Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 15 de outubro de 2012 Páx. 39299

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 27 de setembro de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se acorda publicar a Resolución do 22 de agosto de 2012, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, sobre cesión de terras sobrantes na zona de concentración parcelaria de Candamil (Xermade) ao Concello de Xermade.

O acordo de concentración parcelaria da zona de Candamil (Xermade) foi aprobado pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias o 14 de decembro de 2007, foi publicado na forma legalmente prevista na lexislación vixente e encóntrase na actualidade pendente de firmeza.

Con posterioridade a estes actos o Concello de Xermade solicita a cesión da titularidade dos predios que se indican a continuación:

Predio nº 50, de 5.903 m2, en que se atopan diversos mananciais de auga de uso municipal, así como a correspondente caseta de reunión dos caudais e diversas tubaxes de drenaxe que recollen as augas e as canalizan ata a caseta de reunión.

Predio nº 208, de 934 m2, en que se encontra o depósito de auga que abastece a
parroquia de Cabreiros.

Predio nº 229, de 3.433 m2, en que existen dous depósitos de auga e as súas correspondentes tubaxes que abastecen as parroquias de Candamil e Burgás.

Predio nº 322, para aparcadoiro anexo á igrexa parroquial de San Miguel de Candamil, lugar de xuntanza veciñal, así como, no futuro, ampliación do cemiterio parroquial.

Visto o informe favorable da Xunta Local da zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, a Ley 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción segundo a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións legais vixentes de aplicación ao caso.

En vista de que o destino para o que se solicitan os predios nº 50, 208, 229 e 322 é perfectamente subsumible no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral

resolve:

Primeiro. Modificar o Acordo de concentración parcelaria da zona de Candamil (Xermade) e adxudicar ao Concello de Xermade a titularidade dos predios nº 50, 208, 229 e 322, que causan baixa no Fondo de Terras da zona, co fin de seren destinados aos fins indicados na parte expositiva da presente resolución.

Segundo. En caso de incumprimento dos fins para os que son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá ao Fondo de Terras da zona, ao patrimonio da comunidade autónoma, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou a outra entidade que corresponda, segundo o caso.

Contra esta resolución pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte a aquel en que sexa publicada esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 27 de setembro de 2012

José Ramón Losada Fernández
Xefe territorial de Lugo