Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 12 de decembro de 2012 Páx. 46370

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de novembro de 2012 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da mancomunidade remitiu á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación dos estatutos desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

– No Pleno do Concello de Cabanas, da sesión do 30 de maio de 2012, acordouse iniciar o procedemento de incorporación á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.

– O Pleno da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, en sesión celebrada o día 11 de xuño de 2012, acordou por unanimidade dos presentes aceptar a incorporación do Concello de Cabanas á Mancomunidade.

– O referido acordo someteuse a información pública en cumprimento do artigo 143.1.b) da Lei de Administración local de Galicia mediante edicto publicado no Boletín Oficial da provincia do 5 de xullo de 2012 (Corrección de erros do 18 de xullo de 2012), sen que contra el e no prazo dun mes se presentase ningunha alegación. Simultaneamente remitiuse o dito acordo á Deputación Provincial da Coruña e á Consellería de Presidencia, que emitiron informe favorable.

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes da mancomunidade aprobaron o acordo de modificación dos estatutos da Mancomunidade de Concellos de Comarca de Ferrol e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de modificación do seu artigo 1, no cal se recollen os concellos que integran a Mancomunidade.

– Os devanditos acordos relativos á modificación do artigo 1 dos estatutos da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol para proceder á incorporación do Concello de Cabanas foron adoptados polos concellos integrantes nas seguintes datas:

• O 27 de setembro de 2012 polo Pleno do Concello de Ferrol, o 27 de setembro de 2012 polo Pleno do Concello de Narón, o 20 de setembro de 2012 polo Pleno do Concello de Neda, o 26 de setembro de 2012 polo Pleno do Concello de Cedeira, o 28 de setembro de 2012 polo Pleno do Concello de Mugardos, o 21 de setembro de 2012 polo Pleno do Concello de Valdoviño, o 4 de outubro de 2012 polo Pleno do Concello de Fene, e o 27 de setembro de 2012, polo Pleno do Concello de Ares.

• Finalmente, o 30 de outubro de 2012, o presidente accidental da Mancomuidade de Concellos da Comarca de Ferrol remitiu a documentación íntegra, anteriormente sinalada, á Dirección Xeral de Administración Local, para publicación da modificación do artigo 1 dos seus estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1º d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Publicar a modificación do artigo 1.1 dos estatutos da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol que se publican como anexo.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Modificación dos estatutos da Mancomunidade
de Concellos da Comarca de Ferrol

Artigo 1. Denominación

1. Os concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño, pertencentes á Comarca de Ferrol, ao amparo do disposto no ordenamento xurídico vixente, acordan constituírse en mancomunidade voluntaria de concellos para a organización e presentación de xeito mancomunado das obras e servizos da súa competencia que se recollen nos presentes estatutos.