Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 15 de outubro de 2012 Páx. 39242

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 11 de outubro de 2012 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polos traballadores de empresas auxiliares do Complexo Medioambiental de Cerceda, que comezará o vindeiro día 16 de outubro de 2012 e se estenderá desde a dita data con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma. O artigo 3 deste decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

A Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia dispón, no seu artigo 10, que corresponderá á Sociedade Galega do Medio Ambiente (no sucesivo, Sogama) a xestión dos residuos sólidos urbanos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento, previstas no plan de xestión de residuos urbanos, coas conseguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado dos residuos. Neste sentido, engade no seu parágrafo segundo que toda a xestión de Sogama se realizará de xeito que se garanta o cumprimento de todos os obxectivos recollidos na dita lei, para o que deberá concertar as súas accións coas dos xestores que interveñan nas fases iniciais do proceso.

A xestión dos residuos urbanos, polo que respecta a Sogama e ao presente conflito, iníciase coa recepción dos residuos de máis de 270 concellos, dunha poboación superior a dous millóns de persoas, o que supón unha media diaria de arredor de 2.500 toneladas de residuos que proceden de toda Galicia e que chegan ás instalacións de Sogama en Cerceda por medio de camións e/ou trens, neste último caso, procedentes de Ourense e Vigo.

Non se debe descoñecer que o anuncio dos paros convocados polos traballadores das denominadas empresas auxiliares de Sogama afecta precisamente os traballadores das empresas subcontratistas de Sogama, empresas que realizan os procesos concretos de xestión dos residuos e que teñen un cadro de persoal duns 400 traballadores afectados.

Polo tanto, os paros van dirixidos precisamente ás empresas que como subcontratistas de Sogama operan nas instalacións de transformación e xestión de residuos no municipio de Cerceda (Complexo Medioambiental de Cerceda, CMC, e Vertedoiro de Areosa), imposibilitando directamente a prestación do servizo público referido na presente orde, e que está expresamente previsto na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e na Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, onde se cualifica a xestión de residuos como servizo ineludible á comunidade (no mesmo sentido, a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 9 de outubro de 2002).

O proceso de tratamento dos residuos sólidos urbanos que se realiza nas instalacións de Sogama debe desenvolverse en ciclo continuo e, polo tanto, a súa interrupción é grave en calquera das súas fases. Non obstante, a dita interrupción resulta vital na fase final que se desenvolve na planta termoeléctrica, que constitúe unha planta de xeración de electricidade por valorización dos residuos urbanos unha vez tratados nas fases previas. As paradas intermitentes desta instalación supoñen un serio risco para a seguridade dos traballadores do complexo e para a integridade desta.

No tocante á organización dos paros, é importante facer mención á xustaposición dos períodos de paro nas quendas que rematan e se inician a mediodía, o que, unido á decalaxe dunha hora no comezo e no remate das quendas dalgunhas empresas, provocará paros que serán de tres horas no cambio de quenda de mediodía.

Esta forma de programar os paros fai imposible que no resto da xornada -se faltasen os servizos mínimos- se poida desenvolver o ciclo de xestión de residuos dado o tempo necesario para rematar e iniciar os diversos ciclos de forma segura.

Por todo isto, tendo tamén en conta o volume de residuos que se transportan e xestionan diariamente, a parada da actividade provocaría o colapso na recollida dos residuos a nivel autonómico, que tardaría días en corrixirse, o que, sen lugar a dúbidas, pode provocar serios problemas de salubridade e ambientais a nivel autonómico, cuxas consecuencias serían imprevisibles, e non se podería garantir a prestación do servizo público se non se mantén o mínimo de actividade das instalacións, mediante o sinalamento de servizos esenciais para a Comunidade, que se fixan e xustifican nesta orde, oído o comité de folga. Débese sinalar que os servizos mínimos son proporcionados, ao seren inferiores ao 30 % do cadro de persoal afectado pola folga, tendo ademais en conta que o groso dos servizos se presta a tres ou dúas quendas e que ten que manterse aínda co mínimo imprescindible de persoal, en atención á programación de folga realizada. Neste sentido, procede sinalar que a fixación dos servizos mínimos é substancialmente análoga á fixada na Orde do 8 de febreiro de 2011, pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polos traballadores das empresas auxiliares do Complexo Medioambiental de Cerceda, que comezou o 14 de febreiro de 2011 e se estendeu desde a dita data con carácter indefinido (Diario Oficial de Galicia nº 29, do 11 de febreiro), orde cuxa legalidade resultou confirmada pola Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 30 de novembro de 2011, ao apreciar a motivación e a proporcionalidade dos servizos mínimos fixados.

Con base no anterior e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga que afecta os traballadores das empresas auxiliares do Complexo Medioambiental de Cerceda, que se iniciará o vindeiro día 16 de outubro e que se estenderá desde a dita data con carácter indefinido, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a seguir:

– Planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.

Pulpista: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Axente de circulación: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Axudante axente circulación: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Triadores: 4 en quenda de mañá e 4 en quenda de tarde.

Roldista: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Xefe de quenda: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Operadores de planta: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Operador de pa: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Condutor de camión: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Operario de secadoiro: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Operario de trituradoras: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Oficial mecánico: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Oficial eléctrico: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

– Planta de coxeración, planta termoeléctrica.

Xefe de quenda: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Operador: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Roldista: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Auxiliar roldista: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Condutor de escouras: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

– Depuradoras.

CMC: 1 traballador en quenda de mañá e 1 traballador en quenda de tarde.

Vertedoiro de Areosa: 1 traballador en quenda de mañá e 1 traballador en quenda de tarde.

– Pesaxe CMC.

Pesaxe: 1 oficial en quenda de mañá e 1 oficial en quenda de tarde.

– Vertedoiro de Areosa.

Báscula: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Operador de pa: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Xefe de quenda: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Artigo 2

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir os distintos servizos será realizada pola dirección das empresas auxiliares do Complexo Medioambiental de Cerceda.

Artigo 3

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas