Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 23 de novembro de 2012 Páx. 44182

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 22 de novembro de 2012 pola que se modifica a Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

No Diario Oficial de Galicia nº 146, do 1 de agosto, publicouse a Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

Esta orde, no parágrafo 2º do seu artigo 30, relativo ao pagamento da subvención, establece que, unha vez iniciado o obradoiro de emprego, e despois da xustificación do comezo mediante a oportuna certificación emitida en tal sentido pola entidade promotora, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ao 25 por cento do importe total da subvención do proxecto.

En todos os exercicios anteriores en que se fixo a convocatoria destes programas mixtos de formación e emprego, a previsión de anticipos chegaba ata o 80 por cento do importe total da subvención para o conxunto do proxecto.

Co obxecto de facilitar a tramitación e xestión administrativa dos diferentes proxectos que resulten aprobados, procede modificar a convocatoria do ano 2012, ampliando a posibilidade de anticipar ata o 80 por cento da subvención para o conxunto do proxecto.

Como queira que a precitada Orde do 27 de xullo do 2012 e, en concreto, a concesión de anticipos, a forma de pagamento das axudas e subvencións reguladas nela, así como o seu carácter plurianual, foron aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do 19 de xullo de 2012, procede elevar novamente ante este órgano a modificación que se pretende.

En consecuencia, comunicada esta modificación ao Consello Galego de Relacións Laborais, á Dirección Xeral de Planificación e Fondos, á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e logo de informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Xeral e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do 22 de novembro de 2012, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modificase o parágrafo 2º do artigo 30. Pagamento da subvención, que queda redactado como segue:

2. Unha vez iniciado o obradoiro de emprego, e despois da xustificación do comezo mediante a oportuna certificación emitida en tal sentido pola entidade promotora, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ata o 80 por cento do importe total da subvención do proxecto.

Artigo 2

Esta modificación non afecta o prazo establecido para a presentación de solicitudes nin tampouco afecta o resto do articulado da Orde do 27 de xullo do 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar