Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 4 de outubro de 2012 Páx. 38206

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se declara a utilidade pública, en concreto, da LAT 132 kV Gondomar-O Rosal, nos termos municipais de Gondomar, Tomiño, Oia e O Rosal (expediente IN407A 2008/576-4).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Por Resolución do 30 de agosto de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de agosto de 2011, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da LAT 132 kV Gondomar-O Rosal, nos termos municipais de Gondomar, Tomiño, Oia e O Rosal (Pontevedra).

Segundo. O 12 de setembro de 2011 a citada empresa solicita a declaración de utilidade pública, en concreto, da LAT 132 kV Gondomar-O Rosal e presenta a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Liña de alta tensión de 132 kV, de 23.809,32 metros de lonxitude, con inicio no apoio nº 40 da liña de alta tensión Gondomar-Balaídos e final no apoio nº 96 da liña existente de alta tensión de 132 kV O Rosal-Tui. Consta de dous tramos aéreos con condutor LA-180, o primeiro dos cales é de 234,32 metros, no concello de Gondomar. O segundo tramo aéreo consta de 4.811 metros no concello de Gondomar, 4.043 metros no concello de Tomiño, 8.507 metros no concello de Oia e 4.271 no concello do Rosal. Consta de dous tramos subterráneos con condutor Al 630+H165. O primeiro dos tramos subterráneos ten unha lonxitude de 1.081 metros no concello de Gondomar. O segundo tramo subterráneo, de 862 metros, atópase no concello do Rosal.

Concellos: Gondomar, Tomiño, Oia e O Rosal (Pontevedra).

Cuarto. Por Resolución do 8 de novembro de 2011, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra, someteuse ao trámite de información pública a petición de declaración de utilidade pública, en concreto, das citadas instalacións, que se publicou no DOG do 30 de novembro de 2011, no BOP de Pontevedra do 25 de novembro e no xornal Faro de Vigo do 1 de decembro, así como nos taboleiros de anuncios da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra e dos concellos de Gondomar, Tomiño, Oia e O Rosal (Pontevedra).

Así mesmo, practicóuselle notificación individual aos interesados incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

Quinto. Separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servizos, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se for o caso, establecesen o condicionado procedente.

Sexto. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións, das cales se deu traslado á empresa promotora:

• Carmen Cambeiro Giráldez presenta escrito de alegacións en que manifesta non ter recibido notificación informándoa do prezo xusto que lle compense a afección sobre o predio nº 238 da súa propiedade, e expresa, en consecuencia, a súa oposición.

• Juan Conde Diego presenta dous escritos de alegacións en que manifesta que o predio nº 126 da súa propiedade queda inutilizado coa afección para os seus usos normais, mesmo para uso urbano, que en breve adquiriría co novo Plan xeral de ordenación municipal do concello de Gondomar, en tramitación, que quedaría truncado de por vida. Considera tamén que se lle debe aboar o xustiprezo sen máis trámites administrativos, antes ou simultaneamente á ocupación. Por último, o alegante exixe a expropiación total do predio ao considerar que co paso da liña queda afectada toda a parcela canto aos seus usos e o seu valor económico ou, noutro caso, a inclusión no prezo xusto da indemnización polos prexuízos causados a consecuencia da expropiación parcial do propio predio.

• Margarita Luz Fernández Gundín presenta un escrito de alegacións en que dá conta da existencia dun erro na notificación realizada en relación ao predio nº 227, xa que o devandito predio non é propiedade do seu marido, Alfredo Rodríguez Fernández, e é propiedade da propia alegante, polo que solicita que se entendan con ela as sucesivas actuacións. Solicita a variación do trazado ao seu paso polo mencionado predio, cuxa única rendibilidade é ser un piñeiral madeireiro, xa que o sobrevoa pola súa metade, o que fai practicamente inútil a restante parcela, desviándoa seguindo o trazado dunha estrada que linda coa súa parcela ao norte ou por outro camiño que linda ao leste, ou ben, no peor dos casos, seguindo as lindes da súa leira, sen que proceda impoñer a servidume de paso na súa leira, ao abeiro do artigo 161.1 e 2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, ao ser a extensión do piñeiral inferior a media hectárea. Se non se acceder á variación de trazado, a alegante solicita que se proceda á expropiación total da leira.

• Carmen Gómez Martínez presenta escrito de alegacións, como titular do predio nº 340-1, no cal se opón á declaración de utilidade pública da instalación e pon de manifesto a necesidade de indemnizar todo prexuízo sufrido polos expropiados nos seus dereitos, comprendida a diminución dos beneficios de explotación e incluíndo non só a estrita estimación do obxecto expropiado senón, ademais, todas as consecuencias danosas que a expropiación ocasione, todo isto con base na plantación de árbores existente no predio afectado nº 340-1 da súa propiedade, xerador de ingresos á alegante por canto son susceptibles de venda, polo que manifesta a súa total desconformidade ao non existir unha compensación do quebranto efectivo que sofre a propietaria e da perda de ingresos derivada da inexistencia dos piñeiros para a súa venda, polo que solicita a variación do trazado.

• Manuel González Pérez presenta escrito de alegacións, como propietario dos predios nº 66 e nº 66-19, no cal manifesta que a afección sobre os predios nº 66 e nº 66-19 da súa propiedade supón unha mingua patrimonial considerable, posto que nela se pretende realizar unha plantación ou explotación agraria de carácter periódico, o que supón un prexuízo importante na configuración actual do predio e que existen alternativas posibles en predios de titularidade pública estremeiros que suporían un menor prexuízo aos afectados e un cambio de trazado do proxecto de carácter menor, de acordo co disposto no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

• Manuel Braga Vázquez, Hilda Martínez González e Antonio Rodríguez Álvarez presentan escritos de alegacións por separado pero con idéntico contido, nos cales, como propietarios afectados, comunican que Unión Fenosa acepta unha proposta de novo trazado da liña na zona do merendeiro de Donas, polo que solicitan que esta consellería teña constancia deste cambio e realice as xestións oportunas para executar o devandito cambio, para o cal os alegantes achegan proposta e mapas da nova variante.

• Celsa Miranda Giráldez presenta escrito de alegacións no cal pon de manifesto a inxustiza que supón que a liña de alta tensión cruce polo centro do predio nº 257-1 da súa propiedade, cando podería ir perfectamente polo linde coa estrada e seguir o curso do camiño sen prexudicar unha leira con eucaliptos e prado, polo que solicita a modificación do trazado á situación máis vantaxosa e que menos prexudica.

• Isaac González González, en calidade de presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Rosal, presenta escrito de alegacións no cal manifesta que a solicitude de declaración de utilidade pública non cumpre co disposto na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, na cal se recolle que só cabe impoñer servidumes aos montes veciñais en man común cando existan causas de utilidade pública ou interese social prevalente aos do propio monte, mediante declaración expresa da Xunta de Galicia, logo do informe da Consellería do Medio Rural e oída a comunidade afectada, e que non está acreditada no presente caso a prevalencia. Sinalan tamén unha serie de aclaracións en relación ás afeccións do monte:

– Faltaría por incluír na relación de bens e dereitos afectados da comunidade o predio nº 316 que figura na cartografía facilitada pola empresa beneficiaria.

– Todos os expedientes que se tramiten en relación co monte comunal deberán agruparse nun só, que conteña a totalidade da afección, pois resulta incomprensible para o alegante a división realizada do monte en varios terreos cando se trata dunha unidade física e legal.

– O alegante manifesta a desconformidade da Comunidade de Montes coas medicións realizadas pola empresa beneficiaria, xa que a afección por voo debe incluír a totalidade do trazado, incluíndo a superficie correspondente a camiños e pistas que atravesan o monte, e non se inclúe no proxecto a totalidade do terreo afectado nin se respecta o límite do monte, concretamente, con propiedades particulares.

– A afección suporía para o terreo afectado unhas limitacións que o farían practicamente inutilizable para calquera aproveitamento, o que equivalería a unha expropiación total en pleno dominio, polo que a indemnización que deriva da afección por voo debería ser equivalente ao 100 % do terreo afectado e non se debería limitar á parte directamente afectada, xa que a redución da superficie útil do monte e a súa fragmentación impiden a súa explotación ou utilización unitaria e alteran tamén a planificación e xestión prevista no seu proxecto de ordenación.

– Non se describe a afección por ocupación temporal nin se detalla a superficie destinada a tal fin.

– As superficies afectadas están destinadas a explotación forestal de piñeiro e eucalipto, e afecta tamén numerosos exemplares de especies frondosas caducifolias; non figura no expediente, no entanto, unha relación de bens afectados ou inventario do arboredo que resulta afectado.

– Faise constar a necesidade de que se inclúa no expediente a reposición dos servizos afectados pola instalación dos apoios.

Por último, manifestan a desconformidade da Comunidade de Montes co trazado da liña polos gravísimos prexuízos que se ocasionan ao monte e propoñen que o tramo que discorre entre os apoios 53 ao 55 se axuste ao máximo posible á pista forestal situada ao seu leste.

Sétimo. A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto 79/2009, do 19 de abril, e no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polos que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e das súas consellerías (DOG do 20 de abril de 2009 e do 5 de xaneiro de 2012, respectivamente), no Decreto 324/2009, do 11 de xuño (DOG do 17 de xuño) polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, modificada pola Lei 17/2007, do 4 de xullo, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas pola empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

• Con respecto a posibles erros na titularidade, medicións da superficie de afección e perímetro e superficie dos predios afectados, cabe dicir que a empresa beneficiaria tomará razón deles. Non obstante, será durante o levantamento de actas previas á ocupación, acto a que os afectados serán oportunamente convocados, o momento en que se poderán demostrar todas estas cuestións.

