Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 5 de decembro de 2012 Páx. 45787

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2012, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2012

Gonzalo José Ordóñez Puime
Director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 7/2011,
do 27 de outubro, do turismo de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, na súa reunión do día 19 de xullo de 2012, adoptou o seguinte acordo:

De conformidade coas negociacións previas mantidas polo grupo de traballo constituído por Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia do día 2 de febreiro de 2012, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 35, letra m); 41.3; 45; 86 e 90.3 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, ambas as partes considéranas solucionadas, nos seguintes termos:

1º. En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 35, letra m), no que concirne á obriga dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración de subscribir e manter vixente un seguro de responsabilidade civil, ambas as partes coinciden en interpretar o dito artigo no marco do disposto no artigo 21.1 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, isto é, que a obriga aludida estea especificamente prevista nunha norma con rango de lei e que teña por finalidade cubrir os danos que se poidan provocar na prestación do servizo naqueles casos en que os servizos que se presten presenten un risco directo e concreto para a saúde ou para a seguridade do destinatario ou dun terceiro, ou para a seguridade financeira do destinatario.

2º. En canto ás discrepancias manifestadas sobre o artigo 41.3, respecto da obriga de comunicación do exercicio da actividade por parte das empresas de intermediación legalmente establecidas noutras comunidades autónomas ou estados membros da Unión Europea que quixeran exercer a actividade en Galicia, ambas as partes coinciden en interpretar o dito artigo no marco do disposto nos artigos 12 e 16 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, isto é, a comunicación a que se refire non é necesario que sexa previa e, polo tanto, condición para o exercicio da actividade. O desenvolvemento regulamentario deste artigo deberá recoller as condicións desta comunicación, en concreto, deberá recoller o prazo máximo en que se deberá producir a comunicación desde que se exerce a actividade en Galicia, así como as consecuencias a que poderá dar lugar non facelo, que como máximo serán un apercibimento e nunca sanción económica.

3º. Respecto das discrepancias manifestadas sobre o artigo 45, no que se refire ao réxime de autorización de campamentos de turismo, ambas as partes coinciden en interpretar o dito réxime no marco establecido polo artigo 5 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, isto é, garantindo que o dito réxime de autorización cumpre cos principios de non discriminación, necesidade e proporcionalidade e está xustificado por razóns imperiosas de interese xeral, entendendo como tales aquelas razóns definidas e interpretadas pola xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, limitadas ás seguintes: a orde pública, a seguridade pública, a protección civil, a saúde pública, a preservación do equilibrio financeiro do réxime de seguridade social, a protección dos dereitos, a seguridade e a saúde dos consumidores, dos destinatarios de servizos e dos traballadores, as exixencias da boa fe nas transaccións comerciais, a loita contra a fraude, a protección do ambiente e do contorno urbano, a sanidade animal, a propiedade intelectual e industrial, a conservación do patrimonio histórico e artístico nacional e os obxectivos da política social e cultural.

4º. En canto ás discrepancias manifestadas sobre o artigo 86, respecto á exixencia ás empresas de intermediación turística que constitúan e manteñan en permanente vixencia unha garantía para responder ao cumprimento das obrigas derivadas da prestación dos seus servizos, ambas as partes coinciden en interpretar o dito artigo no marco do disposto no artigo 21 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, isto é, as empresas de intermediación a que se refire son exclusivamente as axencias de viaxes, quedando excluídas as centrais de reservas. O desenvolvemento regulamentario deste artigo deberá recoller e ter en conta este aspecto, reiterando con claridade no seu texto a aclaración deste acordo interpretativo.

5º. En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 90.3, relativo á comunicación previa que deberán realizar os guías de turismo, ambas as partes coinciden en interpretar o dito artigo en todos os seus termos no marco do disposto no artigo 13 do Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español a Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de setembro de 2005, e a Directiva 2006/100/CE do Consello, do 20 de novembro de 2006, relativas ao recoñecemento de cualificacións profesionais, así como a determinados aspectos do exercicio da profesión de avogado, isto é, que os guías de turismo xa establecidos noutra comunidade autónoma que desexasen exercer a súa actividade de forma temporal ou ocasional en Galicia, estarán exentos de presentar a dita comunicación previa.

6º. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional por medio de calquera dos órganos mencionados no artigo 33.2 da Lei orgánica do Tribunal Constitucional, para os efectos que no propio precepto se recollen, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 19 de xullo de 2012

Cristóbal Montoro Romero

Ministro de Facenda e Administracións Públicas

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza