Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 5 de novembro de 2012 Páx. 41346

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Repsol Butano, S.A. a autorización administrativa e se aproba o proxecto de execución para a distribución de gas propano canalizado no termo municipal do Corgo, provincia de Lugo (expediente IN627A 2011/8-0).

Despois de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Repsol Butano, S.A., con CIF nº A28076420 e enderezo para os efectos de notificacións na rúa Enrique Mariñas Romero, 36, 2º andar, 15009 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 23.11.2012 a empresa Repsol Butano, S.A. solicitou a autorización administrativa para a distribución de gas propano canalizado no polígono industrial do Corgo (Lugo), acompañada do preceptivo proxecto.

De acordo con este proxecto, a infraestrutura gasista componse de estación de almacenamento de GLP e rede de distribución de GLP:

– A estación de GLP instalarase na parcela nº 38, situada ao suroeste do polígono e con acceso rodado desde a rotonda, que conta cunha superficie de 1.258 m2 e dos cales se utilizarán 853,90 m2 para a estación. A estación está composta por un depósito de superficie (aéreo) cunha capacidade de 49,5 m3.

– A rede de distribución deseñarase para media presión B (0,4 bar < P < 4 bar), estará formada por tubaxe de polietileno PE 80, SDR 11 e en diámetro de 90 mm e terá unha lonxitude de 1.378 m.

O orzamento desta infraestrutura gasista ascende á cantidade de sesenta mil cento sesenta e un euros (60.161,00 €).

Segundo. Ante esta solicitude, o 30.12.2011 esta dirección xeral resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril. Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 25.1.2012 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, procede continuar co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada pola empresa Repsol Butano, S.A.

Terceiro. O 20.1.2012 a empresa Repsol Butano, S.A. completou a súa solicitude inicial, de autorización administrativa, coa solicitude de aprobación do proxecto de execución.

Cuarto. O 30.3.2012 esta dirección xeral resolveu someter a información pública a devandita solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para a distribución de gas propano canalizado no polígono industrial do Corgo (Lugo). Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 11.7.2012, no Boletín Oficial da provincia do 2.7.2012 e nos xornais La Voz de Galicia do 15.6.2012 e El Progreso do 13.6.2012, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello do Corgo durante un prazo de vinte días (do 13.4.2012 ao 7.5.2012).

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. O 15.12.2011 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o devandito proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade cos preceptos legais citados e cos demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Repsol Butano, S.A. a autorización administrativa e aprobar o proxecto de execución para a distribución de gas propano canalizado no polígono industrial do Corgo (Lugo), con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A empresa Repsol Butano, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 1.203,22 euros (2 % do orzamento das instalacións) para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 46 bis, punto 5º, da Lei 34/1998, do 7 de outubro. A dita fianza constituirase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos, coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. A autorización administrativa afecta ao polígono industrial do Corgo (Lugo) e as instalacións que se aproban realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, subscrito polo enxeñeiro técnico industrial Nicanor Piñeiro Sampedro (colexiado nº 83) e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, con nº 3225/07 e data 4.2.2009.

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, Repsol Butano, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, quen deberá efectuala, logo das comprobacións técnicas que considere oportunas. Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, a xefatura territorial solicitará á empresa distribuidora os ensaios e probas oportunos, así como o certificado de dirección e fin de obra, asinado por técnico competente, en que conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo co proxecto correspondente, acreditando, así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. Repsol Butano, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos, ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, de ser o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas