Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 13 de novembro de 2012 Páx. 42651

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución dunha instalación eléctrica nos concellos de Cerceda, Ordes e Carral (expediente IN407A 2009/462-1).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a seguir se cita:

Solicitante: Unión Distribuidores Electricidad, S.A. (UDESA).

Domicilio social: rúa José Ángel Valente, 17-baixo, local 62, 15706 Santiago de Compostela.

Denominación: LMTS Meirama-Acevedo (centro de interconexión a centro de seccionamento Acevedo).

Situación: concellos de Cerceda, Ordes e Carral.

Resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Por parte de Unión Distribuidores Electricidad, S.A. (en diante, UDESA) preséntase con data do 23 de outubro de 2009 solicitude, ante esta xefatura territorial, de autorización administrativa e aprobación de proxecto de execución para unha instalación eléctrica denominada «LMTS Meirama-Acevedo».

Segundo. A petición de autorización administrativa da instalación eléctrica someteuse a información pública por Acordo do 11 de xaneiro de 2011, do Departamento Territorial da Coruña, e publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 33, do 17 de febreiro de 2011, e no Boletín Oficial da provincia nº 22, do 2 de febreiro de 2011; as características técnicas da instalación son as seguintes:

– Liña de media tensión soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 4.520,55 metros en simple circuíto, en condutor tipo RHZ1-2OL-12/20 kV-1×240 mm2, coa orixe na subestación de Meirama (expediente 29.619) e remate no centro de seccionamento proxectado.

– Centro de seccionamento en caseta prefabricada de formigón, coas seguintes celas: tres de entrada de liña con seccionador e posta á terra, unha de protección xeral con interruptor automático, unha de medida, unha de medida e protección, unha de protección con fusibles para transformador de servizos auxiliares e tres de interruptor automático, así como un transformador de servizos auxiliares de potencia 50 kVA e relación de transformación 20/0,4-0,23 kV.

– Liña de media tensión soterrada a 20 kV, en dobre circuíto, cunha lonxitude de 2.962,05 metros en condutor tipo RHZ1-2OL-12/20 kV-1×240 mm2, coa orixe no centro de seccionamento proxectado e remate no punto fronteira no polígono industrial de Acevedo.

Terceiro. En cumprimento do procedemento regulamentario, déuselle traslado ás distintas administracións, organismos e, se for o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral na parte en que a instalación poida afectar bens e dereitos ao seu cargo (separatas), neste caso a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Deputación Provincial da Coruña, Concello de Cerceda, ADIF e Unión Fenosa Distribución, S.A. (en diante, Fenosa ou UFD), coa finalidade de que prestasen a súa conformidade ou oposición á autorización solicitada e emitisen o condicionado técnico ao proxecto. Téndose recibido resposta de Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, deuse traslado delas á empresa solicitante, que aceptou os condicionados emitidos. Non se tendo recibido resposta do Concello de Cerceda e da Deputación Provincial da Coruña, unha vez cumprido o prazo determinado nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (en diante Real decreto 1955/2000), esta xefatura territorial considerou como cumprido o trámite para a emisión dos condicionados requiridos e considerou, por omisión, a aceptación da execución da obra proposta por UDESA, de conformidade coa normativa citada. Así mesmo, recíbese resposta de Fenosa con data do 23 de febreiro de 2011 na cal mostra a súa oposición á autorización do proxecto manifestando, en síntese, o seguinte:

– A instalación xa esta tramitada dentro do expediente IN407A 2007/466-1, que posúe autorización administrativa do 4 de abril de 2008.

– Que as instalacións están rematadas, pendentes de recompilación de documentación para a solicitude de acta de posta en servizo.

– Que non ten solicitude nin autorizou o paso a través das súas propiedades da instalación obxecto do expediente.

En cumprimento do disposto no título VII do Real decreto 1955/2000 deuse traslado ao solicitante da oposición de Fenosa, á cal respondeu UDESA mostrando reparos. Unha vez trasladados estes a Fenosa, esta responde o 13 de xullo de 2011, en síntese, o seguinte:

– Reitera que os dous proxectos son idénticos tanto no seu obxecto, como localización e trazado das instalacións previstas.

– Que as súas instalacións están rematadas.

– Presenta documento de cesión da instalación por parte do Concello de Cerceda, asinado con data do 22 de febreiro de 2011.

– No caso de manter UDESA a súa intención de executar a dita instalación, deberá instalar un centro de seccionamento fóra da central de Meirama.

Cuarto. Unha vez remitido ao solicitante o último escrito de reparos de Fenosa, UDESA resposta con data do 25 de outubro de 2011 presentando o proxecto modificado redactado por Noel Viñas Vázquez, enxeñeiro industrial, colexiado nº 2.114, con visado do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia nº 275/11, do 25 de outubro de 2011, no cal se elimina do proxecto inicial sometido a información pública o treito entre a subestación de Meirama e o centro de seccionamento proxectado, co cal as instalacións quedan coas características técnicas seguintes:

– Centro de interconexión (punto Fronteira UDESA-UFD) que se instalará en caseta prefabricada de formigón, dividida en dúas zonas, unha correspondente a Unión Fenosa Distribución, S.A. (UFD) e outra a UDESA, que constará das seguintes celas:

– Zona de UFD: tres de entrada de liña, unha de protección xeral e unha de medida.

– Zona de UDESA: dúas de liña e remonte de barras, unha de protección xeral, unha de protección para transformador de servizos auxiliares e tres de interruptor automático, así como un transformador de servizos auxiliares de potencia 50 kVA e relación de transformación 20/0,4-0,23 kV.

– Liña de media tensión soterrada a 20 kV, en simple circuíto, cunha lonxitude de 2.307 metros, en condutor tipo RHZ1-2OL-12/20 kV-1×240 mm2, coa orixe no centro de seccionamento proxectado e final no CS Acevedo existente, sito no polígono industrial de Acevedo.

En cumprimento do disposto no título VII do Real decreto 1955/2000, deuse traslado a Fenosa da correspondente separata do referido proxecto modificado, á cal respondeu con data do 18 de novembro de 2011 mostrando discrepancias e manifestando, en síntese, o seguinte:

– Respecto do trazado modificado non presenta obxección, unicamente manifesta que o Concello de Cerceda, mediante documento asinado con data do 11 de outubro de 2011, lle cedeu o tubo verde de telecomunicacións para instalar a través del a fibra óptica precisa para as súas redes no ámbito do parque empresarial do Acevedo.

– Reclama a propiedade do centro de seccionamento pola cesión do Concello de Cerceda de data 22 de febreiro de 2011, e manifesta que está incluído no expediente IN407A 2007/466-1, do cal solicitou acta de posta en servizo o 24 de agosto de 2011 e que, en todo caso, estaría disposta a ceder a UDESA espazo para a instalación das súas celas.

– Considera que a liña, se é para distribuír no polígono industrial, debería ser cedida polo Concello a Fenosa, posto que todas as liñas que chegan ao centro de seccionamento de entrada do parque son da súa propiedade; se non, o punto fronteira trasladaríase ao novo centro de seccionamento.

En cumprimento do disposto no título VII do Real decreto 1955/2000 deuse traslado ao solicitante da oposición de Fenosa, á que responde UDESA mostrando reparos. Unha vez trasladados estes a Fenosa, esta manifesta o 13 de marzo de 2012 e o 5 de xullo de 2012 a súa oposición alegando, en síntese, o seguinte:

– Oponse á validez do convenio asinado entre UDESA e Fenosa e ao asinado entre UDESA e o Concello de Cerceda.

– Que na solicitude de acta de posta en servizo do expediente IN407A 2007/466-1 presentou a correspondente modificación do proxecto onde se recollen os detalles construtivos do centro de seccionamento, o cal di recollido nos planos do convenio asinado entre o Concello de Cerceda e Fenosa.

– Que a tubaxe de telecomunicacións carece de autorización administrativa, que ten presentado un proxecto e que UDESA pode presentar un proxecto independente.

– Considera que foi UDESA quen renunciou ao convenio do 22 de xuño de 2007, ao ter presentado un proxecto ante a Administración.

– Por parte de Fenosa non se cuestiona o dereito de UDESA a acceder ás barras de 20 kV da subestación de Meirama. O que non acepta é que a titularidade da rede de distribución desde a dita subestación ata o P.E. do Acevedo sexa de UDESA.

– Que o acordo asinado o 16 de outubro de 2007 entre o Concello de Cerceda e UDESA para a realización das instalacións non considera que sexa un documento de cesión das ditas instalacións.

– En todo caso, no proxecto que nos ocupa non se xustifican en ningún proxecto de parcelación, urbanización ou previsión de actividade os coeficientes de simultaneidade que puideren proceder e a demanda de enerxía eléctrica foi fixada de xeito arbitrario en 25,5 MW nese acordo.

– Que o máis axeitado debería ser que UDESA se dirixise a Fenosa para requirir os condicionamentos técnicos que puideren ser precisos para a conexión en barras da subestación de Meirama.

– Reitera que non se autorice o expediente.

Finalmente cítase que a empresa solicitante (UDESA) manifesta nos seus escritos de reparos, en síntese, o seguinte:

– As obxeccións presentadas por Fenosa durante a tramitación do presente expediente non se basean en ningún condicionado técnico, tal como exixe o artigo 131 do R.D. 1955/2000, citando como reparos a cesión do tubo verde e do centro de seccionamento, facendo referencia ao seu convenio co concello de Cerceda e á resolución da CNE do 29 de novembro de 2006 e na resolución do recurso de alzada da Subsecretaría de Industria, Turismo e Comercio.

– Que se non se cumpre o convenio asinado con Fenosa con data do 22 de xuño de 2007, que Fenosa dá por extinguido.

– Solicita que, se Fenosa dá por extinguido o convenio do 22 de xuño de 2007, sexa anulado o expediente IN407A 2007/466-1, así como os outros expedientes que poida tramitar Fenosa que puideren interferir ou lesionar os dereitos recoñecidos de UDESA pola CNE na Resolución do 29 de novembro de 2006 e na resolución da Subsecretaría de Industria, Turismo e Comercio, así como que a da xefatura territorial inste a Fenosa a concretar os condicionamentos técnicos relativos ás particularidades técnicas da conexión da empresa UDESA nas barras da subestación de Meirama, por dereitos recoñecidos pola CNE na Resolución do 29 de novembro de 2006 e na Resolución da Subsecretaría de Industria, Turismo e Comercio.

Quinto. O 24 de febreiro de 2012 Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou a modificación 1 do proxecto «LLMMTT soterradas subestación de Meirama a punto de entroncamento UDESA, concellos de Ordes, Carral e Cerceda» (expediente IN407A 2007/466-1), solicitando no escrito que o acompaña que se proceda á autorización da dita modificación 1, co cal a dita obra queda coas seguintes características:

– Liña de media tensión soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 4.967 metros, con orixe na cela de liña existente na subestación de Meirama, en condutor tipo RHZ1 e remate na cela de liña que se instalará no CS Gandarouta proxectado.

– Centro de transformación non prefabricado con celas modulares telecontroladas por fibra óptica con envolvente metálica e illamento en SF6.

Sexto. O 8 de outubro de 2012 persoal técnico desta xefatura territorial emitiu informe técnico do proxecto modificado da instalación de referencia, no cal non se manifesta obxección ningunha á tramitación da autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución e recóllense neste as seguintes observacións:

1. A oposición ao proxecto modificado da instalación de referencia por parte de Unión Fenosa Distribución, S.A. non se fundamenta nun condicionado técnico.

2. O citado proxecto modificado, presentado con data do 25 de outubro de 2011 por UDESA, inclúe na edificación do centro de interconexión unha zona de Unión Fenosa Distribución, S.A. coas súas correspondentes celas, co cal se produciría unha superposición coas instalacións que co mesmo fin figuran recollidas no proxecto promovido por Unión Fenosa Distribución, S.A. denominado «LLMMTT soterradas subestación de Meirama a punto de entroncamento UDESA» (expediente IN407A 2007/466-1) autorizado e aprobado seu proxecto por Resolución do 4 de abril de 2008 (BOP nº 96, do 26 de abril) e recollidas na modificación do proxecto presentado por Unión Fenosa Distribución, S.A., polo cal se entende que, conforme establece o número 2 do artigo 40 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, non procedería a tramitación de instalacións duplicadas coa mesma finalidade.

3. No proxecto modificado da instalación de referencia recóllese un tubo verde de comunicacións, que se entende que é de destino exclusivo para o adecuado funcionamento das instalacións específicas, polo cal sería un elemento constitutivo da rede de distribución tendo en conta o número 1 do artigo 38 do Real decreto 1955/2000.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, nos decretos 79/2009, do 19 de abril, e 83/2009, do 21 de abril, nos cales se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus departamentos (DOG nº 75 e 77, do 20 e 22 de abril, respectivamente), no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 117, do 17 de xuño), no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estructura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG nº 23, do 3 de febreiro) e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente instruído para os efectos cumpríronse os trámites sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE nº 285, do 28 de novembro) e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE nº 310, do 27 de decembro).

Terceiro. Unha vez vistos os argumentos expostos por Fenosa, de oposición á autorización do proxecto, e as respostas a estes por parte da empresa solicitante, así como o resto da documentación que consta no expediente, caber considerar que:

– Por parte de Fenosa non se establece un condicionado de tipo técnico ás instalacións proxectadas, polo cal se considera a súa conformidade á execución das instalacións recollidas no último proxecto modificado presentado polo solicitante, conforme establece o artigo 131.4 do Real decreto 1955/2000.

– No proxecto modificado presentado polo solicitante con data do 25 de outubro de 2011 exclúese o tramo entre a subestación de Meirama e o centro de interconexión, o cal se recolle no proxecto da instalación denominada «LLMMTT soterradas subestación de Meirama a punto de entroncamento UDESA, autorizada e aprobado o seu proxecto de execución a Unión Fenosa Distribución, S.A. por Resolución do 4 de abril de 2008, da Delegación Provincial da Coruña (DOG nº 115, do 16 de xuño, e BOP nº 96, do 26 de abril) e na modificación do proxecto presentado o 24 de febreiro de 2012.

– Conforme establece o número 1 do artigo 38 (Redes de distribución) do Real decreto 1955/2000, «Terán a consideración de redes de distribución todas aquelas instalacións eléctricas de tensión inferior a 220 kV salvo aquelas que, de acordo co previsto no artigo 5 do presente real decreto, se consideren integradas na rede de transporte.

Así mesmo, consideraranse elementos constitutivos da rede de distribución todos aqueles activos da rede de comunicacións, proteccións, control, servizos auxiliares, terreos, edificacións e demais elementos auxiliares, eléctricos ou non, de destino exclusivo para o adecuado funcionamento das instalacións específicas das redes de distribución antes definidas, incluídos os centros de control en todas as partes e elementos que afecten as instalacións de distribución», polo cal se consideran elementos constitutivos da rede de distribución todas aquelas instalacións destinadas ás comunicacións, tales como o tubo verde, recollidos no último proxecto de execución presentado.

– En relación coas discrepancias mantidas entre as partes respecto da validez dos acordos entre elas e co concello de Cerceda, non é competencia desta Administración pública dirimir sobre a súa validez ou vixencia.

Cuarto. Á vista do proxecto modificado presentado con data do 25 de outubro de 2011 polo solicitante (UDESA) no cal se inclúe unha zona de instalacións no centro de interconexión correspondentes a Fenosa, sendo a función das ditas instalacións a xa recollida no proxecto denominado «LLMMTT soterradas subestación de Meirama a punto de entroncamento UDESA (expediente IN407A 2007/466-1), autorizado e aprobado o seu proxecto a Unión Fenosa Distribución, S.A. por Resolución do 4 de abril de 2008, da Delegación Provincial da Coruña, publicada no DOG nº 115, do 16 de xuño, e no BOP nº 96, do 26 de abril, e unha vez que Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou con data do 24 de febreiro de 2012 no dito expediente a correspondente modificación do proxecto, na cal constan as mesmas características da zona de instalacións no centro de interconexión correspondentes a Fenosa que no proxecto de UDESA, e de acordo co establecido no número 2 do artigo 40 (Autorización de instalacións de distribución) da Lei 54/1997: «A autorización, que non concederá dereitos exclusivos de uso, outorgarase atendendo tanto ao carácter do sistema de rede única e monopolio natural, propio da distribución eléctrica, coma ao criterio de menor custo posible propio de toda actividade con retribución regulada e evitando o prexuízo aos titulares de redes xa establecidas obrigadas a atender as novas subministracións que se soliciten», non procede autorizar instalacións coa mesma finalidade a dúas empresas distribuidoras, polo cal procede autorizar a UDESA o proxecto modificado excluíndo a zona de Fenosa no centro de interconexión, que deberá ser tramitada na modificación presentada pola dita empresa.

