Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 5 de novembro de 2012 Páx. 41245

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 209/2012, do 11 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada provincial LU-4701 desde o punto quilométrico 0+000 ao 0+595, a prol do Concello de Folgoso do Courel.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou provinciais, ou os seus treitos determinados en que a circulación adquira características urbanas, se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

A Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel acordan o cambio de titularidade da Rúa Nova de Folgoso no treito comprendido entre o p.q. 0+000 e o p.q. 0+595 da estrada provincial LU-4701.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de outubro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Folgoso do Courel do treito da estrada provincial LU-4701, entre o p.q. 0+000 ata o p.q. 0+595. Denominación do concello: Rúa Nova de Folgoso.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Folgoso do Courel deberá incorporar ao seu Plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Folgoso do Courel, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de outubro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas