Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 14 de novembro de 2012 Páx. 42721

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2012, da Secretaría Xeral para o Turismo, pola que se modifica a do 22 de maio pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE co obxecto da obtención e/ou o mantemento da marca Q de calidade turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

A Resolución do 22 de maio de 2012 establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE co obxecto da obtención e/ou o mantemento da marca Q de calidade turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (TU970A), publicada no DOG nº 101, do 29 de maio. No artigo 17 das bases reguladoras establécese o prazo para presentar a documentación xustificativa ata o 30 de novembro de 2012.

Tendo en conta a data de convocatoria das axudas, o elevado número de solicitudes presentadas e o elevado número de requirimentos que foi necesario realizar co obxecto de que as persoas interesadas emendaran a documentación inicialmente presentada fixeron que non fose posible resolver a convocatoria coa antelación necesaria para que as entidades beneficiarias poidan xustificar adecuadamente as accións subvencionadas dentro do prazo establecido no artigo 17 do anexo I das bases reguladoras, sendo necesario amplialo para que se poidan realizar adecuadamente as accións previstas.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e polo Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, que desconcentra na Secretaría Xeral de Turismo a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Amplíase o prazo de xustificación da acción subvencionada ata o 30 de decembro de 2012.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2012

Por suplencia (Orde 14.9.2012; DOG núm. 177, do 17 de setembro)
Secretario xeral de Presidencia
Por delegación de sinatura (Resolución 17.9.2012)
Mª Elena Barca Ramos
Subdirectora xeral de Xestión, Fomento e Cooperación