Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 21 de novembro de 2012 Páx. 43748

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2012, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados para prazas vacantes entre funcionarios dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza, anunciado pola Resolución do 30 de abril de 2012.

Visto o expediente instruído como consecuencia do concurso de traslados convocado pola Resolución do 30 de abril de 2012 (Diario Oficial de Galicia e Boletín Oficial del Estado do 24 de maio) para cubrir prazas vacantes dos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e mais de auxilio xudicial da Administración de xustiza, esta dirección xeral, de conformidade co disposto no título VIII da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, así como no artigo 43 e seguintes e mais na disposición derrogatoria única do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro,

DISPÓN:

Primeiro. Facer públicos no anexo os destinos que con carácter definitivo lles foron adxudicados aos funcionarios que participaron no concurso de traslados convocado pola resolución da data mencionada anteriormente, que se corresponden cos relacionados no anexo I da resolución de convocatoria e as súas correspondentes resultas.

Segundo. Excluír do concurso de traslados os funcionarios que se relacionan na páxina web do Ministerio de Xustiza (www.mjusticia.es).

Terceiro. Declarar caducadas as instancias presentadas polos participantes neste concurso que non obtiveron destino, polo que non serán tidas en conta en futuros concursos de traslados.

Cuarto. Declarar desertas as prazas non adxudicadas no presente concurso, salvo que se pretendan amortizar por mor dunha modificación do cadro de persoal orgánico ou dunha reordenación de efectivos dun centro de traballo, polo que serán cubertas por funcionarios de novo ingreso.

Quinto. Os funcionarios que se promovesen a un corpo superior e tomasen posesión nel nas oposicións convocadas polas ordes JUS/2370/2011 e JUS/2371/2011, ambas as dúas do 21 de xullo, e, pola súa vez, obtivesen destino no presente concurso, non quedarán vinculados por este, ao cambiar de situación administrativa.

Sexto. Para os funcionarios que se encontren en activo, en servizos especiais ou en excedencia voluntaria polo coidado de familiares e non reingresen en ningún dos corpos ou escalas a que se refire o presente concurso, o cesamento deberase efectuar nas datas que a seguir se indican: para tramitación procesual e administrativa, o 26 de novembro de 2012; para xestión procesual e administrativa e mais para auxilio xudicial, o 3 de decembro de 2012.

Sétimo. A toma de posesión do novo destino obtido por concurso, para os funcionarios indicados no punto anterior, producirase nos tres días naturais seguintes ao cesamento, se non hai cambio de localidade do funcionario, nos oito días naturais seguintes se implica cambio de localidade dentro da comunidade autónoma, e nos vinte días naturais se implica cambio de comunidade autónoma, con excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, da Comunidade Autónoma das Illes Balears, da cidade de Ceuta e da cidade de Melilla, en que será dun mes, tanto se o posto de traballo nas illas ou nas cidades é o de orixe coma se é o de destino. O prazo posesorio será retribuído pola Administración competente respecto da praza obtida no concurso.

Oitavo. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo na Administración de xustiza nos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa ou de auxilio xudicial, procedente desde as situacións administrativas de excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público, de excedencia voluntaria por interese particular, de excedencia voluntaria por agrupación familiar ou de suspensión de funcións, o prazo posesorio será de vinte días naturais e deberase computar desde o día da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado.

No caso de que os funcionarios que reingresan por medio do presente concurso se encontren en activo noutro corpo ou escala da Administración de xustiza e non quixesen que se interrompa a súa relación de servizo coa Administración, abondará con que, dentro do prazo posesorio de vinte días naturais tomen posesión no novo corpo ou escala, xa que deste xeito teranse por cesados no seu antigo destino coa data inmediatamente anterior á da súa posesión na nova praza de reingreso. Para o caso, e dada a necesidade de contar co tempo indispensable para efectuar a toma de posesión, poderán solicitar da xerencia territorial de Xustiza do seu actual destino un permiso retribuído de dous días naturais se hai cambio de localidade, agás naqueles casos en que haxa que desprazarse ás illas Canarias, ás illas Balears ou a Ceuta e Melilla, en cuxo suposto o permiso poderá ser de ata tres días naturais, que deberán gozarse, en calquera caso, dentro do prazo posesorio. A toma de posesión no novo destino efectuarase durante os días de permiso indicados.

A Comunidade Autónoma competente, ou a xerencia territorial que corresponda, concederalles a excedencia de oficio no corpo ou escala de procedencia se esta se produce nun corpo ou escala ao servizo da Administración de xustiza, en cuxo destino se terán por cesados coa data anterior á da súa posesión nos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa ou de auxilio xudicial, co obxecto de evitar a interrupción na percepción dos seus haberes.

Os funcionarios interinos que actualmente ocupen as prazas que foron adxudicadas cesarán como consecuencia da toma de posesión dos titulares.

Para a formalización dos documentos de cesamento e/ou toma de posesión, os funcionarios deberanse presentar nas sedes das delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos seguintes enderezos, segundo a provincia onde estea radicado o órgano xudicial en que cesen ou en que obtivesen a praza adxudicada:

–Delegación Territorial da Coruña

Servizo de Xustiza

Praza de Luís Seoane, s/n

Edificio Administrativo Monelos

15008 A Coruña

–Delegación Territorial de Vigo

Servizo de Xustiza

Rúa Concepción Arenal, nº 8, 4º andar

36201 Vigo (Pontevedra)

–Delegación Territorial de Lugo

Servizo de Xustiza

Rolda da Muralla, nº 70

27071 Lugo

–Delegación Territorial de Ourense

Servizo de Xustiza

Paseo da Habana, nº 79

32004 Ourense

Noveno. Para o suposto de que un funcionario reingresado tomase posesión antes dos días 26 de novembro ou 3 de decembro nun órgano xudicial en que estivese destinado un funcionario en activo que deba trasladarse ao obter un posto de traballo no concurso, non se seguirá a orde de cesamento establecida no punto sexto, senón que se deberá actuar do seguinte xeito:

a) O funcionario reingresado tomará posesión.

b) O funcionario en activo cesará o mesmo día da toma de posesión do reingresado, e empezaralle a contar entón ao primeiro o prazo posesorio indicado no punto sétimo.

c) Se este último funcionario tomase posesión nun órgano xudicial ocupado por outro que aínda non cesou, actuarase de igual modo ca nas letras a) e b), e así sucesivamente.

Décimo. Contra a presente resolución poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Xustiza no prazo dun mes, ou contencioso-administrativo ante os xulgados competentes no prazo de dous meses, ambos contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Nota aclaratoria: advírtese que o anexo I que contén os destinos que con carácter definitivo lles foron adxudicados aos funcionarios que participaron no concurso de traslados figura na publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2012

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza