Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das instalacións eléctricas que a continuación se describen:
Solicitante: Eléctrica de Moscoso, S.L.
Domicilio social: avda. do Concello 21, 36830 A Lama.
Denominación: LMT, CT Pereiro, As Lagoas.
Situación: Cotobade.
Características técnicas: LMT aérea a 20 kV con condutor LA-56 de 166 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente nº 94 da LMT principal Carballedo e final no apoio proxectado C-3000/20 (paso aéreo-subterráneo) do cal continúa subterránea 109 metros con condutor RHZ1 finalizando no CT proxectado. Centro de transformación de 160 kVA, RT 20 kV/400 V, situado no lugar de Pereiro, As Lagoas, parroquia de Rebordelo, Cotobade.
Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 8 de outubro de 2012, no BOP do 15 de outubro de 2012, no xornal Faro de Vigo do 27 de setembro de 2012 e no taboleiro de anuncios do Concello de Cotobade. Tamén foron notificados individualmente os titulares dos predios afectados pola instalación segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.
En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resuelve:
Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, así como aprobar o proxecto de execución das ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 14 meses a partir da recepción da presente resolución. Para os efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.
Contra a presente resolución poderá interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpor calquer outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.
Pontevedra, 19 de novembro de 2012
Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra