Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 8 de novembro de 2012 Páx. 41876

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 19 de xullo de 2012 polo que se aproba definitivamente o proxecto denominado LAT 66 kV subestación A Estrada, subestación parque eólico monte Arca, como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de acordo co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 19 de xullo de 2012, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado «LAT 66 kV subestación A Estrada, subestación parque eólico monte Arca», promovido por Gamesa Energía, S.A.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de xuño de 2007, polo que se declara a incidencia supramunicipal do devandito proxecto, o planeamento do concello da Estrada (Pontevedra) queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificada pola disposición adicional 2ª da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado «LAT 66 kV subestación A Estrada, subestación parque eólico monte Arca».

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO
Disposicións normativas do proxecto sectorial denominado «LAT 66 kV subestación A Estrada, subestación parque eólico monte Arca»

1. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co plan urbanístico vixente.

1.1. Planeamento vixente no municipio da Estrada.

O municipio da Estrada presentaba ata o 21 de novembro de 2006 como figura de ordenación do territorio vixente a das normas subsidiarias de planeamento (NSP), aprobadas o 11 de outubro de 1978. Estas normas desenvolvían os preceptos urbanísticos da Lei sobre o réxime do solo e ordenación urbana do 9 de abril de 1976 (LS1976).

As datas de tramitación destas normas subsidiarias de planeamento (NSP) foron as seguintes:

Aprobación definitiva: 11.10.1978.

Aprobación definitiva no BOP: 29.11.1978.

Non obstante, polo Decreto 207/2006, do 16 de novembro, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, suspendeuse a vixencia das normas subsidiarias de plan municipal da Estrada (aprobadas o 11 de outubro de 1978), e aprobouse a ordenación urbanística provisional aplicable ata a entrada en vigor do novo plan.

Os usos do solo máis comúns na zona de estudo son as zonas de prados e cultivos nas proximidades da Estrada, e unha ampla superficie de monte, ocupada por matogueira, na zona de monte Arca. No tramo intermedio abundan as repoboacións forestais de eucaliptos e piñeiros.

As normas subsidiarias do planeamento do municipio da Estrada, aprobadas o 11 de outubro de 1978, clasificaban a área en que se instalará a LAT 66 kV subestación A Estrada, subestación parque eólico monte Arca coas seguintes denominacións:

• Solo non urbanizable normal.

• Solo non urbanizable de protección de vías.

• Solo apto para urbanizar normal industrial.

Así mesmo, no tramo medio da liña existe unha zona catalogada de protección de xacementos arqueolóxicos (GA36017022), polo que se precisará da correspondente autorización de Patrimonio.

No artigo 5.d) do Decreto 207/2006 establécese: «Os terreos que as normas subsidiarias de planeamento municipal da Estrada clasificaron como solo non urbanizable, quedan sometidos aos correspondentes réximes de especial protección establecidos na Lei 9/2002, en función dos valores naturais, paisaxísticos, culturais, forestais ou de protección do dominio público que concorren».

Na mesma liña, no artigo 5.1. do anexo do Decreto 207/2006 recóllese o ámbito de aplicación do solo rústico especialmente protexido, indicando que é de aplicación aos terreos clasificados polas normas subsidiarias de planeamento municipal da Estrada, aprobadas definitivamente o 11 de outubro de 1978, como solo non urbanizable en calquera das súas categorías.

Tamén no artigo 5.1. do anexo se indica que o solo rústico especialmente protexido é de aplicación aos terreos clasificados como solo urbanizable ou apto para urbanizar polas normas subsidiarias de planeamento municipal da Estrada, aprobadas definitivamente o 11 de outubro de 1978 e as súas posteriores modificacións, agás as que contan con plan parcial aprobado definitivamente.

No artigo 5.2. do anexo do Decreto 207/2006, establécense as condicións de uso e edificación para a cualificación de solo rústico especialmente protexido. Establécese que serán de aplicación os artigos 31 a 44 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

No artigo 6 do anexo do Decreto 207/2006 detállase a ordenanza de protección do patrimonio construído, na cal se inclúen os xacementos arqueolóxicos.

Por tanto, tendo en conta as clasificacións establecidas pola Lei 9/2002, as clasificacións do solo aplicables no presente proxecto sectorial serían as de:

• Solo rústico de protección ordinaria.

• Solo rústico de protección de infraestruturas.

• Solo rústico especialmente protexido para zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico.

Achégase o anexo n° 4 Certificación urbanística dos terreos afectados pola LAT 66 kV subestación A Estrada, subestación parque eólico monte Arca.

Achéganse os planos 4.1. a 4.3. Clasificación urbanística no ámbito do proxecto (escala 1:5.000).

1.2. Análise do proxecto sectorial en relación co planeamento urbanístico vixente.

Como se comentou no anterior número, o Decreto 207/2006, do 16 de novembro, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, suspendeu a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal da Estrada, aprobadas o 11 de outubro de 1978, e aprobou a ordenación urbanística provisional aplicable ata a entrada en vigor do novo plan.

As normas subsidiarias do planeamento do municipio da Estrada aprobadas o 11 de outubro de 1978 clasificaban a área no que se instalará a LAT 66 kV subestación A Estrada, subestación parque eólico monte Arca, coas seguintes denominacións:

• Solo non urbanizable normal.

• Solo non urbanizable de protección de vías.

• Solo apto para urbanizar normal industrial.

Así mesmo, no tramo medio da liña existe unha zona catalogada de protección de xacementos arqueolóxicos (GA36017022), polo que se precisará da correspondente autorización de Patrimonio.

No artigo 5.2. do anexo do Decreto 207/2006, establécense as condicións de uso e edificación para a cualificación de solo rústico especialmente protexido. Establécese que serán de aplicación os artigos 31 a 44 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

No artigo 6 do anexo do Decreto 207/2006 detállase a ordenanza de protección do patrimonio construído, na cal se inclúen os xacementos arqueolóxicos.

Polo tanto, tendo en conta as clasificacións establecidas pola Lei 9/2002, as clasificacións do solo aplicables no presente proxecto sectorial serían as de:

• Solo rústico de protección ordinaria.

• Solo rústico de protección de infraestruturas.

• Solo rústico especialmente protexido para zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico.

En referencia ao solo rústico de protección ordinaria, no artigo 32.1. da Lei 9/2002, e a súa modificación, indícase que o solo rústico de protección ordinaria está constituído por «... os terreos que o planeamento urbanístico ou os instrumentos de ordenación do territorio consideren inadecuados para o seu desenvolvemento urbanístico, por razón das súas características xeotécnicas ou morfolóxicas, polo alto impacto territorial que implicaría a súa urbanización ou os riscos naturais ou tecnolóxicos ou en consideración aos principios de utilización racional dos recursos naturais ou de desenvolvemento sustentable».

No artigo 33 da Lei 9/2002 especifícanse os usos e actividades posibles en solo rústico. No artigo 36 establécense os usos permitidos e autorizables en solo rústico de protección ordinaria, entre os cales aparece o de redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Ademais, para esta cualificación de solo, é autorizable calquera uso que poida establecerse a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non leven consigo a transformación urbanística do solo nin lesionen os valores obxecto de protección.

Estas condicións cúmprense co presente proxecto sectorial.

En referencia ao solo rústico de protección de infraestruturas, no artigo 32.2.c) da Lei 9/2002, e a súa modificación, indícase que o solo rústico de protección de infraestruturas está constituído «... polos terreos rústicos destinados a localización de infraestruturas e as súas zonas de afección non susceptibles de transformación, como son as de comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme as previsións dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio».

No artigo 33 da Lei 9/2002 especifícanse os usos e actividades posibles en solo rústico. No artigo 37 establécense os usos permitidos e autorizables en solo rústico de protección de infraestruturas, entre os cales aparece o de redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Ademais, para esta cualificación de solo, é autorizable calquera uso que poida establecerse a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non leven consigo a transformación urbanística do solo nin lesionen os valores obxecto de protección.

Estas condicións cúmprense co presente proxecto sectorial.

En referencia ao solo rústico especialmente protexido para zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico, no artigo 32.2.h) da Lei 9/2002, e a súa modificación, indícase que o solo rústico especialmente protexido para zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico está constituído polas zonas «... que estean previstas no planeamento ou na lexislación sectorial que lles sexa de aplicación».

No artigo 33 da Lei 9/2002 especifícanse os usos e actividades posibles en solo rústico. No artigo 38 establécense os usos permitidos e autorizables en solo rústico especialmente protexido para zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico, entre os cales aparece o de redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Ademais, para esta cualificación de solo, é autorizable calquera uso que poida establecerse a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non leven consigo a transformación urbanística do solo nin lesionen os valores obxecto de protección.

Estas condicións cúmprense co presente proxecto sectorial.

1.3. Proposta de modificación do plan municipal da Estrada.

Despois do exposto nos anteriores puntos, considérase conveniente propoñer modificacións da normativa urbanística vixente no municipio da Estrada para compatibilizar a liña proxectada cos usos de solo existentes nesta, posto que existen elementos que poden condicionar aspectos do presente proxecto.

As modificacións propostas son dúas:

1ª Modificación.

A primeira modificación consistirá no cambio de clasificación do solo nunha zona de influencia delimitada para a LAT subestación A Estrada, subestación parque eólico monte Arca.

Por iso, co fin de realizar a ordenación territorial da área afectada pola LAT subestación A Estrada, subestación parque eólico monte Arca, incluirase no plan municipal da Estrada, a delimitación sinalada no presente punto e nos planos 5.1. a 5.3. Ordenación urbanística proposta (escala 1:5.000) que se corresponde coa área vinculada á LAT subestación A Estrada, subestación parque eólico monte Arca, cualificándoa como solo rústico de protección de infraestruturas enerxéticas.

Este novo tipo de solo:

• Mantén de forma xeral os usos tradicionais previstos na normativa vixente, sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas, de forma que non se altera o desenvolvemento actual da área canto aos proxectos de carácter forestal actualmente en marcha.

• Permite a implantación da liña eléctrica canto ás súas infraestruturas e equipamentos, dado que estes non interfiren de forma significativa sobre os usos tradicionais.

• Permite o desenvolvemento das infraestruturas sen alterar o equilibrio natural da área definida, dado que, ben que esta non é especialmente sensible, indubidablemente ten un carácter que é preciso respectar.

A área que se cualificará como solo rústico de protección de infraestruturas enerxéticas estableceuse tendo en conta a superficie afectada pola liña eléctrica, área que se reflicte nos planos 5.1. a 5.3. Ordenación urbanística proposta (escala 1:5.000).

2ª Modificación.

A segunda modificación será a de propoñer como uso compatible o de liñas eléctricas en determinadas clasificacións do solo nas cales actualmente non se encontra tipificado como compatible. Dadas as características deste tipo de infraestruturas, a súa inclusión como uso compatible non supoñerá unha afección negativa ás determinacións establecidas nas clasificacións do solo nas cales se incluirá.

A área afectada por esta modificación reflíctese nos planos 5.1. a 5.3. Ordenación urbanística proposta (escala 1:5.000).

2. Regulación detallada do uso pormenorizado.

2.1. 1ª Modificación.

A nova cualificación do solo proposta de solo rústico de protección de infraestruturas enerxéticas debe cumprir os criterios seguintes:

1. Delimitación.

A categoría de solo rústico de protección de infraestruturas enerxéticas comprende a zona destinada á instalación de infraestruturas enerxéticas para transporte e abastecemento de enerxía eléctrica, sinalada no número 6 e delimitada nos planos 5.1. a 5.3. Ordenación urbanística proposta (escala 1:5.000) do presente proxecto sectorial.

Esta zona queda toda ela contida no termo municipal da Estrada segundo a delimitación reflectida nas follas nº 121-III e 153-I do Instituto Xeográfico Nacional, e ocupa unha superficie de 22,9907 hectáreas.

2. Uso permitido ou autorizable.

O uso permitido ou autorizable é o de liñas eléctricas de alta tensión, logo de aprobación definitiva dun plan ou proxecto sectorial, segundo o establecido nos artigos 22 a 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e tras someterse a avaliación ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia e coa Lei 1302/1986, de avaliación de impacto ambiental.

3. Condicións de uso.

Para este uso, segundo o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, establécese que:

«Artigo 158. Servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica

A servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica comprenderá:

a) O voo sobre o predio servente.

b) O establecemento de postes, torres ou apoios fixos para a sustentación dos cables condutores de enerxía eléctrica e instalación de postas a terra dos devanditos postes, torres ou apoios fixos.

c) O dereito de paso ou acceso para atender ao establecemento, vixilancia, conservación, reparación da liña eléctrica e corte de arboredo, se for necesario.

d) A ocupación temporal de terreos ou outros bens, se é o caso, necesarios para os fins indicados no parágrafo c) anterior».

A servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica establécese en 30 metros para zonas arborizadas (franxa de afección de 15 m a cada lado da traza da liña) e de 20 metros para zonas non arborizadas (franxa de afección de 10 m a cada lado da traza da liña) segundo as necesidades da liña obxecto do presente proxecto sectorial. A largura destas franxas poderá ser inferior, xa que, en todo caso, se axustará aos terreos incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

«Artigo 159. Servidume de paso subterráneo de enerxía eléctrica

A servidume de paso subterráneo de enerxía eléctrica comprenderá:

a) A ocupación do subsolo polos cables condutores á profundidade e coas demais características que sinale a normativa técnica e urbanística aplicable. Para efectos do expediente expropiatorio e sen prexuízo do disposto canto a medidas e distancias de seguridade nos regulamentos técnicos na materia, a servidume subterránea comprende a franxa de terreo situada entre os dous condutores extremos da instalación.

b) O establecemento dos dispositivos necesarios para o apoio ou fixación dos condutores.

c) O dereito de paso ou acceso para atender ao establecemento, vixilancia, conservación e reparación da liña eléctrica.

d) A ocupación temporal de terreos ou outros bens, se é o caso, necesarios aos fins indicados na alínea c) anterior».

A servidume de paso subterráneo de enerxía eléctrica establécese en 5 metros (franxa de afección de 2,5 m a cada lado da traza subterránea da liña) segundo as necesidades da liña obxecto do presente proxecto sectorial. A largura desta franxa poderá ser inferior, xa que, en todo caso, se axustará aos terreos incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

«Artigo 162. Relacións civís

1. A servidume de paso de enerxía eléctrica non lle impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade. Poderá, así mesmo, o dono solicitar o cambio de trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, correndo pola súa conta os gastos da variación, incluíndose nos ditos gastos os prexuízos ocasionados.

2. Entenderase que a servidume foi respectada cando a cerca, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte o contido dela e a seguridade da instalación, persoas e bens de acordo co presente real decreto.

3. En todo caso, e para as liñas eléctricas aéreas, queda limitada a plantación de árbores e prohibida a construción de edificios e instalacións industriais na franxa definida pola proxección sobre o terreo dos condutores extremos nas condicións máis desfavorables, incrementada coas distancias regulamentarias a ambos os lados da dita proxección.

4. Para as liñas subterráneas prohíbese a plantación e construcións mencionadas no parágrafo anterior, na franxa definida pola gabia onde van aloxados os condutores incrementada nas distancias mínimas de seguridade regulamentarias».

4. Condicións de edificación.

Dada a singularidade e demanda de superficie deste tipo de instalacións, así como as súas características, non se establece parcela mínima nin limitacións de altura.

2.2. 2ª Modificación.

En referencia á 2ª modificación, que procura a compatibilización do uso de liñas eléctricas en determinadas clasificacións do solo nas cales actualmente non se atopa tipificado como compatible terase que para a clasificación do solo de solo apto para urbanizar normal industrial:

1. Ámbito territorial.

Será o delimitado no plano de delimitación do solo das normas subsidiarias de planeamento.

2. Usos previstos.

Incluirase como uso tolerable o de liñas eléctricas de alta tensión, logo da aprobación definitiva dun plan ou proxecto sectorial, segundo o establecido nos artigos 22 a 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e despois de someterse a avaliación ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa Lei 1302/1986, de avaliación de impacto ambiental.

3. Condicións de uso.

Para este novo uso, segundo o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, establécese:

«Artigo 159. Servidume de paso subterráneo de enerxía eléctrica

A servidume de paso subterráneo de enerxía eléctrica comprenderá:

a) A ocupación do subsolo polos cables condutores á profundidade e coas demais características que sinale a normativa técnica e urbanística aplicable. Para efectos do expediente expropiatorio e sen prexuízo do disposto en canto a medidas e distancias de seguridade nos regulamentos técnicos na materia, a servidume subterránea comprende a franxa de terreo situada entre os dous condutores extremos da instalación.

b) O establecemento dos dispositivos necesarios para o apoio ou fixación dos condutores.

c) O dereito de paso ou acceso para atender ao establecemento, vixilancia, conservación e reparación da liña eléctrica.

d) A ocupación temporal de terreos ou outros bens, se é o caso, necesarios para os fins indicados na alínea c) anterior».

A servidume de paso subterráneo de enerxía eléctrica establécese en 5 metros (franxa de afección de 2,5 m a cada lado da traza subterránea da liña) segundo as necesidades da liña obxecto do presente proxecto sectorial. A largura desta franxa poderá ser inferior, xa que, en todo caso, se axustará aos terreos incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

«Artigo 162. Relacións civís

• A servidume de paso de enerxía eléctrica non lle impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade. Poderá, así mesmo, o dono solicitar o cambio de trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, correndo pola súa conta os gastos da variación, incluíndose nos ditos gastos os prexuízos ocasionados.

• Entenderase que a servidume foi respetada cando a cerca, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte ao contido dela e a seguridade da instalación, persoas e bens de acordo co presente real decreto.

• Para as liñas subterráneas prohíbese a plantación e construcións mencionadas no parágrafo anterior, na franxa definida pola gabia onde van aloxados os condutores incrementada nas distancias mínimas de seguridade regulamentarias».

3. Prazo.

Canto ao prazo de adecuación do planeamento urbanístico municipal ao proxecto sectorial, deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

1. A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser expresamente para a presente adaptación.

2. A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

3. A adaptación do planeamento á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

4. Eficacia.

Segundo se establece no artigo 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, «... as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán ao planeamento do ente ou entes locais en que se asenten os devanditos plans ou proxectos, que se deberán adaptar a elas dentro dos prazos que para tal efecto determinen».

No Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, creada ao abeiro da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, especifícase no seu artigo 11.1, que as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. Tamén no seu artigo 11.2 se especifica: «os municipios onde se asenten as infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto dun proxecto sectorial deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido do proxecto sectorial, no que se establecerán as determinacións do devandito planeamento local que deban ser modificadas como consecuencia da aprobación do proxecto sectorial e no prazo que determine este último e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamento urbanístico».

Así mesmo, segundo o artigo 34.4 da Lei 9/2002, non se precisará da autorización autonómica previa para a infraestrutura, por estar prevista nun proxecto sectorial ao abeiro da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

5. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial e como sistema xeral.

No art. 11.3 do Decreto 80/2000 disponse que:

3. As obras públicas definidas detalladamente no proxecto sectorial serán cualificadas expresamente de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas a licenza urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal, de acordo coa disposición adicional primeira da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia. Neste suposto, con carácter previo ao inicio das obras, remitiráselle ao concello un exemplar do proxecto técnico delas.

No número 2 da disposición derradeira primeira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que modifica o texto da «Disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia», especifícase que:

2. As obras promovidas directamente pola Administración pública ou os seus organismos autónomos previstas nun proxecto sectorial e cualificadas como de marcado carácter territorial non estarán suxeitas a licenza urbanística municipal.

Dado que as obras e instalacións proxectadas da LAT 66 kV subestación A Estrada, subestación parque eólico monte Arca no presente proxecto sectorial da LAT 66 kV subestación A Estrada, subestación parque eólico monte Arca, no municipio da Estrada (Pontevedra) non son promovidas pola Administración pública nin por ningún dos seus organismos autónomos, é necesaria a licenza municipal logo do inicio das obras.

Por outra parte, como se especifica no artigo 5.4 do Decreto 80/2000, «as infraestruturas e dotacións de interese supramunicipal obxecto dun plan ou proxecto sectorial serán considerados como sistemas xerais». Polo tanto, pódense cualificar como sistema xeral de infraestruturas as obras e instalacións proxectadas da LAT 66 kV subestación A Estrada, subestación parque eólico monte Arca.