Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 22 de novembro de 2012 Páx. 44060

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2012 pola que se publica o tipo de xuro para as operacións acollidas ás bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (programa Re-Imaxina).

Mediante Resolución do 15 de xuño de 2012 publicouse o Acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (programa Re-Imaxina), e procedeuse á súa convocatoria para o exercicio 2012, en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 120, do 25 de xuño de 2012).

De conformidade co artigo 7.1. das ditas bases, na liña denominada «microcréditos», o tipo de xuro fixo a que se formalizarán as novas operacións será obxecto de revisión cando se produza unha variación significativa do euríbor. Para ter en conta variacións significativas ao longo do ano, farase unha actualización cada vez que a media do euríbor a un ano calculado sobre os tres meses anteriores máis un diferencial de 2,5 puntos porcentuais, se desvíe máis dun 10 % do tipo en vigor. Este novo tipo, que será o resultado de engadir á media dos últimos tres meses do euríbor a un ano un diferencial de 2,5 puntos porcentuais, será, se for o caso, obxecto de notificación ás entidades de crédito adheridas e de publicación no Diario Oficial de Galicia, e entrará en vigor para as operacións que se formalicen a partir da data de publicación.

Visto o exposto e unha vez verificados os datos relativos á evolución do euríbor durante o período establecido en cada convenio, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. O tipo de xuro nominal anual fixo a que se formalizarán as operacións de financiamento na liña denominada «microcréditos», ao abeiro das bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (programa Re-Imaxina) (DOG nº 120, do 25 de xuño de 2012), será de 3,256 puntos porcentuais.

Segundo. As entidades financeiras deberán comunicar aos beneficiarios dos préstamos subvencionados a variación do tipo de xuro.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2012

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica