a súa área profesional. Cualificarase de apto/a ou non apto/a.

1.2. Segundo exercicio, de carácter eliminatorio: proba escrita constituída por 100 preguntas tipo test relativas a todo o temario, cunha soa resposta verdadeira. O tempo de realización deste exercicio será de dúas horas. Todas as preguntas terán a mesma valoración e non puntuarán negativamente as respostas incorrectas. A puntuación será de 0 a 75 puntos e será necesario para aprobar obter un mínimo de 37,5 puntos.

2. Fase de concurso.

Para as persoas aspirantes que superen a fase de oposición, a valoración de méritos farase da seguinte forma:

2.1. A antigüidade na Administración pública, referida ao día de remate do prazo de presentación de solicitudes: ata un máximo de 12,50 puntos, a razón de:

– 0,625 puntos por ano (0,052 por mes completo) de servizos prestados como funcionario de carreira ou funcionario interino do grupo C2 ou contratado laboral en postos de administración reservados a funcionarios do grupo C2.

– 0,312 puntos por ano (0,026 por mes completo) polos restantes servizos efectivos recoñecidos ao abeiro da Lei 70/1978, do 26 de decembro.

Non se computarán os servizos que se prestasen simultaneamente con outros igualmente alegados.

2.2. Grao persoal consolidado e nivel de complemento de destino: ata 12,50 puntos.

a) Grao consolidado segundo o grao persoal que se consolidase e se formalizase a través do acordo de recoñecemento de grao pola autoridade competente o día de remate do prazo de presentación de solicitudes, concedida a seguinte puntuación:

Grao

Puntos

20

6

19

5,5

18

5

17

4,5

16 ou inferior

4

No caso do persoal laboral, concederanse polo grao consolidado os puntos que lle corresponderían, á vista do seu expediente persoal, se for funcionario.

b) Nivel de complemento de destino, correspondente ao posto de destino definitivo que teña adxudicado/a o/a funcionario/a o día do remate do prazo de presentación de solicitudes. Cualificarase do seguinte modo:

Nivel

Puntos

20

6,5

19

6

18

5,5

17

5

16 ou inferior

4,5

No caso de persoal laboral, concederase a puntuación que corresponda segundo o nivel do posto que ocupa a persoa aspirante.

2.3. Cursos de formación: máximo 5 puntos. Os cursos de formación, rematados antes da data de remate do prazo de presentación de solicitudes, puntuarán da seguinte forma:

– Cursos de formación xeral e específica (máximo 4 puntos).

Nesta subepígrafe serán valorados os cursos, impartidos e/ou recibidos, de formación administrativa xeral, así como os cursos de formación e de perfeccionamento que versen sobre materias directamente relacionadas coas funcións propias dos postos de traballo. Os cursos impartidos sempre se valorarán como se fosen de aproveitamento ou aptitude. A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

– Cursos recibidos de aptitude ou cursos impartidos: 0,02 puntos/hora.

– Cursos de asistencia 0,01 puntos/hora.

Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

– Cursos de lingua galega.

– Curso de linguaxe administrativa nivel medio: 0,75 puntos.

– Curso de linguaxe administrativa nivel superior: 1 punto.

– No caso de posuír máis dun curso de lingua galega, só puntuará o de nivel superior.

Puntuación do proceso selectivo.

A puntuación da fase de oposición estará determinada pola suma das puntuacións que se obtiveron nos distintos exercicios. A puntuación do proceso selectivo estará determinada pola suma da fase de oposición e mais os méritos da fase de concurso, sempre que os/as aspirantes superasen a fase de oposición.

No caso de empate, a preferencia corresponderá á puntuación que se obtivo no segundo exercicio e, de persistir este, a preferencia será para a persoa candidata que tivese maior antigüidade no corpo ou na escala a que pertenza na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

ANEXO II
Temario

1. A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades. Autonomía das universidades, réxime xurídico e estrutura.

3. Os estatutos da Universidade da Coruña. Estrutura e contido.

4. A Lei 7/2007, do Estatuto básico do empregado público

5. O Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

6. O III Convenio colectivo do PAS laboral da UDC.

7. O Real decreto 898/1985, do 30 de abril (BOE do 19 de xuño), sobre réxime de profesorado universitario, modificado polo Real decreto 1200/1986, do 13 de xuño (BOE do 25 de xuño), Real decreto 554/1991, do 12 de abril (BOE do 19 de abril), e polo Real decreto 70/2000, do 21 de xaneiro.

8. O Real decreto 1312/2007, do 5 de outubro, polo que se establece a acreditación nacional para o acceso aos corpos docentes universitarios.

9. O Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario, modificado polo Real decreto 1949/1995, do 1 de decembro; o Real decreto 74/2000, do 21 de xaneiro, e o Real decreto 1325/2002, do 13 de decembro.

10. O Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario (DOG do 17 de setembro).

11. O Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

12. A Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

13. O Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia: contido e aprobación. Dos créditos e das súas modificacións. Execución e liquidación. O control interno.

14. O orzamento da Universidade da Coruña. Bases de execución do orzamento.

15. O Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos del sector público: título preliminar. Disposicións xerais sobre a contratación do sector público. As partes no contrato: órgano de contratación; capacidade e solvencia do empresario. Obxecto, prezo e contía do contrato. Garantías a prestar nos contratos subscritos coas administracións públicas. Preparación de contratos polas administracións públicas: normas xerais e actuacións preparatorias do contrato de obras. Adxudicación dos contratos das administracións públicas.

16. Efectos, cumprimento e extinción dos contratos administrativos: normas xerais. Normas especiais para contratos de obras, subministracións e servizos. Órganos competentes en materia de contratación.

17. O Real decreto 1892/2008, do 14 de novembro, que regula as condicións para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e os procedementos de admisión ás universidades públicas españolas, modificado polo Real decreto 961/2012, do 22 de xuño.

18. O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, que establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, e polo Real Decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

19. O Real decreto 1044/2003, do 1 de agosto, que establece o procedemento para a expedición polas universidades do suplemento europeo ao título. Actualización dada na disposición adicional primeira do Real decreto 1002/2012, do 5 de agosto, sobre expedición de títulos universitarios oficiais. O Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, que establece o sistema europeo de créditos e os sistemas de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

20. O Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

21. A normativa propia de xestión académica da Universidade da Coruña.

22. O Real decreto 1721/2007, do 21 de decembro, polo que se establece o réxime de bolsas e axudas ao estudo personalizadas, modificado polo Real decreto 708/2011, do 20 de maio, e polo Real decreto 1000/2012, do 29 de xuño.

23. O Regulamento de usos da lingua galega na Universidade da Coruña. Os dereitos lingüísticos na Universidade da Coruña.

24. A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Obxecto e ámbito de aplicación. Principios de protección de datos. Dereitos das persoas. Ficheiros de utilidade pública e privada. Axencia de protección de datos. Infraccións e sancións.

25. A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes: título preliminar e título II.

NOTA: debe entenderse que este temario pode verse afectado polas modificacións normativas e lexislativas que puideren producirse ata a data do exame.

ANEXO III
Solicitude de admisión a probas selectivas para persoal
de administración e servizos

Datos persoais

1. Primeiro apelido:

2. Segundo apelido:

3. Nome:

4. Data de nacemento:

5. Localidade e provincia:

6. Nacionalidade:

7. DNI núm.:

8. Domicilio, rúa, número e piso:

9. Localidade, provincia, código postal:

10. Teléfono:

Convocatoria

11. Prazas convocadas:

12. Data do DOG da convocatoria:

Sistema de acceso

13. Forma de acceso:

Quenda libre □ Quenda de promoción interna □ Reserva discapacitados □

14. Discapacidade:

% ___________

15. En caso de discapacidade, adaptación que se solicita e motivo desta:

Requisitos e documentación

16. Título que posúe:

17. Datos que hai que consignar segundo as bases da convocatoria:

18. Idioma en que desexa realizar as probas: Galego □ Castelán □

19. Documentación que se acompaña:

Fotocopia do DNI

_____________________________________________________________________________

_____________________________________________________________________________

_____________________________________________________________________________

_____________________________________________________________________________

A persoa que asina a seguir solicita ser admitida para as probas selectivas a que se refire a presente instancia e DECLARA que son certos os datos consignados nela, que reúne as condicións exixidas para o ingreso na función pública e as especialmente sinaladas na convocatoria e que se compromete a probar documentalmente todos os datos que figuran na solicitude.

..., ... de... de 20...

(Sinatura)

Xerente da Universidade da Coruña