Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 4 de decembro de 2012 Páx. 45683

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2012 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso, polo sistema de promoción interna, na categoría de técnicos especialistas de laboratorio do grupo III da Universidade da Coruña.

Na vixente relación de postos de traballo de persoal laboral, publicada pola Resolución do 2 de agosto de 2005 (DOG do 29 de agosto), os postos de especialista de laboratorio, grupo 4A, foron reclasificados a postos de técnico especialista de laboratorio, grupo III. Estes postos están ocupados por persoal laboral fixo contratado como grupo 4A. Co fin de posibilitar a promoción deste persoal, aínda mantendo os seus propios postos de traballo, de acordo co establecido no artigo 16.2.7 do III Convenio colectivo,

Esta xerencia, en uso das atribucións conferidas no artigo 40 dos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), e da delegación de competencias operada pola Resolución do 16 de xaneiro de 2012, resolve convocar probas selectivas para o ingreso na categoría de técnicos especialistas de laboratorio do grupo III da Universidade da Coruña, con suxeición ás seguintes bases:

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 9 prazas na categoría de técnicos especialistas de laboratorio do grupo III da Universidade da Coruña, polo sistema de promoción interna, ás cales só poderá acceder o persoal laboral fixo que ocupa os postos os que se refire o primeiro parágrafo.

1.2. A presente convocatoria non xerará prazas vacantes no grupo 4A do cal procedan as persoas aspirantes.

1.3. Á realización destas probas selectivas seralle de aplicación a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, modificado pola Lei 2/2009, do 23 de xuño; o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado; o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia; os estatutos da Universidade da Coruña, o establecido no III Convenio colectivo de persoal laboral da Universidade da Coruña e o disposto na presente convocatoria.

1.4. O procedemento de selección das persoas aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

1.5. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos dos/das candidatos/as.

2.1. Para seren admitidas á realización destas probas selectivas, as persoas aspirantes deberán reunir e manter os seguintes requisitos:

a) Ser persoal laboral fixo da categoría de especialista de laboratorio, grupo 4A, en servizo activo, con destino definitivo na Universidade da Coruña.

b) Estar en posesión do título de bacharelato superior ou formación profesional de 2º grao ou equivalente, ou estar en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes. Así mesmo, para os efectos da presente convocatoria, considérase equivalente á posesión da titulación:

– Ter aprobadas as probas de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos ou estar en condicións de obter o certificado correspondente na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

2.2. Todos os requisitos deberán reunirse no momento de finalizar o prazo de presentación das solicitudes e deberanse posuír durante o proceso selectivo.

3. Solicitudes.

3.1. As persoas que desexaren tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo o modelo que figura como anexo IV desta convocatoria.

3.2. As solicitudes dirixiranse ao xerente da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.

A presentación das solicitudes farase no Rexistro Xeral da Universidade na Coruña (edificio da Reitoría, rúa da Maestranza, 9, CP 15001), nos rexistros auxiliares (Casa do Lagar, Elviña, Campus da Coruña, e Edificio de Usos Administrativos, Esteiro, Campus de Ferrol), ou por medio das restantes formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

3.3. As persoas aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da solicitude e solicitar, se for o caso, as posibles adaptacións de tempos e de medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, cuestión que indicarán no recadro número 15.

3.4. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fagan constar nas súas solicitudes, e poden unicamente demandar a súa modificación mediante un escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2. para a presentación de solicitudes. Tras transcorrer ese prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida e xustificada, e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

4. Listaxes de persoas admitidas e excluídas.

4.1. Tras rematar o prazo de presentación de solicitudes, no prazo dun mes, o xerente da Universidade ditará unha resolución en que declarará aprobadas as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que serán publicadas no taboleiro de anuncios da Reitoría da Universidade e na Vicerreitoría do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, dos apelidos e do documento nacional de identidade e, se for o caso, as causas de exclusión.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para emendar o defecto que motivase a exclusión. Tras transcorrer o dito prazo o xerente ditará resolución en que declarará aprobada a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas, que será publicada nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Ferrol, contra a cal as persoas interesadas poderán interpor un recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses ou un recurso potestativo de reposición perante o reitor no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución.

4.2. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos, que se terán que acreditar no seu momento, de acordo co previsto na base 8 desta convocatoria.

5. Tribunal cualificador.

5.1. A composición do tribunal cualificador destas probas será publicada no taboleiro de anuncios da Reitoría cunha antelación de, polo menos, un mes respecto da data de inicio do exercicio, e terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño), modificado polo Decreto 144/2008, do 26 de xuño (DOG do 18 de xullo).

5.2. O tribunal na súa constitución, na súa composición e no seu funcionamento observará o que dispón o artigo 13 do Real decreto 364/1995 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

5.3. O tribunal poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas no número que xulgue necesario.

5.4. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da Universidade da Coruña.

