Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 5 de outubro de 2012 Páx. 38475

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se declara de utilidade pública, en concreto, unha instalación eléctrica no Concello do Pino (expediente IN407A 2011/117-1).

Visto o expediente para outorgamento da declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica que a continuación se cita:

Solicitante: Unión Distribuidores Electricidad, S.A. (UDESA).

Domicilio social: José Ángel Valente nº 17, local 62, 15706 Santiago de Compostela.

Denominación: LMTS, CTC e RBTS Eiras de Santiso.

Situación: concello do Pino.

Características técnicas:

– Liña de media tensión soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 395 metros, en condutor tipo RHZ1-2OL-12/20 kV 3 (1×95 mm2 Al), coa orixe na nova cela de liña que se vai instalar no CTC Santiso (expediente IN407A 2010/290-1), con entrada e saída no novo CTC Eiras de Santiso proxectado, e remate no paso aerosubterráneo que se vai realizar no novo apoio proxectado de formigón tipo HVH-15/2500, da LMT a CT Vilabuíl (expediente IN407A 2001/206-1).

– Liña de media tensión soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 150 metros, en condutor tipo RHZ1-2OL-12/20 kV 3 (1×95 mm2 Al), coa orixe na nova cela de liña que se vai instalar no CTC Santiso (expediente IN407A 2010/290-1) e remate no CT aéreo Santiso II.

– Liña de media tensión soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 125 metros, en condutor tipo RHZ1-2OL-12/20 kV 3 (1×95 mm2 Al), coa orixe na nova cela de liña que se vai instalar no novo CTC Eiras de Santiso proxectado e remate no CT particular La Robleda existente.

– Centro de transformación en edificio prefabricado de formigón, cunha potencia de 160 kVA e relación de transformación de 20.000/400-230 V.

– Rede de baixa tensión soterrada a 400 V, con dúas saídas do CTC Eiras de Santiso proxectado, unha de 212 metros de lonxitude en condutor tipo XZ-1 0,6/1 kV 4 (1×240 mm2 Al) e outra cunha lonxitude de 82 metros, en condutor tipo XZ-1 0,6/1 kV 4 (1×50 mm2 Al).

Resultan os seguintes feitos:

Antecedentes.

Primeiro. Logo de emitido informe favorablemente polo persoal técnico do Servizo de Enerxía e Minas desta xefatura territorial, mediante Resolución do 16 de febreiro de 2012, esta xefatura territorial autorizou administrativamente e aprobou o proxecto de execución da instalación eléctrica denominada LMTS, CTC e RBTS Eiras de Santiso, no Concello do Pino. En cumprimento dos trámites regulamentarios dispostos no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, esta resolución foi publicada no DOG nº 46, do 6 de marzo de 2012 e no BOP nº 49, do 12 de marzo de 2012.

Segundo. Con data do 23 de marzo de 2012, UDESA solicitou a declaración de utilidade pública, en concreto, da referida instalación, indicando a necesidade de expropiar un único predio, propiedade de Valiño 339-340, S.L.

Terceiro. A solicitude de utilidade pública, en concreto, someteuse a información pública por Resolución do 21 de xuño de 2012 desta xefatura territorial da Consellería de Economía e Industria e foi publicada para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no DOG nº 131, do 10 de xullo de 2012, e no BOP nº 133, do 13 de xullo de 2012, así como no xornal La Voz de Galicia do 13 de xullo de 2012.

Cuarto. Durante a fase de información pública presentou alegacións Santiago Cruz Barreiro, en nome e representación de Valiño 339-340, S.L, nas que manifestaba o seguinte:

– A declaración de utilidade pública é arbitraria e contraria a dereito, en contra dos lexítimos dereitos de Valiño 339-340, S.L.

– A pretendida declaración de utilidade pública infrinxe o artigo 143.3 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, por non achegar o documento técnico preceptivo, xunto coa solicitude presentada.

– O documento presentado por UDESA, ten erros que impiden a súa tramitación. Por unha banda, a liña soterrada debe ser incluída dentro da relación de bens afectados por afectar os predios e, por outra, o CT foi proxectado nunha parcela que non se corresponde coa realidade física das parcelas.

– A instalación do CT proxectado é un capricho e unha arbitrariedade, xa que a liña que se vai soterrar xa existe e dispón de utilidade pública.

– Existen alternativas menos gravosas. Existe unha zona de dominio público onde se pode situar o CT sen afectar o predio propiedade de Valiño 339-340, S.L. e, alén disto, existe un CT a menos de 80 metros do proxectado con capacidade suficiente para atender a subministración de enerxía eléctrica.

Destas alegacións deuse traslado á empresa promotora UDESA., que contestou en tempo e forma.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Consellería de Economía e Industria é a competente para resolver este procedemento, con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, en relación co artigo 39 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe ás xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e cantas outras funcións lles sexan expresamente atribuídas ou delegadas en materia de industria, seguridade industrial, enerxía e minas, e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. En relación coas alegacións achegadas por Santiago Cruz Barreiro, en nome e representación de Valiño 339-340, S.L., cómpre sinalar o seguinte:

Segundo o artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso, polo que se considera que non é procedente alegar que esta é arbitraria e contraria a dereito.

En relación á falla do documento técnico preceptivo, cómpre subliñar que a solicitude de declaración de utilidade pública foi efectuada con posterioridade á autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución, polo que a documentación técnica á que fai mención o artigo 143.3 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, xa figura no expediente administrativo IN407A 2011/117-1. Por outra banda, o artigo 35 letra f) do título IV, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, consagra o dereito dos cidadáns a non presentar documentos que xa se atopen no poder da Administración actuante, polo que procede desestimar esta alegación.

Dentro do procedemento expropiatorio, para determinar con exactitude a parte dos predios afectados, a súa titularidade, a cuantificación das afeccións ou os cultivos existentes, no momento do levantamento da acta faranse constar todas as manifestacións e datos que acheguen uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, o valor daqueles ou os determinantes da rápida ocupación, conforme recolle o artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa. Cabe sinalar que o artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico establece que a declaración de utilidade pública levará implícita, en todo caso, a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

En relación coa alegación pola que a liña soterrada debe ser incluída na relación de bens afectados, cabe sinalar que, consonte establece o artigo 143.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, é o peticionario da utilidade pública dunha instalación eléctrica quen deberá efectuar a correspondente solicitude ante o organismo correspondente, motivo polo que debe ser desestimada a alegación. Neste punto, hai que indicar que no proxecto autorizado por esta xefatura territorial con data do 16 de febreiro de 2012, as canalizacións que discorren polas parcelas obxecto da urbanización figuraban como existentes, feito este corroborado por persoal técnico desta xefatura.

En relación coa correcta identificación do predio obxecto da expropiación, hai que sinalar que UDESA achegou un informe emitido polos servizos urbanísticos do Concello do Pino, con data do 24 de xaneiro de 2011, que é coincidente cos planos achegados por UDESA xunto coa súa solicitude de declaración de utilidade pública e cos datos catastrais, tamén incorporados á solicitude.

Por outra banda, Santiago Cruz Barreiro, en nome e representación de Valiño 339-340, S.L., recoñece expresamente na súa alegación á autorización administrativa, con data do 19 de decembro de 2011, que a parcela onde se proxecta instalar o centro de transformación é da súa propiedade, polo que se considera que o predio está perfectamente identificado, estimando que procede desestimar esta alegación.

En relación coa localización do CT proposto por Valiño 339-340, S.L. é necesario indicar que, consonte establece o artigo 162 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, unha vez establecida a servidume, o dono do predio servinte poderá solicitar o cambio do trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, e serán pola súa conta os gastos da variación, incluíndose nos ditos gastos os prexuízos ocasionados.

Por todo o exposto, e toda vez que visto o expediente e comprobados os planos parcelarios non se aprecian prohibicións na imposición das servidumes solicitadas, considérase que procede desestimar a totalidade das alegacións formuladas.

En consecuencia, de conformidade coa disposición adicional do Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalación eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 34, do 16 de febreiro de 2001) e co artigo 39 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe ás xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e cantas outras funcións lles sexan expresamente atribuídas ou delegadas en materia de industria, seguridade industrial, enerxía e minas e, á vista do informe emitido polo xefe do Servizo de Enerxía e Minas, no que expón que foron cumpridos axeitadamente os trámites establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e do seu ditame favorable respecto da solicitude presentada por UDESA, de declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada LMTS, CTC e RBTS Eiras de Santiso,

RESOLVO:

Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións eléctricas de características técnicas citadas, tramitadas no expediente administrativo IN407A 2011/117-1, do cal, mediante Resolución do 16 de febreiro de 2012, foi autorizado administrativamente e aprobado o proxecto de execución, coas seguintes consideracións:

– Esta declaración, así como a súa autorización, outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras de las instalacións.

– A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

– As instalacións recollidas no expediente IN407A 2011/117-1 serán executadas nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente no seu dereito.

A Coruña, 2 de outubro de 2012

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña