O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.
O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.
O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.
O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.
A folga foi convocada polas organizacións sindicais CC.OO., CIG e UGT está dirixida a todos os traballadores e traballadoras das empresas e centros de traballo afectados polo convenio colectivo de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na comunidade autónoma de Galicia, e levarase a efecto desde as 00.00 horas do día 12 de decembro ata as 24.00 horas do día 14 de decembro, e desde as 00.00 horas do día 19 de decembro con carácter indefinido.
Con base no anterior, e despois da audiencia ao comité de folga e aos responsables das prestacións de transporte sanitario no ámbito da folga, a conselleira
DISPÓN:
Artigo 1
A convocatoria de folga que afecta o persoal das empresas e centros de traballo afectados polo convenio colectivo de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na comunidade autónoma de Galicia, que terá efecto desde as 00.00 horas do día 12 de decembro ata as 24.00 horas do día 14 de decembro, e desde as 00.00 horas do día 19 de decembro con carácter indefinido, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.
O ámbito da folga abrangue:
1) Transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias Galicia 061 a través da RTSUG (Rede de transporte sanitario urxente de Galicia). O servizo préstase mediante:
– Ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (AA-SVA) medicalizadas ou UVI móbiles, é dicir ambulancias tipo C concertadas por US-061, que se corresponden cun total de 10 unidades, situadas en 10 bases. O horario de servizo é de 24 horas.
– Ambulancias asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB), é dicir ambulancias tipo B concertadas por US-061 que se corresponden cun total de 101 unidades. O número de bases por provincia é o seguinte: 31 bases na provincia da Coruña con 36 vehículos, 19 bases na provincia de Lugo con 20 vehículos, 14 bases na provincia de Ourense con 15 vehículos, e 23 bases na provincia de Pontevedra con 30 vehículos.
2) Transporte sanitario das altas hospitalarias e traslados intercentros, organizado e xestionado desde os hospitais e prestado con ambulancias dos seguintes tipos: convencionais, asistenciais de soporte vital básico e asistenciais de soporte vital avanzado.
3) Transporte sanitario non urxente, xestionado desde os centros e estruturas do Servizo Galego de Saúde e prestado con ambulancias dos seguintes tipos: convencionais, asistenciais de soporte vital básico e vehículos de transporte sanitario colectivo.
4) Transporte sanitario prestado polas empresas que afecten enfermos ou accidentados na comunidade autónoma, non incluído nos puntos anteriores.
A folga esténdese a un período no cal, pola actividade propia desas datas e o maior número de desprazamentos pola rede de comunicación viaria, poden ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda.
A Rede de transporte sanitario urxente de Galicia (RTSUG) está organizada en razón a unha superficie, unha poboación e un complexo mapa de isócronas, onde cada recurso garanta o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia.
Por estes motivos, o número de ambulancias contratadas está axustado, de tal xeito que os servizos mínimos para garantir a protección da saúde da poboación deben dar resposta ao 100 % dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061.
O resto dos traslados que se recollen como esenciais xustifícanse polas necesidades asistenciais específicas de diferentes grupos, e tamén para garantir a protección do dereito á saúde de pacientes en situacións especiais, nos que calquera demora na asistencia derivada da falta de medios de transporte e asistencia adecuada pode desencadear un risco vital.
Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte sanitario a través das empresas afectadas pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde.
Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa adecuada atención a enfermos e accidentados que baixo ningún concepto poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.
Os criterios reitores para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida son os seguintes:
1) Unha cobertura do 100 % das unidades respecto da atención urxente prestada a través do 061.
2) O 100 % dos servizos de transporte para enfermos que requiran tratamentos continuados de oncoloxía e diálise.
3) Para a realización de traslados inter e intrahospitalarios e doutros servizos que poderán ser demandados polos centros hospitalarios, mantendo como mínimo un vehículo, determinarase o 50 % dos recursos por quendas de traballo, que ten que incluír inescusablemente os vehículos de soporte vital avanzado asignados a cada centro.
4) No traslado para consultas externas e probas diagnósticas en pacientes ambulatorios, cubrirase o servizo no caso de que o paciente necesite padiola.
Os vehículos que resulten precisos para o mantemento dos servizos mínimos, consonte os anteriores criterios reitores, contarán coa dotación mínima de persoal establecida na normativa vixente.
Artigo 2
Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllense as bases e ambulancias asistenciais básicas e avanzadas medicalizadas precisas para cubrir os servizos mínimos durante a folga.
A determinación concreta do persoal que debe cubrir os servizos mínimos será realizada pola dirección da empresa, mediante comunicación nominativa e individual do dito persoal.
A designación deberá ser publicada nos taboleiros de anuncios da empresa con antelación ao comezo da folga.
O persoal designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a súa substitución por outro/a profesional da empresa que voluntariamente acepte o cambio de forma expresa.
No expediente de determinación de servizos mínimos da empresa, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal destinatario, deberá quedar constancia dos criterios e xustificación ponderados para determinar os ditos servizos.
Artigo 3
Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).
Artigo 4
O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.
Artigo 5
Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e usuarios do servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.
Disposición derradeira.
A presente orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2012
Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade
Anexo
Bases e ambulancias asistenciais básicas e avanzadas medicalizadas precisas para cubrir os servizos mínimos durante a folga
– Provincia da Coruña.
A Coruña (3)
Arteixo
Arzúa
As Pontes de García Rodríguez
Betanzos
Boiro
Cambre
Carballo (2)
Cariño
Cedeira
Cee
Cerceda
Ferrol (2)
Mazaricos
Melide
Muros
* Narón
Negreira
Noia
Oleiros
Ordes
Ortigueira
Padrón
Ponteceso
Pontedeume
Ribeira
Sada
Santa Comba
Santiago de Compostela (2)
Teixeiro
Vimianzo
Total da provincia da Coruña: 31 bases/36 ambulancias.
– Provincia de Lugo:
Becerreá
Guitiriz
Burela
O Corgo
Chantada
A Fonsagrada
*Foz
Lugo (2)
Meira
Mondoñedo
Monforte
Navia de Suarna
Palas de Rei
A Pontenova
Quiroga
Ribadeo
Sarria
Vilalba
Viveiro
Total da provincia de Lugo: 19 bases/20 ambulancias.
– Provincia de Ourense:
A Gudiña
Allariz
Bande
O Carballiño
Castro Caldelas
Celanova
Maceda
O Barco
Ourense (2)
A Pobra de Trives
Ribadavia
Verín
Viana do Bolo
Xinzo de Limia
Total da provincia de Ourense: 14 bases/15 ambulancias.
– Provincia de Pontevedra:
A Cañiza
A Estrada
A Guarda
* Arbo
Bueu
** Baiona
Caldas de Reis
Cambados
Cangas
Lalín
* Marín
Moaña
Nigrán
O Grove
* Ponteareas (2)
Pontevedra (2)
O Porriño
Sanxenxo
Redondela
Silleda
Tui
* Vigo (6)
Vilagarcía de Arousa
Total da provincia de Pontevedra: 23 bases/30 ambulancias.
Total Galicia: 87 bases/101 ambulancias.
* Estas unidades están operativas 12 horas en horario diúrno. Este mesmo horario correspóndese co de tres das unidades de Vigo e unha das unidades de Ponteareas.
** Esta unidade está operativa doce horas en horario diúrno de luns a venres e vinte e catro horas os sábados e domingos.
Entre paréntese figura o número de recursos cando a base ten máis de un.
– Ambulancias medicalizadas:
A Coruña (2)
Ferrol
Lugo
Ourense
Pontevedra
Vigo
Mos
Santiago de Compostela
Foz