• Con respecto ás alegacións relativas á non constancia na relación de bens e dereitos afectados dos bens afectados ou inventario do arborado que resulte afectado, cabe dicir que será durante o levantamento de actas previas á ocupación, acto ao cal serán oportunamente convocados, o momento no que se farán constar as manifestacións e datos que sexan útiles para determinar a superficie da afección e as características dos dereitos afectados, así como a súa natureza.

• Non se toman en consideración as alegacións referidas á valoración da afección das parcelas e á determinación do prezo xusto, por non seren obxecto desta fase do expediente, xa que esta valoración corresponde á fase de prezo xusto.

• Con respecto ás solicitudes de expropiación total, hai dicir que a apertura e resolución do trámite de expropiación total, conforme o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa, se realizará ante a Xefatura Territorial desta consellería en Pontevedra, antes da fase de levantamento de actas previas á ocupación. Aplicarase o establecido no artigo 152 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en canto a que o titular deberá demostrar que a servidume que se vai impoñer fai antieconómica a explotación do predio servente, xustificando as causas concretas.

• Con respecto ás alegacións relativas á afección do proxecto a montes veciñais en man común, de acordo coa Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e co Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da devandita lei, os montes veciñais en man común poderán ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ás do propio monte, mediante declaración expresa da Xunta de Galicia. De acordo co anterior, Unión Fenosa Distribución, S.A., con data do 13 de xaneiro de 2012, presentou ante o Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural e do Mar a solicitude de prevalencia da utilidade pública da liña sobre a dos montes veciñais da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Rosal, que só poderán ser obxecto de expropiación forzosa, unha vez resolto o expediente de prevalencia de utilidades públicas, se existe declaración expresa da Xunta de Galicia de prevalencia da utilidade pública da instalación eléctrica sobre a dos devanditos montes.

• En relación ás alegacións relativas a consideracións de carácter urbanístico e de ordenación do territorio, débese dicir que o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da instalación foi aprobado definitivamente por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de agosto de 2011 e conta con informe favorable, emitido con data do 23 de maio de 2011 pola Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, en aplicación do disposto no artigo 13.3 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

• En relación ás alegacións en que se sinala a falta de descrición da afección por ocupación temporal, de acordo co disposto no artigo 158.d) do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, na servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica inclúese a ocupación temporal de terreos ou outros bens, se for o caso, necesarios para o establecemento, vixilancia, conservación, reparación de liña eléctrica e corte de arboredo, se for necesario.

• Non se aceptan as variacións de trazado solicitadas por varios dos alegantes e débese ter en conta que o trazado das liñas eléctricas se estuda seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no intento de buscar a solución óptima da instalación e axustándose ás prescricións que establece a normativa aplicable, e que o proxecto ten o informe favorable dos servizos técnicos desta consellería e non se dá nestes casos ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso recollidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

• Con respecto ás alegacións presentadas por Manuel Braga Vázquez, Hilda Martínez González e Antonio Rodríguez Álvarez, en relación á aceptación por parte de Unión Fenosa Distribución, S.A. dun novo trazado da liña na zona do merendeiro de Donas, cabe dicir que esta consellería non ten constancia de que a empresa promotora da liña teña aceptado variación ningunha de trazado con respecto ao autorizado e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia con data do 4 de agosto de 2011 nin de que teña presentado ningunha solicitude de modificación do trazado actual. Por outra banda, a variación de trazado a que se fai referencia nos devanditos escritos de alegacións non discorre integramente por terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimoniais do Estado, da Comunidade Autónoma, da provincia ou do municipio, ou seguindo lindes de terreos de propiedade privada, polo que se trasladaría a afección a terceiros, e non se cumprirían conxuntamente as condicións recollidas no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

• Con respecto ás alegacións nas que se fai referencia á necesidade de reposición dos servizos afectados, dicir que a empresa beneficiaria deberá levar a cabo a reposición dos servizos afectados pola instalación da liña.

• Con respecto ás alegacións de Isaac González González, en calidade de presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Rosal, en relación con que non se inclúa o predio nº 316 na relación de bens e dereitos afectados e coa división do monte en varias parcelas, hai dicir que nun primeiro momento, a cartografía inicial incluía a parcela nº 316, a cal foi integrada con posterioridade nas parcelas que figuran na relación definitiva de bens e dereitos afectados presentada pola empresa promotora ante esta consellería para solicitar a declaración de utilidade pública en concreto da liña, que recolle a afección da liña sobre os terreos titularidade da Comunidade de Montes.

Terceiro. No expediente instruído ao efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Declarar a utilidade pública, en concreto, da LAT 132 kV Gondomar-O Rosal, nos termos municipais de Gondomar, Tomiño, Oia e O Rosal (Pontevedra), o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas