Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 7 de decembro de 2012 Páx. 46084

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 15 de novembro de 2012, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV e subestación 132/20 kV Folgosa en Ribadeo, así como das disposicións normativas contidas no dito proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 15 de novembro de 2012, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV e subestación 132/20 kV Folgosa en Ribadeo, promovido por E.ON Distribución, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de xullo de 2009, polo que se declara a incidencia supramunicipal do devandito proxecto, o planeamento dos concellos de Trabada e Ribadeo (Lugo) quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, modificada pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV e subestación 132/20 kV Folgosa en Ribadeo.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO
Disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV e subestación 132/20 kV Folgosa en Ribadeo

1. Análise da relación co planeamento urbanístico vixente.

1.1. Normativa urbanística dos concellos de Trabada e Ribadeo.

O Decreto 80/2000, do 23 de marzo, regula a finalidade, o contido, a eficacia e o procedemento de aprobación dos plans e proxectos sectoriais, de conformidade co disposto no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

A presente infraestrutura de alimentación afectará os termos municipais de Trabada e Ribadeo. O obxecto deste proxecto sectorial é o de adaptar o planeamento vixente dos municipios afectados ás limitacións que implica a situación das instalacións.

O tipo de solo afectado pola liña nos dous municipios descríbese a seguir:

– Trabada: a figura de planeamento existente no concello de Trabada é a delimitación de solo urbano (DSU) con data de aprobación do 8 de maio de 1978, na cal se regula o solo do núcleo de Trabada e ría de Abres, polo que carece de normativa urbanística propia adaptada á Lei 9/2002 e posteriores modificacións que regule todo o termo municipal, sen estar regulado o solo rústico afectado pola instalación nestas normas.

De acordo coa Lei 9/2002 e as súas posteriores modificacións, segundo a disposición adicional segunda –Réxime de solo nos municipios sen planeamento–, no punto 3 expón: «No resto de terreos aplicaráselle o réxime de solo rústico establecido nesta lei». Segundo estas normas, os terreos afectados pola implantación da infraestrutura obxecto deste proxecto pódense clasificar como solo rústico de protección agropecuaria, solo rústico de protección forestal e solo rústico de protección de augas.

– Ribadeo: o planeamento urbanístico vixente no concello de Ribadeo é o PXOM con data de aprobación do 14 de marzo de 1977, que recobrou a vixencia ao anularse por sentenza xudicial o PXOM con data de aprobación do 5 de novembro de 1993. O plano do PXOM vixente en Ribadeo facilitado polo concello tan só delimita o solo urbano e o solo rural. Segundo a descrición das diferentes clasificacións de solo nestas normas, o solo afectado polas instalacións obxecto do presente proxecto sectorial clasifícase como:

• Solo rústico normal: é o destinado á explotación directa do solo, xa sexa agrícola, forestal ou pecuario e, en determinadas condicións, á explotación de xacementos ou á extracción de terras, pedras ou substancias minerais, cuxas características se determinan no artigo 69 da Lei do réxime do solo.

• Solo rústico ao longo dos leitos fluviais: faixas de solo a menos de 100 metros dos leitos, onde se modifican as condicións do solo rústico co dobre fin de protexer os leitos y protexer e dar asento a determinados usos, segundo especifica o artigo 69 da Lei de réxime do solo.

• Solo de protección de comunicacións: son as faixas marxinais ás vías de tránsito creadas non só para defender o seu normal funcionamento, senón en previsión de futuras ampliacións ou modificacións de trazado ou perfil. A largura destas faixas será de 100 m a cada lado da vía. Modifícanse as condicións de solo rústico segundo especifica o artigo 69 da Lei de réxime do solo.

De acordo coa Lei 9/2002 e as súas posteriores modificacións, segundo a disposición transitoria primeira –Réxime de aplicación aos municipios con planeamento non adaptado–, na alínea f) expón: «Ao solo clasificado polo planeamento vixente como non urbanizable ou rústico aplicaráselle integramente o disposto na presente lei para solo rústico». Segundo estas normas, os terreos afectados pola implantación das infraestruturas obxecto deste proxecto poderíanse clasificar como solo rústico de especial protección de espazos naturais (SRPEN), solo rústico de especial protección de augas (SRPAu), solo rústico de especial protección forestal (SRPF), solo rústico de especial protección agropecuaria (SRPA) e solo rústico de especial protección de infraestruturas (SRPI).

No presente proxecto sectorial, ademais de traballar co PXOM vixente do ano 1977, tamén traballaremos co PXOM do concello de Ribadeo, con aprobación inicial do 23 de marzo de 2012, por ter este unha cartografía de maior detalle, a pesar da súa ineficacia por non ser o planeamento vixente na actualidade.

1.2. Aplicación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e posteriores modificacións.

De acordo coa Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e posteriores modificacións, nos concellos de Trabada e Ribadeo son de aplicación as seguintes disposicións da citada lei:

• Trabada: é de aplicación a disposición adicional segunda (réxime de solo nos municipios sen planeamento) e, en especial, o seu número 3): «No resto de terreos aplicaráselle o réxime de solo rústico establecido nesta lei».

• Ribadeo: é de aplicación a disposición transitoria primeira (réxime de aplicación aos municipios con planeamento non adaptado) e, en especial, na alínea f) expón: «Ao solo clasificado polo planeamento vixente como non urbanizable ou rústico aplicaráselle integramente o disposto na presente lei para solo rústico».

1.3. Análise da relación coa planificación urbanística vixente.

De acordo cos puntos anteriores, a seguir analízase a compatibilidade da execución da infraestrutura obxecto deste proxecto coas condicións de uso de cada un dos tipos de solo.

1.3.1. Concello de Trabada.

Tendo en conta a disposición adicional segunda da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002 (réxime de solo nos municipios sen planeamento) e, en especial, o seu número 3): «No resto dos terreos aplicaráselle o réxime de solo rústico establecido nesta lei», ao solo afectado polas instalacións no concello de Trabada aplicaráselles o disposto para solo rústico na Lei 9/2002 e posteriores modificacións.

1.3.1.1. Solo rústico de protección agropecuaria (SRPA).

No artigo 37.1 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables por licenza municipal directa para solo rústico de protección agropecuaria están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

1.3.1.2. Solo rústico de protección forestal (SRPF).

No artigo 37.1 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables por licenza municipal directa para solo rústico de protección forestal están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

1.3.1.3. Solo rústico de protección de augas (SRPAu).

No artigo 38.1 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables por licenza municipal directa para solo rústico de protección de augas están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

1.3.2. Concello de Ribadeo.

Tendo en conta a disposición adicional segunda da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002 (réxime de aplicación aos municipios con planeamento non adaptado) e, en especial, a súa alínea f): «Ao solo clasificado polo planeamento vixente como non urbanizable ou rústico aplicaráselle integramente o disposto na presente lei para solo rústico», ao solo afectado polas instalacións no concello de Ribadeo aplicaráselle integramente o disposto para solo rústico na Lei 9/2002 e posteriores modificacións.

1.3.2.1. Solo rústico de protección de espazos naturais (SRPEN).

No artigo 39.2 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables pola comunidade autonóma para solo rústico de especial protección de espazos naturais están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

1.3.2.2. Solo rústico de protección de augas (SRPAu).

No artigo 38.1 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables por licenza municipal para solo rústico de especial protección de augas están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

1.3.2.3. Solo rústico de protección forestal (SRPF).

No artigo 37.1 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables por licenza municipal directa para solo rústico de especial protección forestal están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

1.3.2.4. Solo rústico de protección agropecuaria (SRPA).

No artigo 37.1 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables por licenza municipal directa para solo rústico de especial protección agropecuaria están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

1.3.2.5. Solo rústico de protección de infraestruturas (SRPI).

No artigo 37.1 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables por licenza municipal directa para solo rústico de especial protección de infraestruturas están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

2. Proposta de modificación do planeamento urbanístico vixente.

2.1. Adecuación ao planeamento.

Segundo as normas urbanísticas vixentes que rexen no municipio de Trabada, o solo afectado polo presente proxecto clasificouse como solo rústico de protección agropecuaria (SRPA), solo rústico de protección forestal (SRPF) e solo rústico de protección de augas (SRPAu).

Segundo as normas urbanísticas vixentes que rexen no municipio de Ribadeo, o solo afectado polo presente proxecto clasificouse como solo rústico de especial protección de espazos naturais (SRPEN), solo rústico de especial protección de augas (SRPAu), solo rústico de especial protección forestal (SRPF), solo rústico de especial protección agropecuaria (SRPA) e solo rústico de especial protección de infraestruturas (SRPI).

En ningún deles se impide expresamente a instalación de obras de interese público e social como é a liña de distribución eléctrica obxecto deste proxecto.

É por todo isto que será necesario adecuar a normativa urbanística vixente nos ditos municipios para facer viable o uso da liña eléctrica cualificando o solo rústico afectado como solo rústico de especial protección de infraestruturas (liñas eléctricas).

2.1.1. Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo as zonas delimitadas nos planos destinadas ás instalacións de distribución da enerxía eléctrica.

Non se permitirán outras construcións que non sexan estritamente necesarias para o adecuado funcionamento da infraestrutura eléctrica de alta tensión.

2.1.2. Usos permitidos no réxime do solo rústico de especial protección de infraestruturas.

O réxime xeral do solo rústico de especial protección de infraestruturas ten por obxecto preservar os terreos ocupados polas infraestruturas e as súas zonas de afección, así como os que sexan necesarios para a implantación doutras novas. Por tanto, os usos permitidos son a instalación de liñas eléctricas, así como os permitidos con anterioridade (agrícola, gandeiro e forestal) sempre que se respecte para estes últimos a área de servidume de enerxía eléctrica representada nos planos de planeamento modificado.

Tras a construción da liña eléctrica, este ámbito non poderá ser utilizado para determinadas actividades que afecten negativamente a infraestrutura proxectada, como, por exemplo, edificar ou realizar plantacións de especies vexetais en altura.

Para a área afectada polo ámbito da infraestrutura eléctrica considérase do seguinte xeito:

• Terreo en que se situará a propia subestación e a vía de acceso a ela.

• O terreo afectado pola liña de alta tensión será unha superficie delimitada pola proxección sobre o terreo dos condutores extremos nas condicións máis desfavorables (é dicir, con vento de 120 km/h en dirección perpendicular á liña), incrementada nas distancias regulamentarias a ambos os lados das ditas proxeccións, cun mínimo de 15 m a cada lado do eixo da liña.

2.1.3. Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación da liña de alta tensión para poder implantarse nesta categoría de solo deberá contar coa correspondente declaración ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, coa aprobación do proxecto sectorial e co cumprimento da normativa da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, especialmente as normas de aplicación directa recollidas nos artigos 104 a 106.

2.1.4. Condicións de edificación.

Para a edificación que se inclúe no presente documento cumprirase todo o disposto no artigo 42 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e posteriores modificacións, relativo a condicións xerais das edificacións en solo rústico, así como as súas normas de aplicación directa (artigos 104 a 106).

Descrición do edificio:

Para a situación das celas de 20 kV, equipamentos de control, protección, comunicacións e servizos auxiliares construirase, utilizando materiais típicos da zona e integrado no ambiente, un edificio de 23,10×8,35 metros (medidas exteriores) e 5,15 metros de altura máxima, con 5 dependencias para albergar os distintos elementos e equipamentos que compoñen o sistema:

• Dependencia 1: celas de 20 kV.

• Dependencia 2: transformadores de servizos auxiliares.

• Dependencia 3: equipamentos de control, protección e comunicacións.

• Dependencia 4: lavabos e sanitarios.

• Dependencia 5: grupo electróxeno.

A estrutura principal do edificio construirase mediante elementos prefabricados de formigón armado; realizarase in situ a cimentación, a soleira para o asento e o cerramento mediante ladrillo cerámico con cámara de aire e fixación dos ditos elementos prefabricados e dos equipamentos interiores do edificio, así como a organización das canalizacións necesarias para o tendido dos cables de potencia e control.

Este edificio constará dunha soa planta e distribuirase nunha única sala para os equipamentos correspondentes ao control, protección, comunicacións, servizos auxiliares en baixa tensión etc. necesarios para o correcto funcionamento da subestación, ademais das celas de media tensión.

Exteriormente, o edifico irá rematado cunha beirarrúa perimetral de 1,10 m de largura na fachada correspondente á porta de acceso.

Para o acceso exterior instalarase unha porta metálica de dimensións adecuadas para o paso dos equipamentos.

Os acabamentos e a cor da fachada estarán acordes co ambiente e coas indicacións das normas municipais do concello de Ribadeo. O panel de cuberta quedará rematado con tella cerámica, sobre illamento térmico.

2.1.5. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 42.1.a) da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver á súa custa, se fixeren falta, os servizos de:

• Acceso rodado.

• Abastecemento de auga (non se disporá de conexión á rede pública de subministración de augas, polo que para o abastecemento de auga corrente utilizarase un depósito soterrado de 2.000 litros que será abastecido mediante unha cisterna e dotado de grupo de presión adecuado).

• Saneamento e depuración (para o tratamento de augas provenientes da sala de aseo e vestiarios, instalarase unha fosa séptica con filtro biolóxico e capacidade para 6 persoas/ano. Posteriormente, a auga tratada canalizarase a través de tubos de 110 mm de diámetro a un pozo drenante de dimensións 4,00×2,00×2,50 metros, que estará recheo con gravas de entre 20 e 60 cm. Así mesmo, colócase unha lámina xeotéxtil entre o terreo e a grava do pozo drenante).

• Enerxía eléctrica.

• Recolla, tratamento, eliminación e depuración de residuos.

• Dotación de aparcadoiros.

2.2. Eficacia.

A aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, vinculará o planeamento do concello de Ribadeo e, se for ocaso, cando se formule, o planeamento de Trabada, en cuxos concellos se atopan os ditos proxectos e implica a obriga de conceder licenza de obras para as infraestruturas, seguindo os trámites previstos na lexislación local e do procedemento administrativo común.

Cando se revise ou, se for o caso, se formule o planeamento municipal vixente nos municipios afectados e/ou se adapte á Lei 9/2002, de ordenación urbanística, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos clasificándoas como solo rústico de especial protección de infraestruturas, coa normativa que para estes tipos de solo se reflicte na Lei 9/2002 e posteriores modificacións.

2.3. Prazo.

A adecuación do planeamento local deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

• A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello que, obviamente, pode ser para esta adecuación.

• A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

• A adaptación, se for o caso, do planeamento á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

3. Cualificación do proxecto.

As obras da LAT 132 kV E/S a sub. Folgosa en Ribadeo e a S.E. Ribadeo 132/20 kV obxecto do presente proxecto sectorial cualifícanse expresamente como de marcado carácter territorial e, en consecuencia, quedan exentas das autorizacións urbanísticas, de conformidade co establecido no artigo 11.3 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.