Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 12 de novembro de 2012 Páx. 42364

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación eléctrica no concello da Laracha (expediente IN407A 15/2012).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación que a continuación se detalla:

Solicitante: Hidroeléctrica de Laracha, S.L.

Domicilio social: avda. de Arteixo, 19-1º D, 15005 A Coruña.

Denominación: novo CT Amieiro.

Situación: concello da Laracha.

Características técnicas:

Liña eléctrica de media tensión subterránea a CT Amieiro, a 15/20 kV, cunha lonxitude de 32 m, coa orixe en empalmes proxectados coa liña de media tensión subterránea existente Laracha-Campo da Porta (expediente 216/2007), entre o CT Rechousa-Gándara e o CT Raxido, condutor tipo RHZ1-OL-12/20 kV, 3(1×240 Al), e final nas celas de liña do CT Amieiro proxectado.

Centro de transformación en edificio prefabricado de formigón, cunha potencia de 50 kVA e una relación de transformación 15.000/400-230 V.

Saídas de baixa tensión subterráneas, cunha lonxitude de 162 m, coa orixe no novo CT Amieiro proxectado, condutor tipo RV.

Resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data 13 de xaneiro de 2012, a empresa Hidroeléctrica de Laracha, S.L. solicita a autorización administrativa, a aprobación de proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica novo CT Amieiro.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/19997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta xefatura territorial do 26 de xaneiro de 2012. Esta resolución foi publicada no diario La Voz de Galicia do 3 de febreiro de 2012, no BOP da Coruña do 9 de febreiro, no DOG do 23 de febreiro e no taboleiro de anuncios do concello da Laracha. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviaránselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os tramites ordenados no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de dembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

José Esmorís Rodríguez, propietario do predio número 1 manifesta que inicialmente o CT se instalaban no predio lindeiro, e sen explicación ningunha o predio que figura afectado é da súa propiedade. Posteriormente Hidroeléctirca de Laracha, S.L. (HL) pretendeu que se lle regalase o terreo, e intenta apropiarse da mellor parte do predio. Indica que o único que solicitaron foi que se expropiase a totalidade do predio.

Entende que a colocación do CT non pode considerarse de utilidade pública cando os únicos que beneficia son un polígono industrial e unha entidade privada (HL), polo tanto deberíase obrigar os promotores do polígono a que faciliten o terreo para instalar o CT.

En caso de que se expropie o seu predio, e dados os gravísimos prexuízos económicos e de saúde que supón a instalación do CT no seu predio, interésalle que se obrigue a HL para que expropie a totalidade do predio.

Quinto. Destas alegacións deuse traslado á empresa promotora, quen contestou en tempo e forma.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Consellería de Economía e Industria é a competente para resolver este procedemento, con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, en relación co artigo 39 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e cantas outras funcións lle sexan expresamente atribuídas ou delegadas en materia de industria, seguridade industrial, enerxía e minas, e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites que sinala o artigo 53 da citada Lei 54/1997 e os regulamentos ordenados no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas, da contestación pola empresa promotora e do resto da documentación existente no expediente, cómpre sinalar:

Segundo o artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

Para determinar con exactitude a parte dos predios afectados, as titularidades destes, a cuantificación das afeccións ou os cultivos existentes, indícase que conforme recolle o artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, no momento do levantamento da acta faranse constar todas as manifestacións e datos que acheguen uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, o valor daqueles ou os determinantes da rápida ocupación. Cabe sinalar que o artigo 54 da Lei 54/1997 establece que a declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisicións dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 de la Lei de expropiación forzosa.

Toda vez que examinado o proxecto e os planos parcelarios non se aprecian prohibicións na imposición das servidumes solicitadas, e xunto co anteriormente exposto, enténdese que procede desestimar a totalidade das alegacións formuladas.

Indícase que no momento procedemental oportuno deberá acadarse a correspondente resolución sobre a solicitude de expropiación total do predio formulado polo alegante.

De acordo co que antecede e en exercicio das competencias atribuídas,

Resolve:

Autorizar, aprobar o proxecto de execución e declarar de utilidade publica, en concreto, as devanditas instalacións, nas cales as características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpor calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

A Coruña, 2 de outubro de 2012

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña