Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 12 de decembro de 2012 Páx. 46372

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2012 pola que se procede ao arquivo das solicitudes de subvencións a proxectos de enerxías renovables que finalmente non obtiveron axuda.

De acordo co artigo 11 da Resolución do 1 de decembro de 2011 pola que se estableceron as bases reguladoras e se anunciou a convocatoria anticipada de subvencións a proxectos de enerxías renovables, con financiamento procedente do Programa operativo Feder-Galicia 2007-2013 (DOG núm. 236, do 13 de decembro), aquelas solicitudes que reuniron os requisitos e a documentación exixibles polas bases foron obxecto de valoración técnica pola comisión prevista no artigo 12.

O procedemento administrativo de concesión fixado no artigo 1 das bases é o de concorrencia competitiva, polo que unha vez valoradas todas as solicitudes estableceuse unha orde de prelación segundo a puntuación outorgada a cada unha delas, de maior a menor, nas diversas tipoloxías descritas no anexo I (Normas por tecnoloxía aplicada).

Debido á limitación do crédito dispoñible foron subvencionados os proxectos cunha maior puntuación, permanecendo as restantes solicitudes á espera de poder acceder á axuda en función das circunstancias previstas no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou de posibles renuncias das persoas físicas ou xurídicas que si resultaron beneficiarias. Algunhas destas solicitudes obtiveron posteriormente a axuda.

Rematado o prazo de xustificación dos investimentos, sobre a base do disposto no artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

RESOLVO:

Proceder ao arquivo das solicitudes que sendo viables tecnicamente non puideron acceder á axuda por insuficiencia de crédito orzamentario.

A listaxe completa de expedientes arquivados, por tipoloxía de actuación, publicarase na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.es) e no taboleiro de anuncios situado na planta baixa da sede desta entidade pública, na rúa Avelino Pousa Antelo nº 5-San Lázaro, en Santiago de Compostela.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación ou notificación, de acordo co previsto nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, pódese interpoñer recurso administrativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun (1) mes contado do mesmo xeito, tal e como dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo doutros recursos que se xulguen oportunos.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2012

Eliseo Diéguez García
Director do Instituto Enerxético de Galicia