Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 14 de decembro de 2012 Páx. 46771

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de agosto de 2012 polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque Eólico Muxía I (1ª e 2ª fase), así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 1 de agosto de 2012, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque Eólico Muxía I (1ª e 2ª fase) promovido por Desarrollos Eólicos, S.A.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no concello de Muxía queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificada pola disposición adicional 2ª da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado Parque Eólico Muxía I (1ª e 2ª fase).

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO

1. Adecuación ao plan local vixente.

O Concello de Muxía conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente no 4 de maio de 1995 e publicadas de forma definitiva no DOG do 1 de xuño de 1995.

Na actualidade encóntrase en proceso de tramitación o PXOM do concello de Muxía, do cal se ten constancia da aprobación inicial a través da publicación no DOG do 14.6.2005. Os pasos que seguiu son os seguintes:

• Información pública do avance: decembro 2004.

• Aprobación inicial: 7 de xuño de 2005.

• Información pública da aprobación inicial (AI): 15 de xuño de 2005.

• Información pública da modificación da (AI): 22 de agosto de 2006.

• Aprobación provisional.

2. Proposta de modificación do plan urbanístico vixente.

A área de afección do proxecto sobre o concello de Muxía, que é proposta para a súa reordenación como solo rústico de protección de infraestruturas, limítase exclusivamente á área da «superficie vinculada ao parque eólico».

A superficie vinculada ao parque eólico é a superficie ocupada materialmente por aeroxeradores, edificio de control, subestación, centros de transformación, liña eléctrica de evacuación, redes de condución e novos accesos viarios exteriores e/ou de servizos máis as servidumes necesarias que serán delimitadas en función das distintas instalacións tal como se define a seguir:

• Aeroxeradores: 200 m, distancia a partir da cal o ruído producido por un aeroxerador se confunde co vento.

• Liñas eléctricas: as resultantes da aplicación da fórmula:

A= 1.5 + V (kV) / 100, cun mínimo de 2 m

• Edificio de control e subestación: 10 m.

• Edificacións secundarias: 5 m.

• Redes de condución: 3 m a cada lado do eixe da rede, podendo eliminarse nas marxes que discorren paralelas a camiños de servizo.

Tendo en conta estas directrices delimitouse a área de incidencia urbanística que se recolle no plano «ordenación urbanística proposta». Esta área supón 245,47 ha e representa a superficie vinculada ao parque eólico.

Por iso, no momento en que se leve a cabo a primeira modificación puntual do Plan urbanístico de Muxía ou se adapte á Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos do anexo 4 de ordenación urbanística do presente proxecto sectorial cualificándoos como solo rústico de protección de infraestruturas, de acordo coa seguinte proposta de modificación:

2.1. Ámbito e licenzas:

Comprende esta categoría de solos a zona delimitada pola «superficie vinculada ao parque eólico» do presente proxecto sectorial destinado á instalación de infraestruturas vinculadas á utilización do recurso natural vento.

A área de ocupación das infraestruturas do Parque Eólico Muxía I no municipio de Muxía comprende un total de 16,068 ha.

2.2. Condicións de uso:

Os usos destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento, para poderen implantarse nesta categoría de solo, deberán contar, ademais de coa correspondente declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, coa aprobación do proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solos quedan permitidos os usos para localización de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas, forestais e gandeiros, sen máis limitación.

2.3. Condicións estéticas:

As construcións e instalacións que proxecten situarse neste tipo de chan deberán adaptarse ao ambiente en que se sitúen. Para iso, a tipoloxía das construcións deberá estar acorde coas características da contorna e os materiais empregados para cubertas de edificacións deberán harmonizar coas demais construcións da contorna.

O edificio de control estará constituído por unha nave única, dunha soa planta, con cuberta a dúas augas, no cal se situarán os equipamentos do sistema de control, proteccións, equipamentos de telecomunicacións e servizos auxiliares para alimentación en corrente continua e alterna, así como as celas de MT de protección do chanzo de tensión a 30 kV.

Terá as dimensións necesarias para albergar as instalacións anteriormente citadas.

As portas de acceso abrirán para fóra, estando provista de peche por chave de dispositivos de traba para saídas de emerxencia; será necesario o uso de chaves para a apertura das portas desde o exterior. Interiormente, todas as portas estarán dotadas de barras antipánico.

Os compoñentes exteriores dos aeroxeradores serán de cor branca con acabamento semimate, sen arestas vivas nin superficies metálicas reflectoras.

Considérase que estes criterios de deseño das edificacións reducen significativamente a aparición de contrastes cromáticos coa paisaxe da contorna que puideren afectar a calidade desta e cumpren cos condicionantes determinados na declaración de efectos ambientais.

Igualmente, tanto as casetas prefabricadas como todas aquelas construcións temporais utilizadas durante a fase de obras serán de cores mates, non reflectoras e retiraranse no momento en que remate a obra, o mesmo que calquera indicación, cartel etc.

2.4. Condicións dos servizos:

De acordo co previsto no artigo 42.1 da Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver á súa custa os servizos de:

• Acceso rodado.

• Abastecemento de auga.

• Saneamento e depuración de augas residuais.

• Enerxía eléctrica.

Igualmente, deberá prever a dotación de aparcadoiros logo de xustificación da superficie que se propoña.

3. Eficacia.

Segundo se establece no artigo 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, «... as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán o plan do ente ou entes locais en que se asenten os devanditos plans ou proxectos, que se deberán adaptar a elas dentro dos prazos que para tal efecto determinen».

No Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, creada ao abeiro da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, especifícase no seu artigo 11.1 que as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente. Tamén, no seu artigo 11.2 especifícase que «os municipios onde se asenten as infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto dun proxecto sectorial deberán adaptar o seu plan urbanístico ao contido do proxecto sectorial, no cal se establecerán as determinacións do devandito plan local que deban ser modificadas como consecuencia da aprobación do proxecto sectorial e no prazo que determine este último e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do plan urbanístico».

Así mesmo, segundo o artigo 34.4 da Lei 9/2002, non se precisará da autorización autonómica previa para a infraestrutura, por estar prevista nun proxecto sectorial ao abeiro da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

4. Prazo.

En canto ao prazo de adecuación do plan urbanístico municipal ao proxecto sectorial, deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

1. A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser expresamente para a presente adaptación.

2. A revisión do plan urbanístico municipal vixente.

3. A adaptación do plan á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, e a Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

5. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

No artigo 11.3 do Decreto 80/2000 disponse que:

«As obras públicas definidas detalladamente no proxecto sectorial serán cualificadas expresamente de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas a licenza urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal, de acordo coa disposición adicional primeira da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia. Neste suposto, con carácter previo ao inicio das obras, remitiráselle ao concello un exemplar do proxecto técnico delas».

Segundo o establecido no Plan sectorial eólico de Galicia aprobado polo Consello da Xunta do 1.10.1997 (DOG do 15 de novembro) e por Resolución do 20 de decembro de 2002 (DOG do 3.1.2003) polo que se aproba definitivamente a modificación do Plan sectorial eólico de Galicia, e de conformidade co establecido na disposición derradeira primeira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que modifica o texto da disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, o presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras e instalacións da modificación do Parque Eólico Muxía II. En consecuencia, tal e como se especifica na disposición derradeira primeira da Lei 9/2002, punto 2º, as obras e as instalacións incluídas no presente proxecto sectorial que aprobe o Consello da Xunta de Galicia non estarán suxeitas a licenza urbanística municipal.

Por outra parte, como se especifica no artigo 5.4 do Decreto 80/2000, «As infraestruturas e dotacións de interese supramunicipal obxecto dun plan ou proxecto sectorial serán considerados como sistemas xerais...». Por tanto, pódense cualificar como sistema xeral de infraestruturas as obras e instalacións proxectadas da modificación do Parque Eólico Muxía I.