Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 14 de novembro de 2012 Páx. 42719

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 6 de novembro de 2012 pola que se modifica a Orde do 18 de setembro de 2012 pola que se fai pública a composición dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

Mediante a Orde do 18 de setembro de 2012 (DOG do 27 de setembro) fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

O artigo 7 da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de vinte e oito membros. Polo tanto, serán membros do Consello Social, elixidos en representación dos intereses sociais, entre outros, dous membros designados polos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e un membro designado polas corporacións dos concellos en que se localizan os campus.

O 30 de outubro de 2012 o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo comunica ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, mediante decreto da Alcaldía de Pontevedra, foi designado César Enrique Martínez Gómez como membro do Consello Social en representación do Concello de Pontevedra, en substitución de Agustín Fernández González.

O 31 de outubro de 2012, o presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela comunica a designación de Francisco Xesús Anxo Louzao Rodríguez como representante da Confederación Intersindical Galega (CIG) en substitución, por renuncia, de Marta Ferreiro Fernández, e achega tamén a declaración de incompatibilidade establecida no artigo 12.e) da Lei 1/2003, do 9 de maio.

De acordo co artigo 10 da citada Lei 1/2003 e co Decreto 103/2012, do 22 de marzo, polo que se regula o procedemento para a designación dos representantes de organizacións sindicais nos consellos sociais das universidades do SUG, os membros do Consello Social que cesen por renuncia continuarán nas súas funcións ata a toma de posesión dos novos membros e, en todo caso, o membro substituído entenderase nomeado polo período que reste do anterior mandato.

O artigo 7.4 da citada Lei 1/2003, do 9 de maio, establece que os acordos de designación de membros do Consello Social serán comunicados ao conselleiro competente en materia universitaria, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear a César Enrique Martínez Gómez como membro do Consello Social da Universidade de Vigo en representación do Concello de Pontevedra, en substitución de Agustín Fernández González.

Artigo 2

Nomear a Francisco Xesús Anxo Louzao Rodríguez como representante da Confederación Intersindical Galega (CIG) no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela en substitución, por renuncia, de Marta Ferreiro Fernández.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria