Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 21 de novembro de 2012 Páx. 43741

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2012, da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, pola que se dá publicidade á solicitude de inscrición no rexistro comunitario da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán.

Con data do 11 de xullo de 2011 a Asociación de Produtores de Pemento de Mougán solicitou a inscrición no rexistro comunitario da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán, de conformidade co establecido no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 510/2006 do Consello, do 20 de marzo, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios.

Unha vez examinada a solicitude e completada a documentación, de acordo co indicado no punto 5 do dito artigo 5 o expediente debe someterse a un procedemento de oposición dentro do Estado membro, garantindo unha publicación adecuada da solicitude e establecendo un prazo razoable durante o cal calquera persoa física ou xurídica que posúa un interese lexítimo e estea establecida ou resida no seu territorio poida declarar a súa oposición á solicitude.

En desenvolvemento do dito precepto, o Goberno de España ditou o Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas. No seu artigo 9 establécese que, para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas cuxo ámbito territorial se circunscriba a unha comunidade autónoma, o órgano competente desta publicará no BOE un anuncio da solicitude de rexistro e, cando menos, nunha páxina web oficial, o prego de condicións e o documento único do produto. O anuncio publicado no BOE deberá incluír o enderezo da dita páxina web, onde se atoparán estes documentos.

Por outra parte, con base nas competencias da Comunidade Autónoma galega en materia de denominacións de orixe, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. O seu artigo 4, alínea 1, dispón tamén a publicación da solicitude no DOG e no BOE, para a apertura dun prazo de dous meses para a presentación de oposicións.

Polo exposto e no exercicio das competencias que teño atribuídas de acordo co artigo 4 do citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro,

RESOLVO:

Dar publicidade á solicitude de inscrición da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia do documento único, de acordo co formato establecido no anexo I do Regulamento (CE) nº 1898/2006 da Comisión, do 14 de decembro, que figura como anexo desta resolución. Tamén se dará publicidade da solicitude mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado, que incluirá unha ligazón á páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar onde se atopará o contido do prego de condicións e do documento único. Desde o día seguinte ao da publicación máis tardía de ambas, iniciarase o cómputo de dous meses para que calquera persoa física ou xurídica que estea establecida ou resida legalmente en España, e cuxos lexítimos intereses considere afectados, poida opoñerse ao dito rexistro mediante a correspondente declaración de oporse, dirixida á Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes (San Lázaro, s/n, 15703-Santiago de Compostela), da Consellería do Medio Rural e do Mar, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2012

Tomás Fernández-Couto Juanas
Secretario xeral do Medio Rural e Montes

ANEXO
Documento único

Regulamento (CE) nº 510/2006 do Consello, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios

«Pemento de Mougán»

Nº CE:

IXP ( X) DOP ( )

1. Denominación.

«Pemento de Mougán».

2. Estado membro ou terceiro país.

España.

3. Descrición do produto agrícola ou alimenticio.

3.1. Tipo de produto.

Clase 1.6 Froitas, hortalizas e cereais frescos ou transformados.

3.2. Descrición do produto que se designa coa denominación indicada no punto 1.

O pemento de Mougán é o froito da especie Capsicum annuum, L., do ecotipo local coñecido como pemento de Mougán. É un froito semicartilaxinoso de cor verde en estado de inmadurez e vermello en estado maduro. O froito é cadrado (A4 segundo Pochard, 1966), clasificándose segundo a súa forma como CMV3L (cadrado morro de vaca tres lóbulos) sendo recollidos en verde (estado inmaturo precoz) e destinado á comercialización en fresco.

As características do froito destinado á comercialización son as seguintes:

– Forma: sección lonxitudinal cadrada e sección transversal lixeiramente sucada e co extremo apical marcado con tres ou catro cantos.

– Peso: entre 6 e 15 gramos por unidade.

– Lonxitude do froito: entre 3 e 6,5 cm.

– Largura: entre 2,5 e 4 cm.

– Pedúnculo: entre 2 e 5 cm, sempre de menor lonxitude que o froito. É ríxido e con curvatura.

– Pel: de cor verde escura brillante.

– Espesor da parede ou carne: fina, de 1,5 mm aproximadamente.

– Cata: carne de textura fina e substanciosa, de sabor doce, lixeiramente herbáceo e ás veces picante, con aroma de intensidade moderada.

3.5. Fases específicas da produción que deben levarse a cabo na zona xeográfica definida.

Ademais do cultivo, a selección e o envasamento final do produto realizaranse na zona xeográfica definida (concello de Guntín), como método eficaz de protección das características particulares e de calidade dos pementos de Mougán. Isto xustifícase no feito de que, ao tratarse dun produto perecedoiro e delicado comercializado en fresco, cómpre extremar os coidados na manipulación, a selección e o envasamento. O envasado realízase habitualmente nas primeiras 24 horas despois da recolección. A selección que se realiza tanto no campo como no envasamento pretende non só identificar o produto que reúna as características morfolóxicas descritas senón tamén eliminar os pementos que teñan maior probabilidade de presentaren excesivo sabor picante, calidade que aumenta co tamaño do pemento, coa súa forma irregular e coa rixidez da súa carne. Estas características son recoñecidas de forma case intuitiva polos agricultores da zona debido á súa experiencia.

3.6. Normas especiais sobre o corte en rebandas, a reladura, o envasamento, etc.

Os pementos da IXP Pemento de Mougán comercializaranse en bolsas de polietileno transparente cunha capacidade que pode oscilar entre os 200 e 400 gramos de produto. Poderán ser autorizados outros tamaños e tamén outros materiais de envase, dentro dos permitidos pola lexislación alimentaria.

3.7. Normas especiais sobre a etiquetaxe.

Os pementos comercializados baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán deberán levar no seu envase a etiqueta comercial correspondente a cada produtor/envasador e unha etiqueta propia da IXP (contraetiqueta), de codificación alfanumérica, utilizada baixo a supervisión do órgano de control, co logotipo oficial da indicación xeográfica protexida que figura seguir:

4. Descrición sucinta da zona xeográfica.

O ámbito xeográfico da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán comprende a totalidade do territorio do concello de Guntín, que está situado na comarca de Lugo, en Galicia.

5. Vínculo coa zona xeográfica.

5.1. Carácter específico da zona xeográfica.

A zona delimitada forma un territorio homoxéneo desde o punto de vista climático e edafolóxico. Trátase dunha área protexida por sistemas montañosos que rodean os vales de produción que orixinan un microclima diferenciado, o que se combina coa presenza de solos óptimos para este cultivo. As formacións litolóxicas máis abundantes son rochas ígneas (granitos) e metamórficas (lousas, xistos e algún tramo cuarcítico). Canto á textura do terreo, caracterízase por un alto contido de area e predominan os terreos de clasificación franco-areenta con alto contido en materia orgánica e pH baixo.

É unha zona en que non chove moito -uns 1.000 mm- para o que é costume en Galicia, xa que está protexida fronte aos ventos de compoñente oeste. Isto provoca certa sombra pluviométrica, cun número da orde de 130 días de precipitación superior ou igual a 1 mm.

Canto ás temperaturas, a media no verán é de 17,2 ºC, no outono de 12,5 ºC, no inverno de 6,7 ºC e na primavera de 10,5 ºC. A temperatura media das máximas é no verán de 23,4 ºC, no outono de 17,2 ºC, no inverno de 9,9 ºC e na primavera de 15,3 ºC. A temperatura media das mínimas en verán é de 11,1 ºC, no outono de 7,8 ºC, no inverno 3,5 ºC e na primavera de 5,6 ºC.

Por outra parte, no capítulo de especificidade territorial tamén hai que resaltar o factor humano. As prácticas tradicionais dos agricultores locais mantendo e seleccionando as mellores plantas e parcelas, ao tempo que adaptando as técnicas de produción ás condicións do territorio, son fundamentais na consecución deste produto. A selección practicada localmente, así como o seu coidado por evitar hibridacións indesexadas, foi un factor decisivo á hora de obter un pemento homoxéneo.

5.2. Carácter específico do produto.

Trátase dun ecotipo local adaptado ás condicións da área de produción. Entre estas características especificas destaca a súa morfoloxía (é un pemento de pequeno tamaño que se consome en verde), o fino espesor da súa parede e as súas características culinarias, entre as cales destaca a súa textura, fina e substanciosa, e o sabor doce, lixeiramente herbáceo, ás veces picante.

5.3. Relación causal entre a zona xeográfica e a calidade ou as características do produto (no caso das DOP) ou unha calidade específica, a reputación ou outras características do produto (no caso das IXP).

O pemento de Mougán é un ecotipo local cultivado desde tempos remotos polos agricultores de Guntín. Como consecuencia da súa limitada produción e da súa escasa difusión ao longo dos anos, o seu cultivo non se estendeu fóra do devandito ámbito xeográfico, aínda que hai testemuños de emigrantes que levaron a planta a outras zonas de España para producir alí os pementos, pero con resultados desalentadores en todos os casos, o que denota a importancia do ecosistema de produción nas calidades do produto.

O nome da denominación, Mougán, é un nome xeográfico que corresponde coa parroquia do concello de Guntín desde onde partían no transporte público os pementos destinados ao mercado da capital. Esta parroquia é estremeira coa de Mosteiro, lugar onde se situaba o cenobio ao cal a tradición vincula o inicio da selección e cultivo destes pementos.

O seu rexistro como indicación xeográfica baséase tanto na especifidade do produto coma na súa reputación.

En relación co primeiro, hai indicar que na área delimitada se dan as condicións idóneas para o cultivo do pemento de Mougán, que poderían resumirse en humidade relativa alta, temperaturas moderadas, baixa oscilación térmica, solos lixeiramente ácidos e suficiente circulación de aire para favorecer o movemento de pole entre as plantas. Este clima húmido, con veráns suaves e escasa amplitude das oscilacións térmicas, representa un elemento fundamental para conseguir as características propias do pemento de Mougán, especialmente no relativo ao espesor e textura da carne. A iso hai que unir o saber facer dos agricultores locais, que ao longo dos anos foron seleccionando as plantas mellor adaptadas a estas condicións e que producían os pementos que tiñan as mellores calidades, ata dar lugar a este ecotipo local, xenuíno deste territorio.

Polo que se refire á reputación, debemos indicar que as orixes do pemento de Mougán se remontan a mediados do século XVIII, vinculadas ao mosteiro de Ferreira de Pallares, do cal dependía o cenobio que había na parroquia de Mosteiro, estremeira coa de Mougán. Segundo conta a tradición, foron os frades os que introduciron as sementes do pemento na bisbarra.

Tradicionalmente a comercialización dos pementos realizábase nas feiras de Lousada, Portomarín e Grolos e, sobre todo, na praza de abastos de Lugo, capital da provincia.

Nos Mapas nacionais de abastecementos do Ministerio de Industria e Comercio da provincia de Lugo encontramos unha referencia escrita dos anos 1943-1946 relativa a este cultivo no concello de Guntín. Tamén se encontran referencias a el no Censo agrario de 1962.

No capítulo festivo e de exaltación deste produto, débese indicar que desde o ano 1997 se celebra a «pementada» de Mougán coincidindo co primeiro venres do mes de agosto. Ademais, desde o ano 1999 celébrase na parroquia de Grolos, o día 14 de agosto, a festa de exaltación do pemento. Por outra parte, na capital municipal celébrase a festa do pemento de Mougán o último sábado do mes de agosto.

Para acreditar máis a notoriedade deste produto, indícase que nun rastrexo na internet co buscador Google se encontran a data 2.10.2012 10.700 resultados coa denominación «pemento de Mougán» e 2.800 resultados se a procura se fixer con «pimiento de Mougán» (tradución para o español do nome en galego da indicación xeográfica).

En definitiva, a inscrición do produto como indicación xeográfica protexida baséase tanto nas súas características específicas ligadas ao territorio, por tratarse dun ecotipo de pemento adaptado ás condicións desta área, resultado da selección realizada secularmente polos seus cultivadores locais, como á súa reputación, fundamentalmente recoñecida no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Referencia á publicación do prego de condicións:

http://www.medioruralemar.xunta.es/uploads/media/prego_de_condicions_pemento_de_Mougan_novembro_2012_G.pdf

missing image file