6. Calendario das probas.

6.1. O lugar e a data do primeiro exercicio farase público na resolución que aprobe as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas.

6.2. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se efectuase o primeiro, así como na sede do tribunal, e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilitar a súa máxima divulgación, con vinte e catro horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación.

A orde de actuación dos/as opositores/as iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra Z de conformidade coa Resolución do 7 de febreiro de 2012 pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

7. Listaxes de persoas aprobadas.

7.1. Concluído o exercicio da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública na Reitoría da Universidade da Coruña, na Vicerreitoría do Campus de Ferrol e no lugar ou lugares de realización deste, así como naqueloutros que considere oportuno, a relación das persoas aspirantes que o superasen, con indicación da puntuación que obtiveron nesta proba.

7.2. O tribunal fará pública a relación das persoas aspirantes que superaron as probas selectivas, constituída por aquelas que, en número non superior ao das prazas convocadas, obtivesen a maior puntuación nelas.

7.3. Finalizado o proceso selectivo, o tribunal remitiralle ao xerente a relación de persoas aspirantes aprobadas por orde de puntuación, en que constarán as cualificacións que se obtiveron nos exercicios da fase de oposición e na fase de concurso.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel en que se publicase a relación definitiva de persoas aprobadas nas probas selectivas, estas deberán presentar no Servizo de Persoal de Administración e Servizos da Universidade da Coruña (rúa da Maestranza, 9) os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título exixido para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas. As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estaren sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que inhabilite no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibilite para o servizo.

d) Os/as aspirantes con discapacidade igual ou superior ao 33% deberán acreditar tal condición, se obtivesen praza, mediante unha certificación dos órganos competentes.

8.2. Unha vez que a persoa aspirante supere as probas selectivas, e realice debidamente os trámites de presentación de documentos, será contratada como técnico especialista de laboratorio grupo III.

8.3. O período de proba será dun mes; neste prazo o/a traballador/a terá os dereitos e as obrigas que lle correspondan en relación co posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que se poderá producir por solicitude de calquera das partes durante o seu transcurso.

9. Norma derradeira.

A presente convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos derivaren dela poderán ser impugnados perante a xurisdición do contencioso-administrativo nos casos e na forma que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

Así mesmo, as persoas interesadas poderán interpor un recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas perante o reitor da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 20 de novembro de 2012

Juan Manuel Díaz Villoslada
Xerente da Universidade da Coruña

ANEXO I

– Procedemento de selección:

O procedemento de selección será o de concurso-oposición, que consta de:

– Fase de oposición: 60 puntos.

Exercicio único: de carácter obrigatorio e eliminatorio. Consistirá en contestar un cuestionario de 60 preguntas (máis tres de reserva, que só se corrixirán no caso de anulación dalgunha pregunta), con catro respostas alternativas, das cales só unha será correcta. Todas as preguntas terán a mesma puntuación e cada resposta errónea non descontará negativamente. A súa valoración será de 0 a 60 puntos e será necesario obter 24 puntos para o superar. O tempo máximo para a realización desta proba será de noventa minutos.

– Fase de concurso: 40 puntos.

A antigüidade, ata un máximo de 30 puntos, valorarase a razón de 0,625 puntos por mes na mesma categoría e grupo na UDC, e 0,15 puntos por mes na mesma categoría e grupo noutras administracións.

Os 10 puntos restantes acadaranse pola valoración da formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais e organismos de recoñecido prestixio.

A valoración da formación farase atendendo aos seguintes criterios:

A) Lingua galega, no caso de posuír máis dun curso de lingua galega, só puntuará o máis alto.

Celga 3: 1 punto.

Celga 4: 2 puntos.

Linguaxe administrativa: 2,5 puntos.

Linguaxe administrativa, nivel superior: 3 puntos.

Celga 5: 3 puntos.

B) Formación relacionada coa categoría de pertenza da praza:

– Cursos de asistencia:

Menos de 10 horas ou que non indiquen a súa duración: 0,25 puntos/curso.

De 10 a 19 horas: 0,50 puntos/curso.

De 20 a 29 horas: 1 punto/curso.

De 30 a 39 horas: 1,5 puntos/curso.

De 40 a 49 horas: 2 puntos/curso.

De 50 horas ou máis: 2,5 puntos/curso.

Os cursos impartidos ou de aproveitamento puntuarán o dobre.

ANEXO II
Temario

Tema 1. Riscos biolóxicos. Concepto. Grupos. Axentes biolóxicos, como e onde actúan? Vías de entrada. Actividades laborais que presentan R.B. Medidas preventivas. Medidas hixiénicas básicas. Métodos de traballo. Normas básicas. Medidas de contención. Manipulación. Transporte e envío de mostras biolóxicas perigosas.

Tema 2. Riscos químicos. Risco químico. Conceptos xerais. Riscos derivados de substancias químicas. Clasificación das substancias químicas, como e onde actúan? Vías de entrada. Actividades laborais que presentan R.Q. Substancias inflamables, explosivas, irritantes, corrosivas, tóxicas. Reactivos máis comúns no laboratorio (ácidos, bases, disolventes orgánicos...). Medidas preventivas. Medidas hixiénicas básicas. Métodos de traballo. Normas básicas. Medidas de contención. Manipulación, transporte e envío de mostras químicas perigosas.

Tema 3. Riscos de tipo físico. Riscos físicos. Conceptos xerais. Riscos derivados de accións físicas. Riscos mecánicos (acústicos, vibracións...), térmicos, eléctricos, radiacións (ionizantes, non ionizantes, U.V., I.R., láser, R.X.). Como e onde actúan? Actividades laborais que presentan R.F. Medidas preventivas e hixiénicas básicas. Métodos de traballo. Normas básicas. Medidas de contención.

Tema 4. Seguridade na manipulación de gases, electricidade, fogos e radiacións. Gases de uso frecuente nos laboratorios, medidas de seguridade. Manipulación eléctrica, perigos e medidas de seguridade. Tipos de fogo segundo a súa orixe e control destes. Clasificación das radiacións, medidas de seguridade na manipulación de emisores de radiación.

Tema 5. Almacenamento de produtos químicos e biolóxicos en laboratorios de investigación. Transvasamento, traslado e almacenamento. Instalacións. Ventilación, armarios de seguridade, electricidade estática. Xestión do depósito e organización do almacén, neveiras, conxeladores. Inventarios. Medidas de seguridade, Incompatibilidades de produtos.

Tema 6. Xestión de residuos. Introdución. Problemática dos residuos. Procesos xeradores de residuos químicos e biolóxicos. Definición de residuos e conceptos relacionados. Características dos residuos químicos e biolóxicos. Residuos xerados nos laboratorios. Xestión práctica de residuos. Programa de xestión de residuos. Procedemento de eliminación de residuos. Lexislación básica específica sobre residuos.

Tema 7. EPI. Necesidade do seu uso. Selección de EPI. Normalización interna de uso. Tipos de EPI usados nos laboratorios.

Tema 8. Equipamentos de protección colectiva. Campás de extracción. Cabinas, tipos e usos. Cabinas de seguranza biolóxica (CSB). Recomendacións xerais no uso de cabinas. Mantemento destas instalacións.

Tema 9. Primeiros auxilios. Principios xerais. Normas para ter en conta ante queimaduras, intoxicacións, electrocucións e conxelación. Vías de entrada no organismo de substancias tóxicas ou nocivas. Sistemas de reanimación. Lesións máis frecuentes nos laboratorios e como enfrontarse a elas. Caixas de primeiros auxilios.

Tema 10. Enfermidades profesionais: carcinoxénicos, mutaxénicos e tóxicos para a reprodución. Definición de enfermidade profesional. Clasificación das substancias segundo a perigosidade para a saúde humana. Carcinoxénicas, mutaxénicas e tóxicas para a reprodución e as súas categorías. Sensibilizantes (alerxénicos). Normas de seguridade e prevención. Actuación en caso de accidente. Declaración de enfermidades profesionais. Controis de saúde do traballador. Enfermidades profesionais máis frecuentes no ámbito do laboratorio.

NOTA: debe entenderse que este temario se pode ver afectado polas modificacións normativas e lexislativas que se puideren producir ata a data do exame.

ANEXO III
SOLICITUDE DE ADMISIÓN A PROBAS SELECTIVAS

PARA PERSOAL DE ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS

DATOS PERSOAIS

1. Primeiro apelido:

2. Segundo apelido:

3. Nome:

4. Data de nacemento:

5. Localidade e provincia:

6. Nacionalidade:

7. DNI núm.:

8. Domicilio, rúa, número e piso:

9. Localidade, provincia, código postal:

10. Teléfono:

CONVOCATORIA

11. Prazas convocadas:

12. Data DOG da convocatoria:

SISTEMA DE ACCESO

13. Forma de acceso:

Quenda de promoción interna □

14. Discapacidade:

%________________

15. En caso de discapacidade, adaptación que se solicita e motivo desta:

REQUISITOS E DOCUMENTACIÓN

16. Título que posúe:

17. Idioma en que desexa realizar as probas: Galego □ Castelán □

18. Documentación que se xunta:

□ Fotocopia do DNI

□_____________________________________________________________________________________

□_____________________________________________________________________________________

□_____________________________________________________________________________________

A persoa que asina a continuación solicita ser admitida para as probas selectivas a que se refire a presente instancia e declara que son certos os datos consignados nela, que reúne as condicións exixidas para o ingreso na función pública e as especialmente sinaladas na convocatoria, e comprométese a probar documentalmente todos os datos que figuran na solicitude.

....................................., ....... de .......................... de 20.......

(Sinatura)

Xerente da Universidade da Coruña