Quinto. Dado que a cela de protección para o transformador de servizos auxiliares está proxectada no centro de seccionamento dentro da zona de UDESA, e coa finalidade de non duplicar instalacións de servizos auxiliares entre ambas as empresas distribuidoras, e tendo en conta, así mesmo, o criterio de menor custo posible establecido no número 2 do artigo 40 da Lei 54/1997, considérase axeitado que o transformador de servizos auxiliares tamén dea servizo á zona de Fenosa.

Sexto. En relación coa caseta prefabricada de formigón onde se proxectan as instalacións eléctricas de interconexión, co fin de non duplicar edificacións entre ambas as empresas distribuidoras, tendo en conta o criterio de menor custo posible establecido no número 2 do artigo 40 da Lei 54/1997, establécese o uso e mantemento compartido entre ambas as empresas distribuidoras, de acordo coa repartición de locais do último proxecto presentado polo solicitante.

Sétimo. Por todo o anterior, o xefe do Servizo de Enerxía e Minas propón que se autorice administrativamente e se aprobe o proxecto de execución de acordo coas condicións seguintes:

– As características das instalacións axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto redactado por Noel Viñas Vázquez, enxeñeiro industrial, colexiado nº 2.114, con visado do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia nº 275/11, do 25 de outubro de 2011, aos condicionados técnicos impostos que constan no expediente e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación. Quedan excluídas expresamente da presente autorización as celas e demais instalacións eléctricas que figuran no proxecto na nomeada zona Fenosa do centro de interconexión, instalacións que deberán ser tramitadas dentro do expediente titulado «Modificación 1 do proxecto LLMMTT soterradas subestación de Meirama a punto de entronque UDESA» (expediente IN407A 2007/466-1), presentado por Unión Fenosa Distribución, S.A. o 24 de febreiro de 2012.

– O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza. Así mesmo, coordinaranse as actuacións de manobra e mantemento que se leven a cabo nas súas instalacións de distribución, así como cos xestores de redes de distribución estremeiros, en especial no concernente ao transformador de servizos auxiliares.

– O transformador de servizos auxiliares dará tamén servizo á zona de Fenosa. Así mesmo, a caseta prefabricada de formigón onde se proxectan as instalacións eléctricas de interconexión terán un uso e mantemento compartido entre ambas as empresas distribuidoras, de acordo coa repartición de locais do último proxecto presentado polo solicitante.

De acordo co que antecede e no exercicio das competencias atribuídas,

RESOLVO:

Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución da instalación denominada «LMTS Meirama-Acevedo (centro de interconexión a CS Acevedo)».

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As características das instalacións axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto con autor Noel Viñas Vázquez, enxeñeiro industrial, colexiado nº 2.114, con visado do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia nº 275/11, do 25 de outubro de 2011, aos condicionados técnicos impostos que constan no expediente e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación. Quedan excluídas expresamente da presente autorización as celas e demais instalacións eléctricas que figuran no proxecto na nomeada zona Fenosa no centro de interconexión, instalacións que deberan ser tramitadas dentro do expediente titulado «Modificación 1 do proxecto LLMMTT soterradas subestación de Meirama a punto de entroncamento UDESA» (expediente IN407A 2007/466-1), presentado por Unión Fenosa Distribución, S.A. o 24 de febreiro de 2012.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza. Así mesmo, coordinaranse as actuacións de manobra e mantemento que se leven a cabo nas súas instalacións de distribución, así como cos xestores de redes de distribución estremeiros, en especial o resultante ao transformador de servizos auxiliares.

Terceira. O transformador de servizos auxiliares dará tamén servizo á zona de Fenosa. Así mesmo, a caseta prefabricada de formigón onde se proxectan as instalacións eléctricas de interconexión terá un uso e mantemento compartido entre ambas as empresas distribuidoras, de acordo coa repartición de locais do último proxecto presentado polo solicitante.

Cuarta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Quinta. As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data da presente resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere pertinente a dereito.

A Coruña, 11 de outubro de 2012

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña