Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 15 de outubro de 2012 Páx. 39240

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 5 de outubro de 2012 pola que se acorda minorar o importe máximo previsto para a promoción de vivendas protexidas de nova construción destinadas a alugamento e de aloxamentos protexidos e urbanización de solo, por parte de empresas privadas, na Orde do 13 de febreiro de 2012 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2012 ao abeiro do Plan de vivenda 2005-2008.

Con data do 12 de marzo de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 13 de febreiro de 2012 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2012 ao abeiro do Plan de vivenda 2005-2008, regulado polo Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, e polo Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro.

No artigo único da citada orde prevíase un importe máximo de 1.014.420 €, con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.770.0, para a promoción de vivendas protexidas de nova construción destinadas a alugamento e de aloxamentos protexidos e urbanización de solo por parte de empresas privadas.

Tramitados os expedientes e considerando os que poden acadar no exercicio 2012 a fase de concesión, queda un remanente de 302.974,05 €, polo que se considera que procede minorar o importe máximo previsto inicialmente para aplicalo a outras necesidades que é preciso atender con cargo aos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Por todo o anterior e en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Minorar en 302.974,05 € o importe máximo previsto para a promoción de vivendas protexidas de nova construción destinadas a alugamento e de aloxamentos protexidos e urbanización de solo por parte de empresas privadas, con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.770.0 do orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas